Acto de entrega da Mención de Honra a título póstumo a Darío Rivas Cando, por parte do IESCHA, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), organiza o ACTO DE ENTREGA DA PLACA COA MENCIÓN DE HONRA DO IESCHA A TÍTULO PÓSTUMO A DARIO RIVAS CANDO, acordada por unanimidade na Asamblea Xeral Ordinaria do presente ano, entre outras razóns, “por activar as xestións en memoria democrática con relación a seu pai Severino Rivas, fusilado no 36, resultando ser o primeiro querellante do Estado na causa contra os crimes franquistas na Arxentina”

O acto, presentado por Sabela Figueira, vice-presidenta do Iescha, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o SÁBADO 11 DE NOVEMBRO DE 2023, ás 19:00 e contará coa presenza de:

  • Mª Jesús Rivas, sobriña de Darío Rivas
  • Carmen García Rodeja, voceira da Asociación pola  Recuperación da Memoria Histórica (ARMH)
  • Baldomero Iglesias Dobarrio “MERO”, amigo da familia  

NOTA_INFORMATIVA_DARIO-RIVAS

Proxeccción do documental XOVE, DEMOCRACIA NUCLEAR, de Pedro Lechuga, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba e a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza o vindeiro venres 10 de novembro, ás 20:00 h. a proxección do documental “XOVE, DEMOCRACIA NUCLEAR”, de PEDRO LECHUGA, que recolle a loita das veciñas e veciños da comarca da Mariña contra a central nuclear de Xove na década dos anos 70. Proxectarase no Auditorio Municipal de Vilalba.

O propio director, Pedro Lechuga Mallo, xornalista leonés, será o encargado de guiar o coloquio posterior á proxección do documental.

A entrada é de balde, pero haberá que facer a correspondente reserva na paxina do Concello https://entradasvilalba.es, directamente na Casa da Cultura, ou o mesmo día da proxección na billeteira do Auditorio. 

NOTA_INFORMATIVA_XOVE-DEMOCRACIA-NUCLEAR

Adxuntamos cartaz e nota.

Dios Ke Te Crew esgota todas as entradas dos ‘Tremendos Anos 20’

Dios Ke Te Crew esgota todas as entradas da celebración ‘Tremendos Anos 20’, na que festexará dúas décadas sobre os escenarios 

A cita será nun mes, o sábado 2 de decembro, e contará con Hermano L, High Paw, DJ Mil, Grande Amore, Malandrómeda, Boyanka Kostova,  Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Guillerme (Quempallou), Los Rastreadores, Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa, Rico Suávez, Chicho Selector, Padre Murdock e Croma

Dios Ke Te Crew vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a celebración das súas dúas primeiras décadas sobre os escenarios. Xa non quedan billetes dispoñibles para asistir á xornada maratoniana de directos que terá lugar o 2 de decembro en Santiago de Compostela e na que a banda, ademais de revisar os seus grandes éxitos, se acompañará de numerosos artistas do país para festexar vinte anos de rap en galego

Co gallo da efeméride, o público recibirá, como agasallo pola compra da súa entrada, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións doutras tantas artistas gráficas, e 20 remixes de dúas decenas de temas de Dios Ke Te Crew, feitas por outros tantos produtores musicais. O disco-fanzine, que se editará en formato A5, poderase recoller na Sala Capitol o propio 2 de decembro, e contará con QR’s para a escoita directa das versións das cancións de DKTC.

FESTA TREMENDOS ANOS 20

Nun mes, o vindeiro 2 de decembro, a banda máis emblemática do hip hop galego celebrará por todo o alto as súas dúas décadas de traxectoria musical. A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras de DKTC, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, festexará vinte anos de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”. A banda acompañaranse de artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou), con quen compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán Hermano L, High Paw e DJ Mil desde as 19.30 horas.

Os festexos continuarán na Sala Malatesta. Entre as 00.30 e as 05.00 horas, celebrarase o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selector, Padre Murdock e Croma, e outras sorpresas adicionais.

20231102-NP-DKTC-entradas-esgotadas-para-Tremendos-Anos-20

Proxección do documental A Foreign Song (ciclo Mestre Mateo) no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental A FOREIGN SONG, de César Souto Vilanova, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO. 

Esta sexta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 5 DE NOVEMBRO DE 2023, ás 20:00H. 

NOTA_INFORMATIVA_A-FOREIGN-SONG

Verónica Codesal, compoñente de IALMA, presenta na Casa-Museo Manuel María o seu proxecto “100 Voltas”

VERÓNICA CODESAL, COMPOÑENTE DE IALMA, PRESENTA, O DOMINGO 12 DE NOVEMBRO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O SEU PROXECTO, 100 VOLTAS

Faino acompañada do acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici

Verónica Codesal presentará o próximo domingo día 12, ás 12:30h, na Casa-Museo Manuel María, o seu recente traballo musical 100 VOLTAS. Estará acompañada polo acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici.
Verónica Codesal (voz e pandeireta) é compoñente do coñecido grupo galego-belga Ialma, que conta con sete traballos publicados e que está formado por catro mulleres nacidas e residentes en Bruxelas, mais que son de orixe galega e conforman o seu repertorio con música do noso país. Ademais, Verónica Codesal representou a Bélxica no Festival de Eurovisión no ano 2003 formando parte do grupo Urban Trad. Fíxoo coa canción “Sanomi” quedando na segunda posición.
Nesta ocasión, dous músicos de proxección internacional acompañarán a Verónica Codesal. Por unha parte Didier Laloy (acordeón diatónico e stompbox), é un dos mellores instrumentistas de acordeón diatónico do mundo e solista en orquestras sinfónicas de Alemaña, Italia, Cuba e Bélxica. Pola outra, Damien Chierici  (violino e instrumentos electrónicos), intérprete, compositor e arranxista polifacético (música clásica, folk, composicións para cinema…), o que o levou a compartir escenario con artistas internacionais como Glen Hansard ou Lisa Hannigan, a crear bandas sonoras cinematográficas como a serie belga PANDORE ou á realización de xiras con moitos grupos belgas por Europa.
“100 VOLTAS” é un traballo cheo de cultura e tradición galega que conta cun repertorio que preserva a esencia do pasado ao mesmo tempo que incorpora elementos contemporáneos e diferentes instrumentos. Nel recóllese o compromiso de Verónica Codesal como muller feminista, de maneira que moitas das súas composicións realizáronse sobre textos de distintas poetas galegas (Rosalía de Castro, Xohana Torres, Andrea Nunes, María Lado, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Brais Fernández, Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo) a través dos que contan, xunto a textos tradicionais, as súas historias de mulleres, compañeiras, nais, fillas, amigas, traballadoras, artistas, activistas…
O concerto da Casa-Museo Manuel María forma parte da xira por Galiza para a a presentación de “100 VOLTAS” en que o grupo realizará seis concertos entre os días 11 e 16 de novembro, sendo o único na provincia de Lugo.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) no whatsapp 698177621 ou en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.