No marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín canario está a traballar en residencia desde o pasado 6 de xullo na súa proposta Phantom en A Fábrica, espazo que se suma por primeira vez ás Residencias Paraíso no ano do seu 10º aniversario
Phamtom céntrase na relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, examinando os catalizadores dunha danza que excede o corpo que a baila e onde o pracer de bailar xoga un papel fundamental
Agora, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, no marco do Festival Rúa Ext-Cénica, este domingo, 19 de xullo, ás 20.00h, no Parque de Luis Seoane, en Santa Cruz, con acceso libre
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado luns, 6 de xullo, o bailarín canario Darío Bardam iniciaba en Oleiros a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía en A Fábrica, en torno á súa proposta Phantom.
Phantom é unha proposta que se centra na relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, examinando os catalizadores dunha danza que excede o corpo que a baila e onde o pracer de bailar xoga un papel fundamental.
Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco do Festival Rúa Ext-Cénica, este domingo, 19 de xullo, ás 20.00h, no Parque de Luis Seoane, en Santa Cruz, con acceso libre.
Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
SOBRE O PROXECTO
Phantom, a última produción de Darío Bardam, céntrase na relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, seguindo as liñas de investigación desenvolvidas nos seus proxectos “seguir movendo” e “ES UN NO PARAR”, que examinan os catalizadores dunha danza que excede o corpo que a baila (ritmo, repetición, retroalimentación, arquivo, mirada, voz, entre outros).
En Phantom, experiméntase con distintos beats e melodías a través de sets de DJ, xunto coa superposición de sombras e luces como aparello teatral; construíndo un corpo fantasmagórico que se desvanece para deixar espazo a que todo baile.
Na base de todo o proxecto, o pracer de bailar desempeña un papel fundamental.
Phantom estréase en Tenerife en outubro de 2026.
SOBRE O ARTISTA
Darío Bardam é un bailarín canario cuxa práctica artística explora a danza como forma autónoma de coñecemento, así como as prácticas de desidentificación como mecanismos de mediación.
Formouse en Teatro Victoria (Tenerife), Institut del Teatre (Barcelona), DOCH – Escola de Danza e Circo (Estocolmo) e JLU – Universidade de Giessen (Alemaña). Ao longo da súa traxectoria, colaborou como bailarín, co-creador e intérprete con Cullberg, Aleksandar Georgiev, Deborah Hay, Cristina Caprioli, Ofelia Jarl Ortega, Philip Berlin e Poliana Lima, entre outras.
É co-dreamer do proxecto-institución ICC (Imaginative Choreographic Center), cofundador do equipo artístico STEAM ROOM e membro da xunta directiva da asociación PiedeBase (Canarias). Darío codirixe, xunto con Beatriz Bello, o LAV-C (Laboratorio de Artes Vivas e Cidadanía de Canarias).
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos, interpretará Alén do azul, a obra gañadora, composta polo coruñés Teo Montero Rey
O concerto inaugural da 13ª edición do Noia Harp Fest terá lugar o 29 de xullo, ás 20.30 horas, no Teatro Coliseo Noela
O arpista José Antonio Domené será o solista encargado de protagonizar a gala de entrega do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, o concerto que abrirá a 13ª edición do Noia Harp Fest o vindeiro 29 de xullo no Teatro Coliseo Noela. Domené sumarase á Real Filharmonía de Galicia para interpretar a estrea absoluta de Alén do azul, a obra coa que o compositor coruñés Teo Montero Rey gañou a cuarta edición deste certame. Nesta ocasión, a orquestra estará dirixida polo mestre César Ramos.
Creaado no ano 2022 por iniciativa do Noia Harp Fest, o Premio Internacional de Composición Portus Apostoli nace co obxectivo de ampliar o repertorio existente de pezas para arpa e orquestra. Grazas á estreita colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, o festival vén estreando cada verán as partituras gañadoras do certame.
