Presentación este sábado do Caderno SÍMBOLOS NACIONAIS DE GALIZA na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, ás 18 horas, na Casa-Museo Manuel María preséntase o o caderno “SÍMBOLOS NACIONAIS DE GALIZA, O HIMNO E A BANDEIRA”.

No acto, aberto ao público, contarase coa presenza e a intervención de Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña e especialista e investigador da obra de Eduardo Pondal, e de Xoán Costa, profesor, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza e investigador da orixe da bandeira galega.

As persoas que asistan poderán levar, de balde, cadanseu exemplar desta publicación sobre a bandeira e o himno galego coa letra restituída de acordo co texto orixinal de Eduardo Pondal.

O acto está promovido por Vía Galega (Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza), editora do caderno.

Marta Pazos estrea a ópera ‘Alexina B.’ no Gran Teatre del Liceu esta primavera

Raquel García-Tomás, Premio Nacional de Música 2020, asina a obra e convértese na segunda muller que estrea unha ópera nos 175 anos de historia do teatro barcelonés

A directora de escena Marta Pazos dirixe esta primavera a ópera  ‘Alexina B.. O mítico Gran Teatre del Liceu de Barcelona conta entre os seus pratos fortes para esta tempada coa ópera de Raquel García-Tomás (Premio Nacional de Música 2020), na que Pazos asume a dirección de escena. A estrea de ‘Alexina B.’ no Gran Escenario supón un fito para a historia do Liceu: é a segunda ocasión que o teatro estrea unha ópera composta por unha muller nos seus 175 anos. A primeira ocasión foi hai case 50 anos, cando no 1974 Matilde Salvador estreou Vinatea

Pazos acepta o reto de dirixir na escena o universo sonoro de García-Tomás, con quen xa colaborou en Je suis narcissiste (finalista dos International Opera Awards), e que, ao igual que nas súas últimas montaxes, afronta un traballo no que pon en cuestión os prexuízos, o heteropatriarcado e o binarismo de sexo e xénero. Nesta ocasión, ademais, tamén teñen presenza a violencia das institucións médica e relixiosa.

‘Alexina B.’, cuxo libreto asina Irène Gayraud, parte das memorias de Adélaíde Hérculine Barbin (tamén coñecida como Alexina B.) persoa intersexual nada en Francia no 1838, a quen lle atribúen o sexo feminino ao nacer. Crece nun convento e, co tempo, traballa de institutriz, ocasión na que se namora dunha das súas compañeiras. Porén, nunha sociedade na que a aceptación da diferenza era complicada e a heterosexualidade a norma, Alexina reivindícase como home: cambia de sexo legal e de identidade para ser Abel Barbin. Mais, incapaz de adaptarse, suicídase na súa soidade.

A estrea absoluta de ‘Alexina B.’, unha produción propia do Liceu, será o 18 de marzo de 2023. Nesta ópera, Pazos conta cun equipo conformado por profesionais como Max Glaenzel (escenografía), Silvia Delagneau (vestiario), María Cabeza de Vaca (coreografía) e Nuno Meira (iluminación). No ámbito musical, acompáñase da Orquestra Simfònica del Gran Teatre del Liceu, dirixida por Josep Pons, e cun reparto no que destacan Lídia Vinyes-Curtis, Alicia Amo, Elena Copons, Xavier Sabata, Mar Esteve e o Cor Vivaldi-Petits Cantors de Catalunya baixo a dirección de Òscar Boada.


Máis información e entradas: https://www.liceubarcelona.cat/es/temporada-2022-23/opera/alexina-b

Presentación de Cairón 6 en Palas de Rei e Antas de Ulla

O sábado  21 de xaneiro o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) levará a cabo a presentación do boletín Cairón nº 6 en Palas de Rei e en Antas de Ulla. 

A presentación en Palas de Rei realizarase ás 12,30 no salón de plenos do concello, presidida por Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei e deputado provincial, e coas intervencións de Francisco Pardo, Braulio Vilariño, Xurxo Mouriño e Arturo Regueiro.

