Espectáculo de títeres TANXARINA o sábado 20 de xaneiro na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 20 de xaneiro, ás 17 h, visíta a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, TANXARINA, unha compañía de títeres con 40 anos de historia, que nos traerá (público: nenas e nenos a partir de 4 anos e familias) o seu espectáculo TITIRICIRCUS.
A peza é un recordo ensoñador e festivo do grande circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous traballadores daquel circo que lembran agora con monicreques de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo co público, irán aparecendo os números máis importantes daquel vello circo desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica; o malabarista máis divertido e bailador do mundo…
Para asistir ao espectáculo cómpre facer a reserva (billete 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Fillas de Cassandra pendura o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación do seu novo directo, ‘Últimas Dionisíacas’


O dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu en menos de dez días os 1.400 billetes dipoñibles para a cita do 16 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo

Fillas de Cassandra vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación no seu novo directo, Últimas Dionisíacas, que terá lugar o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. En menos de 10 días, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu os 1.400 billetes dispoñibles para a cita; o que dá boa conta do momento que está a vivir o grupo, a gran revelación da escena musical do pasado 2023 tanto polas súas letras directas como pola forte conexión co público. 
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas farán unha revisión dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. Neste novo directo, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante; e o dúo estará acompañado por outras dúas músicas sobre o escenario (Tania Caamaño e Marina Vidal). Alén deste formato, na estrea das Últimas Dionisíacas o vindeiro 16 de febreiro, Fillas de Cassandra contará coa colaboración de diversas artistas cuxas identidades aínda non saíron á luz.

Guadi Galego e Rozalén colaboran en ‘Todo esto te daré’, xa dispoñible nas plataformas dixitais

‘Todo esto te daré’, o novo tema de Guadi Galego con Rozalén, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais  

A canción acompáñase dun ‘lyric video’ realizado por La Parrocha Estudio que se pode ver desde hoxe en Youtube


Todo esto te daré, o novo sinxelo de Guadi Galego no que colabora Rozalén, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. A peza, orixinalmente incluída na banda sonora da ficción producida por Audible sobre o libro homónimo de Dolores Redondo, inicia agora unha nova vida coa incorporación da creadora manchega. “A voz de Rozalén leva o tema a un lugar marabilloso”, sinala Guadi Galego. 
A canción, estreada este venres 12, acompáñase dunha creación audiovisual realizada por La Parrocha Estudio e que se pode ver a través de Youtube. Segundo explica Guadi Galego, Todo esto te daré é unha canción de amor inspirada “na vida dos protagonistas, nun tema de amor e dor e na propia Paula”. 

O lanzamento de Todo esto te daré prodúcese no mes no que Guadi Galego regresa aos escenarios do país logo dunha ausencia de máis dun ano e medio. A artista volve cun novo directo, Síntese Horizonte, expresamente concibido para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros. Será a través de tres concertos exclusivos que terán lugar o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela (entradas esgotadas), o 27 de xaneiro en Ferrol e o 13 de abril en Pontevedra. Os últimos billetes dispoñibles para estas dúas citas pódense adquirir na plataforma www.ataquilla.com.

Escoita Todo esto te daré https://links.altafonte.com/qb9kb8r

Todo esto te daré en video https://www.youtube.com/watch?v=haLh49nQxx8

Guadi Galego publica ‘Todo esto te daré’, con Rozalén, este venres 12 de xaneiro

O tema forma parte da banda sonora da ficción sonora producida por Audible e dirixida por Paula Cons sobre o premiado libro de Dolores Redondo 

Todo esto te daré é unha canción de amor inspirada nos protagonistas do texto, unha peza de amor e dor, e a propia Paula”, explica Guadi Galego

Guadi Galego inicia o ano 2024, no que regresará aos escenarios do país, coa publicación dun novo tema, Todo esto te daré, no que conta coa colaboración de Rozalén. A canción, que se acompaña dun vídeo, poderase escoitar a partir das 00.00 horas do venres 12 de xaneiro, nas principais plataformas dixitais, nas que xa é posible pregardar a peza

Todo esto te daré nace dunha proposta feita pola directora de cine e guionista Paula Cons para formar parte da banda sonora da ficción sonora sobre o texto homónimo de Dolores Redondo (galardoado no 2016 co Premio Planeta). Trátase dunha produción orixinal da plataforma Audible e que neste caso dirixe a cineasta coruñesa, con quen Guadi Galego xa colaborou anteriormente. É o caso da longametraxe A ila das mentiras (2020), filme para o que a cantante de Cedeira compuxo o seu tema central Sálvora.  

Agora chega este novo sinxelo, unha canción de amor inspirada “na vida dos protagonistas, un tema de amor e dor e a propia Paula”, segundo explica Guadi Galego, quen celebra a oportunidade de poder contar con Rozalén na gravación. “A súa colaboración foi un agasallo. A voz de Rozalén encaixouna no sitio que tiña que estar”, apunta a creadora. 

REGRESO AOS ESCENARIOS CON SÍNTESE HORIZONTE

O lanzamento de Todo esto te daré prodúcese no mes no que Guadi Galego regresará aos escenarios do país logo dunha ausencia de máis dun ano e medio. A artista volve cun novo directo, Síntese Horizonteunha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros. 

Síntese Horizonte presentarase a través de tres concertos exclusivos que a cantante ofrecerá acompañada dunha banda conformada por grandes artistas do país. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e de Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez no coro. Ademais, a produción do novo directo destaca tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, con Guadi Galego baixo a premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora.

As entradas para a estrea de Síntese Horizonte o venres 26 de xaneiro en Santiago xa están esgotadas, mais aínda é posible adquirir os billetes para as citas de Ferrol (27 de xaneiro no Teatro Jofre) e de Pontevedra (13 de abril no Teatro Principal, no marco do ciclo Resoan). As entradas, nos dous casos, pódense adquirir na plataforma www.ataquilla.com

20240110-NP-Guadi-Galego-Todo-esto-te-dare-con-Rozalen