Nesta última convocatoria, a obra elixida polo xurado -composto polo compositor Fernando Buide, o director de orquestra Fernando Briones e as arpistas Céline Landelle e Alba Barreiro- foi a de Teo Montero Rey (A Coruña, 2005), fallada o pasado mes de febreiro. O tribunal salientou dela unha escritura orquestral “moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”, ademais dunha parte de arpa “moi variada e que utiliza tecnicamente moi ben o instrumento”. “Estruturalmente conta cunha boa narrativa musical. A cadencia de arpa e un clímax orquestral constrúen un arco dramático final moi coherente”, apuntou o xurado.
José Antonio Domené é un dos arpistas españois máis destacados da súa xeración. Nado en Alberca de las Torres (Murcia), graduouse no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e no Royal College of Music de Londres, e é doutor en Música pola Universidad Politécnica de Madrid. Arpista titular da Oviedo Filarmonía e colaborador principal da Orquesta Sinfónica de Navarra, imparte clases no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, ademais de ter exercido como profesor asociado de música de cámara e repertorio orquestral no Conservatorio de Reggio Emilia (Italia).
Domené colaborou coas principais formacións españolas (incluídas a Real Filharmonía de Galicia, a Orquesta Nacional de España ou a do Teatro Real) e con orquestras de Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Rusia ou os Estados Unidos. Membro fundador da Asociación Española de Arpistas (AEDA), conta tamén cunha destacada discografía e numerosas gravacións en directo para Radio Clásica (RNE) e Catalunya Música.
Jose Antonio Domené regresa á vila de Noia logo da súa actuación no festival no ano 2021
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará a súa 13ª edición do 29 de xullo ao 1 de agosto. O único evento cultural do noroeste peninsular dedicado á arpa consolida neste 2026 a súa aposta pola innovación, a creación propia e a diversidade de estilos: o seu cartel reúne desde a música clásica e antiga ata o jazz, a electrónica e a canción de autor. Serán dez concertos, todos eles de acceso gratuito, nos que haberá un forte protagonismo das mulleres arpistas. Beatriz Martínez, Maeve Gilchrist, Neleta Ortiz, Siobhán Armstrong, Sona Jobarteh ou Park Stickney son algunhas das figuras que actuarán en Noia.
O evento é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. Conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española. Todos os concertos serán de acceso libre ata completar capacidade.
Programación completa do Noia Harp Fest
29.07, Teatro Coliseo Noela | Real Filharmonía de Galicia e José Antonio Domené. Estrea de ‘Alén do azul’, gañadora do Premio Portus Apostoli 2025
30.07, Liceo de Noia | V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia
30.07, Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
30.07, Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea
31.07, Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
31.07, Teatro Coliseo Noela | Banda do NHF con Su Garrido Pombo
31.07, Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio
01.08, Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant
No marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o artista, comisario e investigador brasileiro está a traballar en residencia desde o pasado 8 de xullo na súa proposta Zoombies
Mesturando teatro, discurso político e cultura pop, o espectáculo revela como o medo e a deshumanización foron utilizados para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial
Agora, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, mañá sábado, 18 de xullo, ás 20.00 horas, na mesma Igrexa da Madalena, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado mércores, 8 de xullo, o artista, comisario e investigador Pedro Vilela iniciaba a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.
E o facía na Igrexa da Madalena, no marco da MIT de Ribadavia, en torno á súa proposta que ten por título Zoombies. Mesturando teatro, discurso político e cultura pop, o espectáculo revela como o medo e a deshumanización foron utilizados para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial.
Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar dentro do programa da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, na mesma Igrexa da Madalena, este sábado, 18 de xullo, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
SOBRE O PROXECTO
A obra utiliza a figura do zombi como metáfora para explorar como, ao longo da historia, construímos inimigos externos. Mesturando teatro, discurso político e cultura pop, o espectáculo revela como o medo e a deshumanización foron utilizados para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial.
