Fillas de Cassandra presenta ‘Últimas Dionisíacas’, “un convite ao festexo colectivo e catártico”

Fillas de Cassandra presenta Últimas Dionisíacas, o seu novo directo, “un convite ao festexo colectivo e catártico” que verá a luz o 16 de febreiro en Vigo

A presentación do novo show de María SOA e Sara Faro, no que estarán acompañadas doutras dúas músicas, terá lugar o venres 16 de febreiro ás 22.00h no Auditorio Mar de Vigo e as entradas xa están á venda en www.teuticket.com
Nestas Últimas Dionisíacas, Fillas de Cassandra revisitará os temas máis recoñecidos de Acrópole, o seu álbum debut, desde unha electrónica máis escura e potente, mais tamén dará a coñecer temas inéditos que formarán parte do seu próximo LP


Logo de derrubar a Acrópole e subir aos altares das grandes salas de concertos e festivais do país coas súas letras directas e a forte conexión co público, Fillas de Cassandra bota unha última ollada á polis. Este 2024 o dúo regresa cun novo directo, Últimas Dionisíacas, unha proposta na que demostrará que a mestura entre o tradicional, o pop e o techno ten un efecto catártico. A presentación terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo e as entradas están á venda desde esta mesma mañá a través da plataforma www.teuticket.com 
Fillas de Cassandra, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro, subirase de novo aos escenarios o vindeiro mes de febreiro cunha nova proposta escénica e musical, na que fará unha nova lectura dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. 
Últimas Dionisíacas é un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducirse nunca. Cantos efímeros, revisitacións da Acrópole e parte do que ha de ser o noso próximo traballo discográfico convive nunha única escena atravesada pola luz, a escenografía e moito do in-desvelable”, explica o dúo.

Así, neste novo directo, concibido por Sara Faro e María SOA como un “festexo colectivo e catártico, que só pode acontecer na convivencia entre o público e o palco”, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante. Ademais, entre as novidades da proposta, o dúo estará acompañado doutras dúas músicas (Tania Caamaño e Marina Vidal), apostando así pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

A presentación de Últimas Dionisíacas, a nova proposta musical e escénica de Fillas de Cassandra, terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. A apertura de portas será ás 21.30 horas e o concerto comezará ás 22.00 horas. As entradas pódense adquirir desde esta mesma mañá, desde 18 euros, a través de www.teuticket.com

20240104-NP-Fillas-de-Cassandra-presenta-Ultimas-Dionisiacas

Elsa Muñiz presenta “Invisible Sadness”, o seu novo single que trata de poñer en valor a saúde mental

“Invisible Sadness” é o nome que recibe o primeiro sinxelo do novo traballo de Elsa Muñiz. A pianista galega retoma a súa carreira cunha mensaxe potente que trata de poñer un altofalante sobre a saúde mental e a falta de medios para tratala. A peza instrumental a piano está acompañada dun relato no que se narran os seus sentimentos e pensamentos con relación a este tema, así como o seu proceso compositivo. Este xénero, do que Elsa é precursora e máxima expoñente, bautizouse como “pianotelling”, e baséase na combinación de pezas instrumentais clásicas a piano e microrrelatos, democratizando así o acceso á música clásica e facilitando o seu entendemento ao público xeral.

Este tema, xunto co seu microrrelato, foron compostos en 2021 tras a morte da actriz Verónica Forqué, un feito que conmocionou ao país e foi obxecto de múltiples debates e coloquios nos medios cunha idea clara, a de que era necesario reforzar os medios dende a sanidade pública para tratala eficazmente. “Invisible Sadness” é unha alegación de empatía cara toda esa xente que está a pasar por malos momentos e á que a artista interpela para tratar de facerlles chegar que non están sós, buscando que se sintan comprendidas e queridas. Para iso, o 20% da recadación xerada polo single irá destinada a Stop Suicidios, unha plataforma de concienciación sobre o suicidio que busca conseguir un plan nacional de prevención e medios á altura para o tratamento de enfermidades mentais.

O novo camiño de Elsa Muñiz comeza con este primeiro sinxelo, que formará parte dun EP que sairá nos próximos meses. Este lanzamento discográfico estará acompañado dunha xira de presentación na que a pianista presentará o seu novo proxecto xunto aos grandes éxitos que a levaron a ser unha referente no seu xénero.

MÁIS SOBRE ELSA MUÑIZ

A vida de Elsa Muñiz é a da pianista que cambiou as tornas, que quixo ver máis aló e que foi quen de reinventarse para atopar unha nova forma de facer máis accesible a música clásica. Coas súas obras superando os dous millóns de escoitas, un libro publicado sobre o xénero musical do que ela é expoñente e varias pezas audiovisuais achegando a música clásica a localizacións insólitas como unha batea, Elsa conságrase como a artista polivalente que vén revolucionar o panorama instrumental clásico. Creadora de atmosferas únicas, delicadas e elegantes, Elsa é capaz de ambientar calqueira evento co seu virtuosismo.

Con máis de seiscentos mil oíntes repartidos ao redor do mundo, máis de dous millóns de escoitas nas súas cancións e concertos en salas nacionais e internacionais, Elsa é, ademais dunha das grandes referentes do seu xénero, unha pioneira. Súa é a autoría do xénero “pianotelling”, onde combinan as instrumentais clásicas para piano e os microrrelatos. Desta forma, o afastamento existente entre o público xeral e a música clásica disípase e faise accesible, democratizando así o entendemento do propio xénero.

Homenaxe a Bernardo García Cendán na Praza da Igrexa de Vilalba

sábado 30 de decembro de 2023, ás 12:30 horas, na Praza da Igrexa de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza a Homenaxe a Bernardo García Cendán no seu XI Cabodano, que terá lugar ao carón da lousa coa inscrición conmemorativa inaugurada o ano pasado (obra do canteiro José Gómez de Bernardo “Pepón”).

NOTA_INFORMATIVA_HOMEANXE-A-BERNARDO-XI

Presentación do libro 1916-1923: O IRMÁN PEÑA NOVO, de Alberte Currás Gato, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza o xoves 28 de decembro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a presentación do libro 1916 1923: O IRMÁN PEÑA NOVO do que é autor ALBERTE CURRÁS GATO.

O acto contará co presenza do propio autor do libro, Alberte Currás Gato, e de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

Esta publicación foi editada polo Instituto de Estudos Chairegos e financiada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

NOTA_INFORMATIVA_ALBERTE-CURRAS