Xª edición do CONVIVIO DA CULTURA GALEGA, o 8 de xullo, na Carballeira de Santa Isabel

O  8 de xullo, sábado, celebrarase a Xª edición do CONVIVIO DA CULTURA GALEGA na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, ao pé do río Miño.

O Convivio terá a seguinte programación.

11.15 Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María coa coral Solfa

11.45 Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María e Saleta.

12.30 Actuación na carballeira da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales, e acompañada pola voz da fadista galega Iria Estévez e o guitarrista portugués Artur Caldeira.

13.45 Xantar de convivio (Con previo aviso antes do mércores 5 de xullo, ás 20 horas, pódese reservar sitio nas mesas e cadeiras que disporán na carballeira para o xantar).

16.30 Foliada que conducirá Xurxo Souto na carballeira coas actuacións de Birloque Gaiteiros, Vento Mareiro, Zurrumalla, Xurxo Souto&Richi Casás, Os Parabéns, Baleira, Tribo, e Tradivivas Agra.

Encontro do asociacionismo cultural de base. As directivas das entidades pertencentes a Galiza Cultura (e quen quixer…) reuniranse ás 12.15 no auditorio da Casa-Museo Manuel María para articular a súa actuación en común.

Proxección da película CÓDIGO EMPERADOR, de Jorge Coira, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película CÓDIGO EMPERADOR, de JORGE COIRA, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO. 

Esta segunda proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o SÁBADO 24 DE XUÑO DE 2023, ás 20:00 horas. 

NOTA_INFORMATIVA_CODIGO-EMPERADOR

O Noia Harp Fest convoca o II Premio Portus Apostoli

O 10 º Noia Harp Fest celebrarase do 3 ao 6 de agosto de 2023

O Noia Harp Fest convoca a II edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, que este ano buscará ampliar o repertorio de obras para arpa e banda

O certame promovido polo Festival Internacional de Arpa e o Concello Noia publica as bases do certame, que aumentará a contía do galardón e concederá unha Mención de Honra á peza que quede en segundo lugar

‘Hibrys’, a composición gañadora da primeira edición do Portus Apostoli, estrearase o 5 de agosto da man da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave e coa portuguesa Beatriz Cortesão como solista

A segunda edición do premio internacional de composición Portus Apostoli xa está en marcha. O Noia Harp Fest (NHF) vén de publicar na súa web oficial, www.noiaharpfest.gal, as bases na da nova convocatoria do galardón, patrocinado polo Concello de Noia, e que nesta ocasión recoñecerá as creacións escritas para arpa e banda.

O Premio Portus Apostoli naceu en 2022 como unha aposta por ampliar o repertorio de obras para arpa e orquestra. Desta quenda, o certame afondará nesa mesma idea, mais dirixida a favorecer o aumento de obras nas que o instrumento protagonista do Noia Harp Fest, a arpa,poida combinar cunha banda O galardón, cuxo recoñecemento económico aumenta até os 2.500 euros, conlevará tamén a estrea absoluta da obra no marco dun concerto especial, vinculado ao NHF, a cargo da Banda Municipal de Santiago coa colaboración da Banda de Música de Noia, e coa interpretación de solistas do ámbito internacional. Ademais, como novidade, outorgarase unha Mención de Honra, sen achega económica, para a obra que quede en segunda posición no certame. 

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas as compositoras e compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado de recoñecido prestixio será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa; a coherencia, a proporción e o equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galegas.

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha única obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e banda (sen medios electroacústicos) e deberá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos

Para máis información sobre as bases do II Premio Internacional de Composición Portus Apostoli e a documentación que se debe remitir para poder participar, o NHF recomenda visitar o espazo web www.noiaharpfest.gal, no que se atopará o formulario de solicitude pertinente. O fallo do xurado darase a coñecer antes do 15 de febreiro de 2024.