SOBRE O ARTISTA
Pedro Vilela (20 de xaneiro de 1985, Recife, Brasil) é artista, comisario e investigador nas áreas das artes performativas e dos estudos decoloniais, cunha traxectoria consolidada entre Brasil e Portugal. É doutor en Educación Artística pola Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto e mestre en Artes Escénicas pola Universidade Federal da Bahía, ademais de investigador vinculado ao I2ADs – Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade.
Entre 2009 e 2015, foi xestor e director artístico do Grupo Magiluth, un dos principais grupos do Brasil. Neste colectivo, dirixiu: O CANTO DE GREGÓRIO; VIÚVA, PORÉM HONESTA e LUIZ LUA GONZAGA, sendo as dúas últimas realizadas por convite da Fundación Nacional das Artes (FUNARTE). Posteriormente, desenvolveu a plataforma TREMA!, consolidando a súa traxectoria autoral, con ALTÍSSIMO e TERRORISMO.
Vivindo en Portugal desde 2019, creou para o programa Cultura en Expansión o espectáculo itinerante TRAVESSIA, a partir do testemuño de 50 inmigrantes brasileiros; estreou FIGUEIREDO, sobre o xenocidio indíxena durante a ditadura militar brasileira; GRANDE NELSON, en colaboración con Diego Aramburo, figura clave das artes escénicas bolivianas; FISSURA, en colaboración co premiado dramaturgo brasileiro Alexandre Dal Farra; e PRIMAVERA, en colaboración co dramaturgo chileno Alexis Moreno. Tamén participou en coproducións internacionais como ESTRECHO/ESTREITO e G.O.L.P., xunto ao Teatro La María (Chile) e ao Teatro Experimental do Porto (Portugal), ademais de performances con colectivos españois como NyamNyam e Azkona&Toloza.
Formou parte do WEYA – World Event Young Artist (2012), en Nottingham, e do Programa Momentum, en Edimburgo (2017), por convite do British Council. O seu traballo foi destacado pola revista Antro Positivo en 2023 como un dos principais directores escénicos en activo no Brasil, sendo ademais o primeiro latinoamericano galardoado co Premio Magaly Muguercia (Iberescena, 2024).
Como comisario, asinou a programación do TREMA! Festival en Recife (2012-2022) e da Central Eléctrica (2019–2025), espazo no Porto xestionado por Circolando, destacando o VOLTS – Encontro Internacional de Artes Performativas. Desde 2019 colabora tamén no apoio curatorial do FITEI. En 2023, concibiu Quilombo_TREMA!, dedicado a artistas negros e racializados, cuxa segunda edición terá lugar en 2026.
Entre 2015 e 2020, fundou e coordinou a revista TREMA! e foi crítico da revista Continente. Actualmente integra a plataforma internacional Performing Borders e redes como IETM e Aerowaves, participando en proxectos financiados por Erasmus+, Culture Moves e Creative Europe.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
A 7ª edición do festival do ‘Orgullo do Norte’ celebrado na cidade herculina do 5 ao 12 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos da man de festexadas propostas como «ZAHARAVE», Miriam Rodríguez, Whigfield, Alba Reche, Julieta, María Isabel, Leticia Sabater, Tú peleas como una vaca, arde, Jonydasvie, Montedapena, raze, Terrae DJ’s, Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon, entre outras
Nunha época na que, lamentablemente, o odio ocupa determinados contextos públicos, a cita reivindicase co apoio dun público fiel, amplo e plural e das diversas institucións e entidades colaboradoras como un dos ‘Orgullos’ de referencia a nivel estatal, sendo un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, con coloridas propostas para todas, todos e todes
A asistencia de público nesta sétima edición do Atlantic Pride mantivo unha boa saúde, rexistrando preto de 35.000 persoas, pese á tormenta vivida en Galicia a tarde do sábado, 11 de xullo, á celebración do Mundial de fútbol –co partido disputado pola selección española a noite do venres 10 de xullo- e ao ‘botellón’ que debilitou notablemente a estrutura dun evento gratuíto organizado por unha asociación sen ánimo de lucro que se financia, tamén, grazas ao consumo responsable nas barras do recinto
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinada a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva; a cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, a través dos Concertos do Xacobeo, ademais do apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia e Globalgrafic
Entre o 5 e o 12 de xullo, A Coruña converteuse un ano máis na sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sétima edición do Atlantic Pride. Trátase dunha cita xa imprescindible do calendario musical e cultural do verán en Galicia, cunha proposta única e diversa que reúne descubrimento musical e nostalxia, novas voces e grandes himnos do pop interxeneracional, iconas que forman parte da memoria colectiva, talento e diversión drag e figuras galegas emerxentes que cada ano ocupan un lugar fundamental na programación do festival.
