Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

SANTA AMARANTA DE CEDEIRA


Sábese que existe unha xerarquía celestial: hai diferentes clases sociais entre os santos e as santas, que se reflicte na terra a xeito de popularidade e devoción por parte dos fieis. Por exemplo, San Pedro, Santa Catalina de Siena ou San Bieito son máis respectados e recoñecidos, o que lles permite ocupar un lugar próximo ao Creador, mentres outros e outras teñen que conformarse con estar máis afastados.

Sobre este tema recomendo o libro: “The Celestial Hierarchy: Different Social Classes” do teólogo irlandés de Cork, Liam Brennan. Libro que causou unha grande controversia a mediados do século XIX, xa que foi considerado pola Igrexa Católica de herético e o seu autor excomungado. Como xa nos dá a entender o título da obra, nela fálase das diferentes clases sociais e os roles dos anxos e dos santos no plan divino.

Santa Amaranta de Cedeira, atópase entre as santas menos coñecidas e pódese dicir de practicamente nula devoción. O seu lugar no Paraíso está, por tanto, moi afastado de O Noso Señor, na compaña de outras tan ignoradas como ela: Santa Cirenia de Monçao ou Santa Basemat de Plasencia, por poñer dous exemplos.

Pero quen foi Santa Amaranta de Cedeira? Amaranta Domuiño  Peirallo naceu en torno a finais do século XVIII na vila de Cedeira, de familia de pescadores. Amaranta, xa de pequeniña mostrou un carácter rebelde e desafiante, sen respectar os mandatos dos seus pais nin acatar as normas da Igrexa Católica. Chegada a adolescencia o seu comportamento non mellorou, todo o contrario, volveuse unha rapaza libidinosa a que todos os mozos da comarca acudían para saciar o seu apetito sexual. As andruviadas da moza chegaron a oídos do bispo que cominou ao cura párroco a tomar cartas no asunto.  Este, despois de discutilo cos pais, decidiu desterrala da vila. Desde os 16 anos ata a súa morte aos 52, pasou día e noite no pico dun cantil, soportando as inclemencias do tempo e a bravura do Atlántico. Algo parecido a Simón, o Estilita, que pasou os últimos 37 anos da súa vida sobre unha columna. E Amaranta, igual que o santo de Cilicia, tivo que vencer as tentacións do demo, que non foron poucas.

Ninguén se podía achegar a ela, agás os pais para levarlle a comida ou roupa de abrigo. Pero quen pode coa mocidade? Os rapaces da vila comezaron ir vela ás agachadas . Alí, ante a súa presenza, espíanse e dábanse ao vicio solitario, soltándolle palabras obscenas  e provocándoa. Ela aguantaba con coraxe, pois estaba arrepentida da súa vida anterior e quería expiar os moitos pecados que cometera.

Ao cabo dun tempo o cura soubo das visitas e en lugar de prohibilas, alentounas. Pensou que era unha boa forma de probala na súa virtude, tentándoa co que máis lle magoaba. Por alí foron pasando varias xeracións e a todas se resistiu. Ou iso era a versión oficial ( a versión que interesaba para presentar ao papa a vida casta de Amaranta de cara á súa canonización futura). Pero tamén corría pola vila, medio en segredo, que máis dunha vez acabara axuntándose con algún veciño, mesmo con D. Ubaldo, o señor cura. Pero xa se sabe o que pasa nestes casos. Se damos crédito a todos os dixomedíxomes imos aviados. 

Morreu Amaranta e non se lembra enterro máis grandioso na comarca. Tres días de rosarios, peregrinacións ao lugar onde pasara a vida, misas polo seu eterno descanso… Para logo ser soterrada nun lugar de honra a carón da igrexa. Non pasarían 50 anos e Amaranta Domuíño Peirallo pasou a ser Santa Amaranta de Cedeira. Durante un tempo foi moi venerada na bisbarra, ata que un día desapareceu misteriosamente a única imaxe que dela se tiña. Dise que a roubaron uns rapaces de Ortigueira e que nun tempo andaron dun lugar a outro, realizando actos indecentes coa súa efixie ata que a perderon ou destruíron. Desde entón ninguén volveu saber nada da imaxe e a santa foi quedando aos poucos no esquecemento. Hoxe, preguntas en Cedeira por Santa Amaranta e o máis probable é que non atopes ninguén que saiba dela. É máis, cando lle contas a historia, poñen cara de sorpresa e mírante coma un becho raro, como dicindo: A ti fáltache un verán, rapaz!