Aberta a convocatoria para o IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026

X Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026, Galiza + Portugal, no marco da XI Xornada da Sección de Literatura Dramática

  • Organizada pola AELG coa colaboración do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e o Camões-Centro Cultural Português em Vigo

BASES DA CONVOCATORIA PARA O IX FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2026: GALIZA + PORTUGAL

O Festival terá lugar dentro da XI Xornada da Sección de Literatura Dramática 2026, o domingo 25 de outubro de 2026, no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña, entre as 10:00 e as 21:00 h., aproximadamente.

Convocatoria aberta a 7 proxectos de artes escénicas que utilicen textos en galego ou portugués, individuais ou colectivos, para un espectáculo en calquera das modalidades e xéneros das artes escénicas. Debe tratarse dunha peza ou proposta escénica que estea en proceso de creación/realización.

Un comité de selección, formado por Afonso Becerra, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro (TRC) da Coruña e Célia Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Português em Vigo (Camões–CCP em Vigo), baseándose en criterios artísticos, escollerá 4 propostas de Galiza e 3 propostas de Portugal, para seren (re)presentadas no IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal.

Unha vez (re)presentadas, as/os creadoras/es de cada proxecto deberán emitir un voto secreto polo proxecto que consideren mellor, excluíndo na papeleta de votación o seu propio. Estes votos e os do comité organizador e, se así o considerar, o da persoa convidada de honra, concederán o V PREMIO do IX FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2026, que consistirá na estrea da peza. É importante sinalar que, unha vez (re)presentados os proxectos, o xurado pode considerar que ningún deles reúne as características ou condicións necesarias e, por tanto, deixar o premio deserto.

O funcionamento deste festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos.Xusto despois, haberá un tempo complementario para unha breve análise, debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.

No breve debate posterior ás presentacións búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que pode servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabado desas pezas en proceso.

As (re)presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipa de dramaturxia considere máis axeitado. Para a selección do proxectos privilexiaranse aqueles en que as presentacións reforcen ou indaguen no escénico, máis do que na simple lectura dun texto.

Aínda que o nome deste evento é “Festival”, non contamos coas infraestruturas nin a capacidade de produción dun festival de artes escénicas ao uso. Neste caso trátase dun espazo diáfano, cunha luz xeral e con mínimas posibilidades no que atinxe a equipamento técnico. Tampouco hai tremoias nin persoal técnico ao servizo das (re)presentacións dos proxectos. Por tanto, é necesario que as/os creadoras/es amosen o seu traballo, ou o bosquexo do seu traballo, dentro das súas propias capacidades para facelo.

Condicións:

– Asígnase un orzamento total de 500 euros para cada proxecto seleccionado desde Galiza e 600 euros para cada proxecto seleccionado desde Portugal, onde se entenden incluídos todos os custos (desprazamentos, etc.).

– Prazo para a presentación de propostas: 25 de setembro de 2026.

– A selección dos proxectos será realizada por parte da organización (Afonso Becerra de Becerreá, vogal da Sección de Literatura Dramática da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña; e Célia Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Português em Vigo (Camões–CCP em Vigo) en función de:

+ Descrición e formulación do proxecto.
+ Breve mostra da peza.
+ Currículum das/os dramaturgas/os.

Estes materiais deberán ser enviados en formato dixital, antes das 24 h. do 25 de setembro de 2026, a: oficina@aelg.org

– As/os creadoras/es seleccionados para (re)presentar os seus proxectos escénicos deben comprometerse a estar presentes durante toda a xornada que dura o Festival (dentro da XI Xornada da Sección de Literatura Dramática 2026, o domingo 25 de outubro de 2026, no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña, entre as 10:00 e as 21:00 h., aproximadamente) e participar nos debates dos proxectos (re)presentados polas/os súas/seus colegas, de tal xeito que poidan, ao final da xornada, emitir o voto correspondente para o V Premio do IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal.