Do 5 ao 12 de xullo na Coruña, O Atlantic Pride propuxo oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade, consolidando á cidade da Coruña como capital da diversidade e o orgullo no noroeste peninsular. A cita contou con máis de 40 festexadas actuacións.
A 7ª edición do festival do ‘Orgullo do Norte’ celebrado na cidade herculina do 5 ao 12 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos da man de propostas como «ZAHARAVE», o espectáculo electrónico de Zahara, Miriam Rodríguez, Whigfield, Alba Reche, Julieta, Azúcar Moreno, Leticia Sabater, María Isabel, Jorge González Ricky Merino, Kika Lorace, Tú peleas como una vaca, arde, Jonydasvie, Montedapena, raze, Terrae Dj’s, Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, la Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon, ademais do novo Atlantic Drag!
Mentres, aos pratos do festival, nas pinchadas encargadas de abrir e pechar as diferentes xornadas da cita nesta sétima edición, situáronse DJ’s de referencia da escena estatal e galega, como Oro Jondo, Dennis Moore, Paola, DJ Cés, DJ90, DJ Licho e DJ Flashback.
Nunha época na que, lamentablemente, o odio ocupa determinados contextos públicos, a cita reivindicase co apoio dun público plural e das institucións e entidades colaboradoras como un dos ‘Orgullos’ de referencia que se celebran a nivel estatal nesta época do ano, sendo un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, con coloridas propostas para todas, todos e todes.
A asistencia de público nesta sétima edición do Atlantic Pride mantivo unha boa saúde, rexistrando preto de 35.000 persoas, pese á tormenta vivida en Galicia a tarde do sábado, 11 de xullo, á celebración do Mundial de fútbol –co partido disputado pola selección española a noite do venres 10 de xullo- e ao ‘botellón’ que debilitou notablemente a estrutura dun evento gratuíto organizado por unha asociación sen ánimo de lucro que se financia, tamén, grazas ao consumo responsable nas barras do recinto.
Un ano máis, o Atlantic Pride convidou a todos os públicos a sumarse á festa e gozar da diversidade do ‘Orgullo do Norte’ coruñés: “celebramos á nosa sétima edición como un festival LGTBIQ+ consolidado, aberto e diverso, nacido para celebrar a liberdade, a visibilidade e o dereito de todas, todes e todos a vivir o espazo público con orgullo”, apuntan desde Orgullo Coruña (ORCO).
E engaden: “somos populares, interxeracionais, libres e profundamente diversos. Gústanos a sorpresa, gústanos romper etiquetas e gústanos construír unha programación que non se pareza a ningunha outra. Esta é unha das grandes singularidades do noso festival, do que moi pronto anunciaremos as datas para a oitava edición. Grazas e agardámosvos en 2027l!”.
“Seguiremos a traballar coa vontade firme de que todas as persoas se sintan representadas e benvidas, para seguir situando a nosa cidade como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración, apostando, de novo, pola sinais de identidade desta cita xa icónica da Coruña: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”. Desde ORCO, queren facer, tamén, unha chamada á responsabilidade: “O Atlantic Pride non é posible sen un público fiel que apoia á celebración dun evento aberto e gratuíto. Estamos moi agradecidos polo incondicional apoio da audiencia, pero si debemos incidir en que situacións como o botellón debilitan a nosa capacidade para ofrecer propostas artísticas de calidade ano tras ano, que non son sostibles unicamente coas aportacións dos nosos patrocinadores e apoios”.
