A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, e a compañía galega de distribución alimentaria ratificaron esta mañá o seu acordo de colaboración

A oitava edición do programa de intercambio cultural a través das artes escénicas, cuxo lema será “Latexos Escénicos”, celebrarase do 18 de setembro ao 15 de novembro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa

Por sexto ano consecutivo, a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski apoia o proxecto de intercambio de artes escénicas Camiño Escena Norte (CEN). Faino como patrocinador oficial da oitava edición do programa, que se celebrará do 18 de setembro ao 15 de novembro, afianzando así o seu compromiso con esta iniciativa que promove o intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa.

Na firma do acordo estiveron presentes o director de Comercial e Marketing de Vegalsa-Eroski, Jesús Diz, a presidenta de Escena Galega, Eva Alonso, e membros da compañía Teatro O Cubo. “En Vegalsa-Eroski entendemos a cultura como un elemento esencial para o desenvolvemento social e a cohesión dos territorios nos que estamos presentes. Por iso, renovamos un ano máis a nosa colaboración con Camiño Escena Norte, un proxecto que fomenta o intercambio cultural, achega as artes escénicas a novos públicos e fortalece os vínculos entre comunidades”, declarou Jesús Diz. 

Pola súa banda, Eva Alonso indicou que para Camiño Escena Norte, e por extensión para a asociación que preside, promotora de CEN en Galicia, “é de enorme importancia contar un ano máis coa complicidade e apoio de Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial do proxecto. Unha iniciativa que cremos que se aliña perfectamente cos valores que compartimos e que ademais para o sector escénico profesional é un exemplo de compromiso do grupo co territorio e o intercambio cultural por medio do apoio á cultura”.

Un programa que se verá en case 60 localidades

A edición de 2026 contará cunha programación oficial que se celebrará do 18 de setembro ao 15 de novembro, na que participarán 18 compañías de teatro, danza, ilusionismo, artes do movemento e novo circo mostrando os seus espectáculos en case 60 localidades dos seis territorios.

Entre as compañías galegas seleccionadas para esta edición figuran Teatro O Cubo, coa súa produción Voo; Teatro de Ningures, con As gardiás, ou o nó do tecelán; e Ártika Cía, con Non pasarán. 

Alén da programación oficial, o proxecto volverá desenvolver a súa iniciativa FOCO, que este ano estará centrada en Asturias, onde se levará a cabo unha colaboración especial coa asociación promotora da Comunidade, EscenAsturias. Dentro desta batería de actividades haberá unha promoción sectorial e difusión das artes escénicas do territorio. “Fainos especial ilusión que este ano o foco estea posto en Asturias, un territorio no que estamos en expansión e no que actualmente contamos con 14 establecementos Autoservicios Familia”, remarcou Jesús Diz.

Este 2026, tamén se volveu a editar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte, unha publicación que camiña xa pola súa cuarta edición e que serve de promoción de 36 producións seleccionadas. O obxectivo deste catálogo é ter unha ferramenta a maiores para a difusión e distribución das artes escénicas profesionais galegas, asturianas, cántabras, vascas, rioxanas e navarras fóra das súas fronteiras.

Sobre Vegalsa-Eroski

Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castilla y León con 291 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.

Sobre Camino Escena Norte

CEN naceu co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños que transitan polo norte da Península Ibérica e que teñen, como destino final, Santiago de Compostela. Desde a súa primeira edición, celebrada en 2019, CEN levou o teatro, a danza, as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados, en moitos casos, dos circuítos habituais de programación, favorecendo así o acceso a este tipo de propostas á veciñanza de diferentes municipios e localidades.

CEN é unha iniciativa impulsada polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa) unidas na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto. O programa conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura.