O 10 º Noia Harp Fest celebrarase do 3 ao 6 de agosto de 2023

O Noia Harp Fest convoca a II edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, que este ano buscará ampliar o repertorio de obras para arpa e banda

O certame promovido polo Festival Internacional de Arpa e o Concello Noia publica as bases do certame, que aumentará a contía do galardón e concederá unha Mención de Honra á peza que quede en segundo lugar

‘Hibrys’, a composición gañadora da primeira edición do Portus Apostoli, estrearase o 5 de agosto da man da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave e coa portuguesa Beatriz Cortesão como solista

A segunda edición do premio internacional de composición Portus Apostoli xa está en marcha. O Noia Harp Fest (NHF) vén de publicar na súa web oficial, www.noiaharpfest.gal, as bases na da nova convocatoria do galardón, patrocinado polo Concello de Noia, e que nesta ocasión recoñecerá as creacións escritas para arpa e banda.

O Premio Portus Apostoli naceu en 2022 como unha aposta por ampliar o repertorio de obras para arpa e orquestra. Desta quenda, o certame afondará nesa mesma idea, mais dirixida a favorecer o aumento de obras nas que o instrumento protagonista do Noia Harp Fest, a arpa,poida combinar cunha banda O galardón, cuxo recoñecemento económico aumenta até os 2.500 euros, conlevará tamén a estrea absoluta da obra no marco dun concerto especial, vinculado ao NHF, a cargo da Banda Municipal de Santiago coa colaboración da Banda de Música de Noia, e coa interpretación de solistas do ámbito internacional. Ademais, como novidade, outorgarase unha Mención de Honra, sen achega económica, para a obra que quede en segunda posición no certame. 

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas as compositoras e compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado de recoñecido prestixio será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa; a coherencia, a proporción e o equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galegas.

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha única obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e banda (sen medios electroacústicos) e deberá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos

Para máis información sobre as bases do II Premio Internacional de Composición Portus Apostoli e a documentación que se debe remitir para poder participar, o NHF recomenda visitar o espazo web www.noiaharpfest.gal, no que se atopará o formulario de solicitude pertinente. O fallo do xurado darase a coñecer antes do 15 de febreiro de 2024.

Beatriz Cortesão e Maximino Zumalave, coa RFG na estrea mundial de ‘Hibrys’

No marco da décima edición do Noia Harp Fest, que se celebrará do 3 ao 6 de agosto, terá lugar a estrea da peza gañadora da primeira edición do Portus Apostoli: Hibrys, do compositor hispano-arxentino Alejandro Civilotti. A Praza do Tapal acollerá na noite do 5 de agosto, a partir das 21:30 horas, a primeira interpretación que se faga da obra. Chegará da man da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do galego Maximino Zumalave (Santiago de Compostela, 1956), e contará coa arpista portuguesa Beatriz Cortesão (Coimbra, 1998), membro da European Union Youth Orchestra (EUYO), como solista.

Ademais da estrea absoluta de Hibrys, o público asistente ao Noia Harp Fest poderá gozar dun concerto extraordinario no que a Real Filharmonía de Galicia interpreterá outras dúas composicións: o Oratorio de Pascua (1º, 2º e 3º movemento) de Johann Sebastian Bach, e a Sinfonía no.5 en do menor, op.67, de Ludwig van Beethoven.



10º Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas como Laoise Kelly, The Pozzies, Müsgo, SondeSeu ou Dilles Chabenat e Daniela Heiderich, entre outras, participarán na décima edición do NHF, que terá lugar do 3 ao 6 de agosto de 2023. Todos os concertos serán de entrada libre e celebraranse en espazos emblemáticos da vila de Noia, como é o caso da Praza do Tapal, da igrexa Santa María A Nova ou do Teatro Coliseo Noela.

20230619-NP-Convocatoria-Portus-Apostoli

Dossier-GAL-10NHF_baixa