Beatriz Cortesão e Maximino Zumalave, coa RFG na estrea mundial de ‘Hibrys’

No marco da décima edición do Noia Harp Fest, que se celebrará do 3 ao 6 de agosto, terá lugar a estrea da peza gañadora da primeira edición do Portus Apostoli: Hibrys, do compositor hispano-arxentino Alejandro Civilotti. A Praza do Tapal acollerá na noite do 5 de agosto, a partir das 21:30 horas, a primeira interpretación que se faga da obra. Chegará da man da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do galego Maximino Zumalave (Santiago de Compostela, 1956), e contará coa arpista portuguesa Beatriz Cortesão (Coimbra, 1998), membro da European Union Youth Orchestra (EUYO), como solista.

Ademais da estrea absoluta de Hibrys, o público asistente ao Noia Harp Fest poderá gozar dun concerto extraordinario no que a Real Filharmonía de Galicia interpreterá outras dúas composicións: o Oratorio de Pascua (1º, 2º e 3º movemento) de Johann Sebastian Bach, e a Sinfonía no.5 en do menor, op.67, de Ludwig van Beethoven.



10º Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas como Laoise Kelly, The Pozzies, Müsgo, SondeSeu ou Dilles Chabenat e Daniela Heiderich, entre outras, participarán na décima edición do NHF, que terá lugar do 3 ao 6 de agosto de 2023. Todos os concertos serán de entrada libre e celebraranse en espazos emblemáticos da vila de Noia, como é o caso da Praza do Tapal, da igrexa Santa María A Nova ou do Teatro Coliseo Noela.

20230619-NP-Convocatoria-Portus-Apostoli

Dossier-GAL-10NHF_baixa

Proxección do documental O ÚLTIMO DE ARGANEO, de David Vázquez, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), co apoio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza a proxección do documental O ÚLTIMO DE ARGANEO, de DAVID VÁZQUEZ, que terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o XOVES 29 DE XUÑO DE 2023, ás 20:30 horas. Contarase coa presenza do seu director, o mencionado David Vázquez. 

NOTA_INFORMATIVA_ARGANEO

A Casa-Museo Manuel María programa unha Observación Astronómica na Capela de Santa Isabel en Outeiro de Rei

Eu sei dunha estrela

cal outra non vin:

se eu ollo para ela,

ela olla pra min…!

Este sábado, 17 de xuño, desde a Casa-Museo Manuel María programarase unha OBSERVACIÓN ASTRONÓMICA na capela de Santa Isabel, no mesmo Outeiro de Rei, a partir das 23 horas. Observación guiada do ceo a simple vista e con prismáticos a cargo da Agrupación Astronómica Ío, entidade, esta, que impulsou a proposta, coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, para que a finais de 2019 a Unión Astronómica Internacional nomease unha estrela co nome Rosalíadecastro.

Martín Pawley, da Agrupación Ío, será a persoa que aprenderá a recoñecer algunhas constelacións características do ceo de verán e a orientar coa axuda do firmamento. Observarase, cos prismáticos, algúns obxectos do ceo profundo, entre eles a estrela Rosalíadecastro. Durante a actividade iranse explicando cuestións científicas sobre o ceo (tipos de estrelas, evolución estelar…), así como diferentes aspectos da cultura e as tradicións asociadas ao fimamento. Convídase ás persoas que asistan, que se teñen, traian os seus propios prismáticos para a observación. 

Previamente, e a partir das 21.30 horas, na mesma Casa-Museo Manuel María, Martín Pawley desenvolverá un obradoiro para montar un PLANISFERIO CELESTE (mapa das estrelas). Aprendendo, posteriormente, a usalo para identificar as constelacións que podemos ver no ceo de Galiza en calquera noite da nosa vida e comprender como varía o firmamento co paso das horas e dos días. O obradoiro vai dirixido para persoas maiores de once anos. 

As persoas interesadas pódense inscribir nas dúas ou nunha soa actividade, como desexen. As actividades son de balde e quen queira participar deberá anotarses en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621