A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove este novo certame, pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 €

O prazo para a preinscrición en liña no premio remata este domingo, 16 de xuño, e pode realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24

A escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos foi a encargada de deseñar o trofeo deste I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, que a artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) pintará para que sexa unha peza única

O certame está dirixido a todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024

O xurado especializado encargado de valorar as obras recibidas -que, polo de agora, superan xa a trintena- está integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado

Este domingo, 16 de xuño, remata o prazo para participar no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña. Trátase dun novo certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo que foi realizado pola escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos. A creadora deseñou unha colección de catro esculturas destinadas a ser pintadas cada ano por un artista diferente como parte da recompensa á persoa gañadora do certame. Nesta primeira edición do premio, a artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) será a encargada de pintar o trofeo para que sexa unha peza única.

XURADO DO I PREMIO AUTOBÁN

Por outra banda, este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 confirmou xa ao xurado especializado que será o encargado de valorar as obras recibidas -que, polo de agora, superan xa a trintena- e estará integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado: 

María Gil I Investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, onde traballa sobre arte gráfica na Galicia contemporánea e as relacións entre arte e política na autoedición. 

Brais Rodríguez I Colaborador de múltiples fanzines, publica cómics autoeditados desde o selo Carne Líquida. Foi merecedor de varios galardóns, coma o Premio Castelao, o GZ Crea e o Injuve. É profesor na EASD Pablo Picasso. 

Toño Vilaverde I Desde 2011 é libreiro na tenda Alita Cómics da Coruña. Foi tamén colaborador dos tres primeiros fanzines de Aministía Internacional Nai dos Desterrados.

MÁIS INFORMACIÓN E BASES DE PARTICIPACIÓN NO CERTAME

No certame poden participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. A preinscrición en liña no premio, que remata este domingo, 16 de xuño, pode realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24, mentres que as bases completas de participación poden consultarse en: https://cutt.ly/Bases-Premio-Autoban-23-24.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración. 

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal/premio24