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinada a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva; a cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, a través dos Concertos do Xacobeo, ademais do apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia e Globalgrafic.
A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, e a compañía galega de distribución alimentaria ratificaron esta mañá o seu acordo de colaboración
A oitava edición do programa de intercambio cultural a través das artes escénicas, cuxo lema será “Latexos Escénicos”, celebrarase do 18 de setembro ao 15 de novembro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa
Por sexto ano consecutivo, a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski apoia o proxecto de intercambio de artes escénicas Camiño Escena Norte (CEN). Faino como patrocinador oficial da oitava edición do programa, que se celebrará do 18 de setembro ao 15 de novembro, afianzando así o seu compromiso con esta iniciativa que promove o intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa.
Na firma do acordo estiveron presentes o director de Comercial e Marketing de Vegalsa-Eroski, Jesús Diz, a presidenta de Escena Galega, Eva Alonso, e membros da compañía Teatro O Cubo. “En Vegalsa-Eroski entendemos a cultura como un elemento esencial para o desenvolvemento social e a cohesión dos territorios nos que estamos presentes. Por iso, renovamos un ano máis a nosa colaboración con Camiño Escena Norte, un proxecto que fomenta o intercambio cultural, achega as artes escénicas a novos públicos e fortalece os vínculos entre comunidades”, declarou Jesús Diz.
Pola súa banda, Eva Alonso indicou que para Camiño Escena Norte, e por extensión para a asociación que preside, promotora de CEN en Galicia, “é de enorme importancia contar un ano máis coa complicidade e apoio de Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial do proxecto. Unha iniciativa que cremos que se aliña perfectamente cos valores que compartimos e que ademais para o sector escénico profesional é un exemplo de compromiso do grupo co territorio e o intercambio cultural por medio do apoio á cultura”.
Un programa que se verá en case 60 localidades
A edición de 2026 contará cunha programación oficial que se celebrará do 18 de setembro ao 15 de novembro, na que participarán 18 compañías de teatro, danza, ilusionismo, artes do movemento e novo circo mostrando os seus espectáculos en case 60 localidades dos seis territorios.
Entre as compañías galegas seleccionadas para esta edición figuran Teatro O Cubo, coa súa produción Voo; Teatro de Ningures, con As gardiás, ou o nó do tecelán; e Ártika Cía, con Non pasarán.
Alén da programación oficial, o proxecto volverá desenvolver a súa iniciativa FOCO, que este ano estará centrada en Asturias, onde se levará a cabo unha colaboración especial coa asociación promotora da Comunidade, EscenAsturias. Dentro desta batería de actividades haberá unha promoción sectorial e difusión das artes escénicas do territorio. “Fainos especial ilusión que este ano o foco estea posto en Asturias, un territorio no que estamos en expansión e no que actualmente contamos con 14 establecementos Autoservicios Familia”, remarcou Jesús Diz.
Este 2026, tamén se volveu a editar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte, unha publicación que camiña xa pola súa cuarta edición e que serve de promoción de 36 producións seleccionadas. O obxectivo deste catálogo é ter unha ferramenta a maiores para a difusión e distribución das artes escénicas profesionais galegas, asturianas, cántabras, vascas, rioxanas e navarras fóra das súas fronteiras.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castilla y León con 291 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.
Sobre Camino Escena Norte
CEN naceu co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños que transitan polo norte da Península Ibérica e que teñen, como destino final, Santiago de Compostela. Desde a súa primeira edición, celebrada en 2019, CEN levou o teatro, a danza, as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados, en moitos casos, dos circuítos habituais de programación, favorecendo así o acceso a este tipo de propostas á veciñanza de diferentes municipios e localidades.
CEN é unha iniciativa impulsada polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa) unidas na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto. O programa conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura.