No marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín canario está a traballar en residencia desde o pasado 6 de xullo na súa proposta Phantom en A Fábricaespazo que se suma por primeira vez ás Residencias Paraíso no ano do seu 10º aniversario

Phamtom céntrase na relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, examinando os catalizadores dunha danza que excede o corpo que a baila e onde o pracer de bailar xoga un papel fundamental

Agora, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, no marco do Festival Rúa Ext-Cénica, este domingo, 19 de xullo, ás 20.00h, no Parque de Luis Seoane, en Santa Cruz, con acceso libre 

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado luns, 6 de xullo, o bailarín canario Darío Bardam iniciaba en Oleiros a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía en A Fábrica, en torno á súa proposta Phantom

Phantom é unha proposta que se centra na relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, examinando os catalizadores dunha danza que excede o corpo que a baila e onde o pracer de bailar xoga un papel fundamental.

Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco do Festival Rúa Ext-Cénica, este domingo, 19 de xullo, ás 20.00h, no Parque de Luis Seoane, en Santa Cruz, con acceso libre. 

Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

SOBRE O PROXECTO

Phantom, a última produción de Darío Bardam, céntrase na relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, seguindo as liñas de investigación desenvolvidas nos seus proxectos “seguir movendo” e “ES UN NO PARAR”, que examinan os catalizadores dunha danza que excede o corpo que a baila (ritmo, repetición, retroalimentación, arquivo, mirada, voz, entre outros).

En Phantom, experiméntase con distintos beats e melodías a través de sets de DJ, xunto coa superposición de sombras e luces como aparello teatral; construíndo un corpo fantasmagórico que se desvanece para deixar espazo a que todo baile. 

Na base de todo o proxecto, o pracer de bailar desempeña un papel fundamental.

Phantom estréase en Tenerife en outubro de 2026.

SOBRE O ARTISTA

Darío Bardam é un bailarín canario cuxa práctica artística explora a danza como forma autónoma de coñecemento, así como as prácticas de desidentificación como mecanismos de mediación.

Formouse en Teatro Victoria (Tenerife), Institut del Teatre (Barcelona), DOCH – Escola de Danza e Circo (Estocolmo) e JLU – Universidade de Giessen (Alemaña). Ao longo da súa traxectoria, colaborou como bailarín, co-creador e intérprete con Cullberg, Aleksandar Georgiev, Deborah Hay, Cristina Caprioli, Ofelia Jarl Ortega, Philip Berlin e Poliana Lima, entre outras. 

É co-dreamer do proxecto-institución ICC (Imaginative Choreographic Center), cofundador do equipo artístico STEAM ROOM e membro da xunta directiva da asociación PiedeBase (Canarias). Darío codirixe, xunto con Beatriz Bello, o LAV-C (Laboratorio de Artes Vivas e Cidadanía de Canarias).

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. 

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc. 

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’. 

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.