ButacaZero rende tributo a Manuel Lourenzo coa estrea de A VELADA DE LONDRES, unha revisión sobre o mito de Drácula

Tras o éxito de IRIBARNE, a plataforma creativa decide render homenaxe a Manuel Lourenzo, figura clave do teatro galego contemporáneo recentemente falecida, levando ás táboas a primeira peza galega gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática
O espectáculo, que se estreará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 4 de setembro, combina a estética vitoriana, o abraio do mito vampírico e a música en directo do compositor Iago Hermo interpretada pola soprano e violonchelista Esperanza Mara
Unha exposición sobre a figura do mestre poderase visitar no vestíbulo do teatro antes de cada función
ButacaZero, a plataforma creativa codirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará novo espectáculo a vindeira tempada. Trátase de A velada de Londres, montaxe coa que a compañía quere render unha fonda homenaxe ao dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo, cuxa estrea terá lugar o 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
A dupla creativa, tras sorprender ao mundo da escena con IRIBARNE, regresa para adentrarse, por vez primeira, no teatro do autor do Valadouro. A elección desta peza, que forma parte do volume Veladas Indecentes -coa que Lourenzo se converteu no 1997 no primeiro autor galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática-, garda unha fonda pegada emocional para Castiñeira, pois traballou como axudante de dirección do propio Lourenzo neste texto no inicio da súa carreira. Unha experiencia marcada polo consello que o Mestre lle deu naquel entón: “Abre os ollos e róubame o que poidas”. Hoxe, ButacaZero devolve aquel xesto de xenerosidade cunha montaxe rigorosa, luminosa e chea de gratitude.
Da represión vitoriana á liberación: a fascinación polo mito
A obra de Lourenzo propón unha orixinal farsa e fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. A trama arranca cando o procurador Jonathan Harker regresa á súa vida burguesa tras a súa viaxe aos Cárpatos, obsesionado pola figura do Conde. A súa esposa Mina tenta protexelo, pero a entrada en escena dun misterioso doutor -que resulta ser o propio Drácula- desencadea un proceso no que o mundo sobrenatural e atávico vai desprazando a ríxida moral vitoriana. Lonxe do terror convencional, o texto explora a tensión entre os instintos e a razón, entendendo a “vampirización” como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo.
Unha posta en escena viva con música en directo e talento interxeneracional
Cunha duración concentrada dunha hora, a lectura de Castiñeira triangula o universo orixinal de Stoker, o texto de Lourenzo e unha potente dimensión escénica. A atmosfera vitoriana vaise transformando gradualmente a medida que a natureza e o elemento sobrenatural se apoderan do espazo.
O elenco de A velada de Londres combina a solidez de actores de ampla traxectoria como Xurxo Cortázar (Iribarne, Shakespeare en Roma, O Premio) con novas promesas emerxentes da escena, como Sophia Rodal e Teo Piñeiro, mantendo vivo así o espírito de Lourenzo de apostar sempre polo impulso do talento mozo. A proposta de ButacaZero destaca, ademais, pola presenza constante no escenario da soprano e violonchelista Esperanza Mara, quen canta e interpreta a banda sonora (creada por Iago Hermo) en directo e interactúa na acción dramática.

Máis ca un espectáculo: exposición e xornadas de pensamento
Co obxectivo de espallar o legado de Manuel Lourenzo alén das súas coñecidas aparicións na televisión (Mareas Vivas, Fariña), cada función contará no vestíbulo dos teatros cunha exposición itinerante deseñada conxuntamente entre o propio Castiñeira e Paco Oti e coa axuda do arquivo da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.
Co gallo da preparación e estrea desta “homenaxe-montaxe” a Manuel Lourenzo, ButacaZero tamén está a impulsar encontros e xornadas de reflexión arredor da súa figura de arredor dos principais encontros teatrais de Galicia. Así sucedeu este mes de xullo na Conversa arredor do mestre acontecida no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC de Cangas), ás que se sumarán novas conversas este outono.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
SOBRE A VELADA DE LONDRES, DE BUTACAZERO
- Estrea absoluta: 4 de setembro de 2026 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
- Dirección: Xavier Castiñeira.
- Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara.
- Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
- Deseño de luz: Violeta Martínez.
- Espazo escénico: Beatriz de Vega.
- Figurinista: Carlos Pinilla.
- Produción e distribución: ButacaZero.
- Produción en xira: Rubén Capelán.