V PREMIO DO IX FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2026

Ademais do orzamento asignado a cada proposta para a súa (re)presentación no IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal, un comité, formado polo Vogal de Literatura Dramática da AELG, Afonso Becerra, o director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez, Célia Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Português em Vigo, e, se así o considerar, a persoa convidada de honra, e contando cos votos das/os creadoras/es participantes, seleccionará unha das propostas para ofrecerlle a posibilidade de ser estreada. O xurado tamén podería decidir deixar o premio deserto se os proxectos (re)presentados non reunisen as características e condicións necesarias.

Os instrumentos medievais de San Martiño e Sona Jobarteh despiden o Noia Harp Fest

O Noia Harp Fest pecha a súa 13ª edición coa réplica dos instrumentos medievais de San Martiño e o directo de Sona Jobarteh, a primeira muller solista de kora en sete séculos

Manuel Vilas e a agrupación Entrebescant farán soar na Igrexa de San Francisco as réplicas dos instrumentos do século XV esculpidos na fachada de San Martiño

Neleta Ortiz e Thomas Piel estrearán no Claustro de San Francisco unha obra inédita de Enrico Mainardi, mentres que a Praza do Tapal acollerá a gran clausura do evento coa música e activista africana

O Noia Harp Fest despide este sábado 1 de agosto a súa décimo terceira edición cunha última xornada que xunta a recuperación do patrimonio arquitectónico da vila, a investigación musicolóxica e un dos concertos máis agardados do seu cartel internacional. A entrada a todas as actuacións da xornada será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos.

A programación arrancará ás 12:30 horas na Igrexa de San Francisco co concerto de Manuel Vilas e da formación de música antiga Entrebescant. Trátase dun dos fitos máis singulares do evento, no que se empregarán en exclusiva as sete réplicas dos instrumentos medievais (dúas arpas, un rabel, dúas violas e dous salterios) reconstruídas en 2018 polo festival e o Concello a partir da iconografía do século XV da Arquivolta de San Martiño de Noia. Vilas, un dos arpistas máis prestixiosos na recuperación do patrimonio musical, únese a Entrebescant para devolverlle a vida ao son orixinal que concibiron os artesáns medievais.

Manuel Vilas nun concerto do Noia Harp Fest

Pola tarde, ás 20:00 horas no Claustro de San Francisco, a arpista Neleta Ortiz e o violonchelista Thomas Piel presentarán en primicia e coa máxima rigorosidade académica unha obra para arpa e violonchelo do prestixioso compositor e director italiano Enrico Mainardi, froito duns minuciosos traballos de investigación sobre o seu legado. Tanto este directo coma o de Manuel Vilas está organizado en colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA).

Neleta Ortiz estreará unha obra de Enrico Mainardi

O concerto de clausura do festival celebrarase ás 22:00 horas, a ceo aberto, no seu escenario máis emblemático: a Praza do Tapal e coa gambiana Sona Jobarteh como protagonista absoluta. Nada no seo dunha prestixiosa liñaxe de griots e doutora honoris causa pola Berklee College of Music, Jobarteh fixo historia ao ser a primeira muller solista de kora, rompendo con sete séculos de tradición masculina. Recoñecida tamén polo seu compromiso social e educativo como fundadora da Gambia Academy, a compositora e cantante ofrecerá acompañada pola súa banda un potente directo no que combinará a tradición mandinga co blues e o afropop.

Sona Jobarteh pechará a 13ª edición do Noia Harp Fest

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebra do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.


AXENDA SÁBADO 1 DE AGOSTO

01.08, 12.30 horas

Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant

01.08, 20.00 horas

Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz e Thomas Piel

01.08, 22.00 horas

Praza do Tapal | Sona Jobarteh

Os tres concertos son de acceso gratuíto e libre ata completar capacidade. 

DOSSIER 13º NOIA HARP FEST

Dossier-GAL-NHF-2026-baixa