Dios Ke Te Crew esgota todas as entradas da celebración ‘Tremendos Anos 20’, na que festexará dúas décadas sobre os escenarios 

A cita será nun mes, o sábado 2 de decembro, e contará con Hermano L, High Paw, DJ Mil, Grande Amore, Malandrómeda, Boyanka Kostova,  Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Guillerme (Quempallou), Los Rastreadores, Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa, Rico Suávez, Chicho Selector, Padre Murdock e Croma

Dios Ke Te Crew vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a celebración das súas dúas primeiras décadas sobre os escenarios. Xa non quedan billetes dispoñibles para asistir á xornada maratoniana de directos que terá lugar o 2 de decembro en Santiago de Compostela e na que a banda, ademais de revisar os seus grandes éxitos, se acompañará de numerosos artistas do país para festexar vinte anos de rap en galego

Co gallo da efeméride, o público recibirá, como agasallo pola compra da súa entrada, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións doutras tantas artistas gráficas, e 20 remixes de dúas decenas de temas de Dios Ke Te Crew, feitas por outros tantos produtores musicais. O disco-fanzine, que se editará en formato A5, poderase recoller na Sala Capitol o propio 2 de decembro, e contará con QR’s para a escoita directa das versións das cancións de DKTC.

FESTA TREMENDOS ANOS 20

Nun mes, o vindeiro 2 de decembro, a banda máis emblemática do hip hop galego celebrará por todo o alto as súas dúas décadas de traxectoria musical. A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras de DKTC, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, festexará vinte anos de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”. A banda acompañaranse de artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou), con quen compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán Hermano L, High Paw e DJ Mil desde as 19.30 horas.

Os festexos continuarán na Sala Malatesta. Entre as 00.30 e as 05.00 horas, celebrarase o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selector, Padre Murdock e Croma, e outras sorpresas adicionais.

20231102-NP-DKTC-entradas-esgotadas-para-Tremendos-Anos-20