A presentación en Antas de Ulla terá lugar ás 18,00 h na Igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla, presidida por Pilar García Porto, deputada provincial e responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo, Hilda García Cabanas, Susana Varela Negro e  Xosé Luis Santiso.

Teatro do Noroeste chega ao Teatro Rosalía Castro da Coruña coa peza de teatro político ‘Último verán en Santa Cristina’

A obra poderá verse na sala coruñesa o venres 20 de xaneiro, ás 20.30 horas

‘Último verán en Santa Cristina’ é un texto firmado polo dramaturgo Eduardo Alonso, ambientado nos anos 60, que aborda as sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista

No texto, un rapaz de 12 anos realiza o tránsito da adolescencia á madurez, descubrindo a natureza da vida e da morte, a esencia do amor e do sexo e, sobre todo, un terrible segredo que oculta a súa familia de militares franquistas

A lonxeva compañía de teatro regresa á Coruña cunha proposta protagonizada por Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela

As entradas para ver o espectáculo están dispoñibles a través da plataforma online Ataquilla https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/teatro-rosalia-castro/15055–ultimo-veran-en-santa-cristina-de-eduardo-alonso.html e, o mesmo día da función, na billeteira do Teatro Rosalía Castro

A lonxeva compañía de teatro galego Teatro do Noroeste regresa á cidade da Coruña para presentar o seu novo espectáculo, Último verán en Santa Cristina, o venres 20 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía Castro. A peza de teatro político, con tintes autobiográficos, firmada polo dramaturgo Eduardo Alonso, está ambientada nos anos 60 e aborda as sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista.

No texto, un rapaz de 12 anos realiza o tránsito da adolescencia á madurez, descubrindo a natureza da vida e da morte, a esencia do amor e do sexo e, sobre todo, un terrible segredo que oculta a súa familia de militares franquistas. Teatro do Noroeste regresa deste xeito á cidade herculina cunha proposta protagonizada por Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela.

As estradas para gozar do espectáculo están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/teatro-rosalia-castro/15055–ultimo-veran-en-santa-cristina-de-eduardo-alonso.html) e, os días de función, na billeteira do propio teatro.

SOBRE O ESPECTÁCULO

Último verán en Santa Cristina conta o acontecido a un rapaz de 12 anos que, no ano 1960, pasa o seu último verán nunha praia preto da cidade na que vive. Moitos anos despois, cando xa é un home adulto, recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta e, na lectura destas cartas, rememora o acontecido entonces.

Como é fillo de militar, o rapaz vive especialmente os acontecementos da sociedade franquista da época: os desfiles na praza da cidade que coinciden coa estancia de Franco no Pazo de Meirás, a poucos quilómetros de onde el veranea. Entre os seus propios recordos, moi escorados nas lembranzas relacionadas co seu paso de neno a adulto, e as cartas agora coñecidas vai descubrindo a relación da súa propia nai, a muller do militar, cun antigo amigo da xuventude, agora fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda fica activa en Galicia nese ano de 1960.

Para o protagonista, agora un adulto, a lectura das cartas e os recordos non moi precisos que aínda conserva de aqueles anos, dos que pasaron xa máis de trinta, vanlle descubrindo as relacións triangulares da súa nai, o seu pai e o partisano que, inevitablemente, rematarán en traxedia.

SOBRE A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.  

DESCARGA DO PRESS KIT DO ESPECTÁCULO ÚLTIMO VERÁN EN SANTA CRISTINA

(dossier, nota de prensa, fotos, vídeos, audio e cartel)

https://www.dropbox.com/scl/fo/tbvqeh8gkzvdlrp3bub3q/h?dl=0&rlkey=dnkk813ywt9bk25kzq1pzaora

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.teatrodonoroeste.com/obra_g.php?idObra=66

VENDA DE ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/teatro-rosalia-castro/15055–ultimo-veran-en-santa-cristina-de-eduardo-alonso.html