
A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos, interpretará Alén do azul, a obra gañadora, composta polo coruñés Teo Montero Rey
O concerto inaugural da 13ª edición do Noia Harp Fest terá lugar o 29 de xullo, ás 20.30 horas, no Teatro Coliseo Noela
O arpista José Antonio Domené será o solista encargado de protagonizar a gala de entrega do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, o concerto que abrirá a 13ª edición do Noia Harp Fest o vindeiro 29 de xullo no Teatro Coliseo Noela. Domené sumarase á Real Filharmonía de Galicia para interpretar a estrea absoluta de Alén do azul, a obra coa que o compositor coruñés Teo Montero Rey gañou a cuarta edición deste certame. Nesta ocasión, a orquestra estará dirixida polo mestre César Ramos.
Creaado no ano 2022 por iniciativa do Noia Harp Fest, o Premio Internacional de Composición Portus Apostoli nace co obxectivo de ampliar o repertorio existente de pezas para arpa e orquestra. Grazas á estreita colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, o festival vén estreando cada verán as partituras gañadoras do certame.
Nesta última convocatoria, a obra elixida polo xurado -composto polo compositor Fernando Buide, o director de orquestra Fernando Briones e as arpistas Céline Landelle e Alba Barreiro- foi a de Teo Montero Rey (A Coruña, 2005), fallada o pasado mes de febreiro. O tribunal salientou dela unha escritura orquestral “moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”, ademais dunha parte de arpa “moi variada e que utiliza tecnicamente moi ben o instrumento”. “Estruturalmente conta cunha boa narrativa musical. A cadencia de arpa e un clímax orquestral constrúen un arco dramático final moi coherente”, apuntou o xurado.

José Antonio Domené
José Antonio Domené é un dos arpistas españois máis destacados da súa xeración. Nado en Alberca de las Torres (Murcia), graduouse no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e no Royal College of Music de Londres, e é doutor en Música pola Universidad Politécnica de Madrid. Arpista titular da Oviedo Filarmonía e colaborador principal da Orquesta Sinfónica de Navarra, imparte clases no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, ademais de ter exercido como profesor asociado de música de cámara e repertorio orquestral no Conservatorio de Reggio Emilia (Italia).
Domené colaborou coas principais formacións españolas (incluídas a Real Filharmonía de Galicia, a Orquesta Nacional de España ou a do Teatro Real) e con orquestras de Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Rusia ou os Estados Unidos. Membro fundador da Asociación Española de Arpistas (AEDA), conta tamén cunha destacada discografía e numerosas gravacións en directo para Radio Clásica (RNE) e Catalunya Música.

Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará a súa 13ª edición do 29 de xullo ao 1 de agosto. O único evento cultural do noroeste peninsular dedicado á arpa consolida neste 2026 a súa aposta pola innovación, a creación propia e a diversidade de estilos: o seu cartel reúne desde a música clásica e antiga ata o jazz, a electrónica e a canción de autor. Serán dez concertos, todos eles de acceso gratuito, nos que haberá un forte protagonismo das mulleres arpistas. Beatriz Martínez, Maeve Gilchrist, Neleta Ortiz, Siobhán Armstrong, Sona Jobarteh ou Park Stickney son algunhas das figuras que actuarán en Noia.
O evento é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. Conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española. Todos os concertos serán de acceso libre ata completar capacidade.
Programación completa do Noia Harp Fest
29.07, Teatro Coliseo Noela | Real Filharmonía de Galicia e José Antonio Domené. Estrea de ‘Alén do azul’, gañadora do Premio Portus Apostoli 2025
30.07, Liceo de Noia | V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia
30.07, Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
30.07, Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea
31.07, Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
31.07, Teatro Coliseo Noela | Banda do NHF con Su Garrido Pombo
31.07, Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio
01.08, Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant
01.08, Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz
01.08, Praza do Tapal | Sona Jobarteh