Caamaño&Ameixeiras seguen expandindo o seu proxecto máis alá das fronteiras galegas: o dúo galego viaxa estes días a Canadá para participar no Mundial de Montreal 2025, un dos eventos máis importantes da música de raíz en América do Norte. A súa presenza é posible grazas á selección de Sounds from Spain, plataforma impulsada por ICEX e INAEM para apoiar a proxección internacional da música española.

A actuación terá lugar hoxe, martes 18 de novembro, no Cabaret Lion d’Or, dentro do showcase oficial de Sounds from Spain, e permitirá que o dúo presente o seu proxecto a programadores, axentes e profesionais de todo o continente.

Para Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras esta viaxe supón un paso significativo cara aos seus obxectivos a medio prazo: abrir o mercado norteamericano, consolidar redes profesionais e sentar as bases para futuras xiras por Canadá e Estados Unidos. “Supón un avance importante na internacionalización do proxecto, agradecemos profundamente esta selección”, explican.

Logo de percorrer Europa (Austria, República Checa, Eslovaquia, Italia, Francia, Portugal, Açores, Países Baixos, Alemaña, Bélxica…), Caamaño&Ameixeiras continúan ampliando fronteiras e levando a música galega a novos escenarios internacionais.