No marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o artista, comisario e investigador brasileiro está a traballar en residencia desde o pasado 8 de xullo na súa proposta Zoombies

Mesturando teatro, discurso político e cultura pop, o espectáculo revela como o medo e a deshumanización foron utilizados para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial

Agora, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, mañá sábado, 18 de xullo, ás 20.00 horas, na mesma Igrexa da Madalena, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado mércores, 8 de xullo, o artista, comisario e investigador Pedro Vilela iniciaba a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.

E o facía na Igrexa da Madalena, no marco da MIT de Ribadavia, en torno á súa proposta que ten por título Zoombies. Mesturando teatro, discurso político e cultura pop, o espectáculo revela como o medo e a deshumanización foron utilizados para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial.

Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar dentro do programa da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, na mesma Igrexa da Madalena, este sábado, 18 de xullo, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo.

Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

SOBRE O PROXECTO

A obra utiliza a figura do zombi como metáfora para explorar como, ao longo da historia, construímos inimigos externos. Mesturando teatro, discurso político e cultura pop, o espectáculo revela como o medo e a deshumanización foron utilizados para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial.

SOBRE O ARTISTA

Pedro Vilela (20 de xaneiro de 1985, Recife, Brasil) é artista, comisario e investigador nas áreas das artes performativas e dos estudos decoloniais, cunha traxectoria consolidada entre Brasil e Portugal. É doutor en Educación Artística pola Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto e mestre en Artes Escénicas pola Universidade Federal da Bahía, ademais de investigador vinculado ao I2ADs – Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade.

Entre 2009 e 2015, foi xestor e director artístico do Grupo Magiluth, un dos principais grupos do Brasil. Neste colectivo, dirixiu: O CANTO DE GREGÓRIO; VIÚVA, PORÉM HONESTA e LUIZ LUA GONZAGA, sendo as dúas últimas realizadas por convite da Fundación Nacional das Artes (FUNARTE). Posteriormente, desenvolveu a plataforma TREMA!, consolidando a súa traxectoria autoral, con ALTÍSSIMO e TERRORISMO

Vivindo en Portugal desde 2019, creou para o programa Cultura en Expansión o espectáculo itinerante TRAVESSIA, a partir do testemuño de 50 inmigrantes brasileiros; estreou FIGUEIREDO, sobre o xenocidio indíxena durante a ditadura militar brasileira; GRANDE NELSON, en colaboración con Diego Aramburo, figura clave das artes escénicas bolivianas; FISSURA, en colaboración co premiado dramaturgo brasileiro Alexandre Dal Farra; e PRIMAVERA, en colaboración co dramaturgo chileno Alexis Moreno. Tamén participou en coproducións internacionais como ESTRECHO/ESTREITO e G.O.L.P., xunto ao Teatro La María (Chile) e ao Teatro Experimental do Porto (Portugal), ademais de performances con colectivos españois como NyamNyam e Azkona&Toloza.

Formou parte do WEYA – World Event Young Artist (2012), en Nottingham, e do Programa Momentum, en Edimburgo (2017), por convite do British Council. O seu traballo foi destacado pola revista Antro Positivo en 2023 como un dos principais directores escénicos en activo no Brasil, sendo ademais o primeiro latinoamericano galardoado co Premio Magaly Muguercia (Iberescena, 2024).

Como comisario, asinou a programación do TREMA! Festival en Recife (2012-2022) e da Central Eléctrica (2019–2025), espazo no Porto xestionado por Circolando, destacando o VOLTS – Encontro Internacional de Artes Performativas. Desde 2019 colabora tamén no apoio curatorial do FITEI. En 2023, concibiu Quilombo_TREMA!, dedicado a artistas negros e racializados, cuxa segunda edición terá lugar en 2026.

Entre 2015 e 2020, fundou e coordinou a revista TREMA! e foi crítico da revista Continente. Actualmente integra a plataforma internacional Performing Borders e redes como IETM e Aerowaves, participando en proxectos financiados por Erasmus+, Culture Moves e Creative Europe.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.