AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago convocan a artistas emerxentes en danza para ser acompañadas durante un novo proceso de creación durante o 2024.

Da Man nace como un proxecto colaborativo de AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago apoiado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento na creación de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria cos obxectivos de impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes.

As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha nova peza a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, financieiro e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira. Durante este acompañamento se lle trasladan os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, búsqueda de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuitos e contactos, etc. 

Bases da convocatoria:  

Que buscamos?
-Unha artista emerxente galega.
-Unha artista emerxente de ámbito nacional. 

Ambas artistas que, sen importar a súa idade, xénero, nin datos biométricos, teñan creados un máximo de 5 espectáculos integrados en circuitos/programacións profesionais e queiran iniciar o proceso de creación dunha nova peza de danza que pode ser en formato tanto de sala como de rúa/non convencional e máximo 2 intérpretes/creadoras.

Que ofrecemos?
1- Un acompañamento 360: facemos un acompañamento en todo o proceso de xestión de compañía, de produción e creación, plan de distribución e calquera outra etapa que contemplen os plans das creadoras.
2- A inclusión da peza no catálogo de AMARELO Distribución Escénica.

Que pedimos?
3 documentos en pdf:
1- Carta de motivación. Máximo 1 páxina.
2- Proxecto no que se mostren as claves da nova creación (formato, equipo, calendario previsto, … e todos os datos que se consideren relevantes).  Máximo 3 páxinas
3- CV con links a traballos anteriores (se os hai). Máximo 2 páxinas.

Onde e cando?
Prazo de recepción de solicitudes: Ata o 22 de decembro de 2023. Envía a documentación a lilian@amarelo.es co asunto Da Man Galega ou Da Man Estatal segundo corresponda.
O día 15 de xaneiro de 2024 publicarase a resolución en redes e web. 

Quen somos:

Lilian Portela – é a directora de AMARELO Distribución Escénica
Lilian Portela inicia o seu camiño nas artes escénicas no ano 2011, traballando en produción, distribución e xestión para distintas compañías de danza, teatro e música.
En 2022 decídese a crear a súa propia empresa e así nace AMARELO Distribución Escénica, un proxecto adicado á distribución nacional e internacional de artes escénicas coa intención de servir de corrente de transmisión entre artistas e programadores e facer chegar ao público espectáculos frescos, atractivos e de calidade.
En AMARELO apostamos por compañías emerxentes e novos valores que comezan a destacar no sector. Poñendo o foco na danza e as novas linguaxes, respaldamos espectáculos que procuren seducir a todo tipo de público.
www.amarelo.es

Manu Lago – é asesor de AMARELO Distribución Escénica e forma parte do equipo de xestión de A Casa Vella e a Plataforma Sólodos.
Máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya (2015), Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2000), Técnico superior en Artes Plásticas pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo (2002).
É o creador do Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia e o catálogo de distribución (2017-2022)  Galicia Danza Contemporánea
Formou parte de proxectos como Festival Abanea, Festival Corpo(a)terra, 6coreógrafas, Paula Quintas Cía, Colectivo Glovo, Pisando Ovos, Matarile Teatro, Teatro Galán, En Pé de Pedra, …
Foi o coordinador de PROPULSA Danza + Paisaxe + Patrimonio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22 e coproduciu o espectáculo Clásicas Desfeitas Vol 3 ca Fundación Cidade da Cultura e Centro Dramático Galego, 2021.
www.manulago.com

Xunta de Galicia. Da Man é un proxecto apoiado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego – Agadic. 
www.industriasculturais.xunta.gal