Propagación da cripta

Aos refuxiados

No traxe do armario que me agarda cada día

hai unha sorte fútil de raíces antergas,

é a terra brava do reencontro.

 

Pero ti, meu irmán, levas na fronte a estrela do silencio libertario

e abasteces as lagañas doutra noite que agocha a súa presa,

cando osmas o rostro mouro do regreso.

 

Eres un líder.

 

Eres líder das cousas que peneiran outra terra sen límite,

alma de crisálida, celme de luz

na paisaxe desnortada.

 

Meu irmán, será certo que o apelido deste verso

é a sílaba cicelada na catástrofe sólida

da túa civilización?

Non asintas,

eu xa ouvín o eco da pouta da barbarie

e seguidamente abrinche a miña porta,

porque agora compartimos a xistra interior,

o frío dos cravos desterrados,

o carazo afogado na pel das pálpebras;

o xerme da primeira morte.

 

Meu irmán -avergóñame dicilo-

telo camiño do odio escrito na fronteira condensada,

progresiva alocución de morte

progresiva alocución de morte

progresiva alocución de morte,

e ofrécenche mantenza opípara,

cualificados impolutos da desidia

cualificados impolutos da desidia

cualificados impolutos da desidia,

non lles adicarei outro verso

porque non saben intuír o enigma do abismo.

 

Abrinche a miña porta e terás outra poesía, meu irmán,

xa que as palabras afloran das cousas

e aquí, cando menos, as cousas teñen teito.

 

Terás outra poesía absorta no exilio do impasse,

na antese da rosa,

na pel do vento de namorado,

na pluma clara de laverca asidua;

no aroma que desprende o solpor do horizonte.

 

Eu sei, meu irmán, que somos propagación da cripta

na cerna de carballo podre,

mais, por iso mesmo, meu irmán,

o tempo labra en nós

ocos suficientes

prá que volvan

aniñar as pombas.