Desde este luns, día 1, e até o sábado 20 de xullo, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, os creadores desenvolverán o seu proxecto de investigación escénica ‘Do outro lado’, sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural

Unha vez finalizada a súa residencia, Fran Rodríguez & Brais Pombo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón Teatro do Centro Dramático Galego o venres, 19 de xullo, ás 20.00h, con acceso libre

Paralelamente, o tándem artístico participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Os artistas Fran Rodríguez & Brais Pombo inician a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 1 de xullo, en Santiago de Compostela. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollen, desde hoxe e até o sábado 20 de xullo, a terceira destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do tándem creativo que ten por título Do outro lado, un proxecto de investigación escénica sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural, que conta coa colaboración do colectivo Memoria e Cinema e da compañía de teatro Mevadeus.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Fran Rodríguez & Brais Pombo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón Teatro do CDG de Santiago de Compostela, o venres, 19 de xullo, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Paralelamente, os creadores participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembrona Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Do outro lado é un proxecto de investigación escénica sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural, que conta coa colaboración do colectivo Memoria e Cinema e coa compañía de teatro Mevadeus. 

A canteira que abriu o monte de Traspielas é o símbolo do que parten para afondar nas consecuencias que esta ferida ten desde o máis persoal ata o máis global, reflexionando sobre o concepto de habitar nun sentido amplo, poñendo o corpo e o audiovisual como ferramentas de traballo.

Do outro lado indaga en como o capitalismo introdúcese na clase campesiña, desfacendo a comunidade e a súa capacidade de autosuficiencia, para converter a esas persoas en entes individuais que entran a ser produtores e consumidores no mercado, invitándonos a reflexionar sobre a nosa forma de habitar o mundo na actualidade.

SOBRE OS ARTISTAS

O traballo de Fran Rodríguez céntrase na interacción entre o corpo e o entorno, usando como soportes o cine, a fotografía e o son. Móvese nas fronteiras dos xéneros artísticos, cunha noción dun campo expandido das prácticas artísticas nas súas intervencións, que empregan desde material de arquivo ata a súa propia metraxe. Actualmente, está a realizar a súa primeira longametraxe, Da túa man para a miña, xunto a Coral Piñeiro, coa produtora Miramemira.

As súas obras puidéronse ver en diversos eventos e festivais como os Encontros da Imaxe; o Festival Internacional de Fotografía e Artes Visuais de Braga (Portugal); a mostra Paisaxe_0, de Poligonal Colectivo, na Galería Metro; o XIII Premio de Artistas Novos do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela; ou o Festival Ffoco da Coruña. 

Rodríguez participa no X Encontro de Novos Artistas da Cidade da Cultura de Galicia e, no ano 2022, recibe unha residencia artística nas Illas Aran, en Irlanda, para realizar un proxecto fotográfico no arquipélago BirdSong, da man de Stills&Motion.

Brais Pombo nace en Fornelos de Montes (Pontevedra) en 1999. É actor, performer e músico, formado en interpretación xestual na ESAD de Galicia e na Janácek Academy of Music and Performing Arts de Brno (República Checa).

O seu proxecto musical Faíscas gaña o Primeiro Premio no Xuventude Crea de Música 2022.  Forma parte da compañía de teatro físico Mevadeus, gañadora do Primeiro Premio Xuventude Crea de Teatro 2021 coa peza Agro 5G. Con Outrora Nós, a formación álzase, tamén, co terceiro premio ao espectáculo mellor valorado polo público da programación VigoCultura 2022.

Pombo realizou prácticas como performer na prestixiosa compañía belga de teatro físico Troubleyn Jan Fabre e formou parte do elenco do espectáculo When are we? no Buran Teatr daa República Checa. Asimesmo, participou no espectáculo de danza contemporánea Masks, dirixido pola coreógrafa Ursula Terzan. 

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia- cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.


2024.07.01.-NP-Residencias-Paraiso-FB