O dúo galego consolídase como unha das propostas emerxentes máis destacadas do folk contemporáneo tras a publicación do seu álbum debut Medrar
ABRIL, o dúo formado por Claudia Abril e Marina Carpente, vén de ser recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2026 na categoría de Música Folk, un dos galardóns máis relevantes do panorama musical galego.
Este recoñecemento supón un importante impulso para unha proposta artística que aposta pola reinterpretación contemporánea da música tradicional galega, combinando instrumentos de raíz como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk con novas sonoridades e unha sensibilidade actual.
O premio chega nun momento especialmente significativo para ABRIL, tras a publicación e presentación en directo de Medrar, o seu primeiro traballo discográfico. Un álbum composto por nove pezas que dialogan entre tradición e modernidade a partir de melodías recollidas en distintos puntos de Galicia e territorios limítrofes, transformadas nun universo sonoro propio grazas á incorporación de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.
Producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), Medrar constrúe unha atmosfera hipnótica na que a electrónica convive organicamente coa tradición oral galega. O proxecto complétase cunha potente identidade visual desenvolvida por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro “Coti” e o deseño gráfico de Sara Castro.
Desde a súa presentación en directo, ABRIL está a consolidarse como unha das formacións con maior proxección dentro da nova escena folk galega, grazas a unha proposta íntima, contemporánea e profundamente conectada coa tradición.
Xira de verán 2026
Tras o Premio Martín Códax, ABRIL afronta unha intensa xira de verán que levará o seu directo por Galicia e Escocia nas próximas semanas. As datas confirmadas ata o momento son:
6 de xuño: Polas Bravas (Chantada)
20 de xuño: House of Toads (Glasgow, Escocia)
21 de xuño: The Rockfield Centre (Oban, Escocia)
22 de xuño: Partick Burgh Halls (Glasgow, Escocia)
Do 24 ao 28 de xuño: NAFCO (Aberdeen, Escocia)
Do 2 ao 6 de xullo: Encordass Fiddle Fest (Illa de San Simón, Redondela)
17 de xullo: Concerto por anunciar (Valdeorras)
31 de xullo: Concerto por anunciar (Narón)
5 de agosto: Concerto por anunciar (Oleiros)
15 de agosto: O Hío (Cangas)
22 de agosto: Festival Rocha Folk (Tui)
Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.
Nace “Ducia e Pico”, o novo ciclo impulsado por Luneda Producións quelevará vinte propostas musicais a oito salas galegas
A axencia compostelá Luneda Producións presenta Ducia e Pico, un novo ciclode concertos que, ao longo dunha ducia e pico de noites repartidas entre xuñode 2026 e maio de 2027, acollerá unha vintena de artistas. O proxecto estáapoiado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da súaconvocatoria para proxectos de programación musical en salas privadas.
A programación céntrase maioritariamente en proxectos emerxentes,favorecendo a renovación do tecido musical e incorporando unha presenzadestacada de propostas lideradas por mulleres. Ao mesmo tempo, Ducia e Piconace tamén cunha vontade clara de colaboración sectorial, xa que integraartistas procedentes das diferentes pequenas axencias de management dopaís, reforzando sinerxías e un modelo de ecosistema musical diverso eafastado dos circuítos máis mainstream.
O cartel está integrado por dezaoito propostas galegas: Anxo Araújo, Balteira,BÖJ, Bouba, Brassica Rapa, Brúa, Cantometrics, Carmela, Comando Curuxás,DJMIL, Leticia Rey, Lontras, Maricarme, Tangomango, Tres Pesos, Unto Vello eXiro. E por dúas propostas de fóra de Galiza: El Nido, banda referente do folkcastellano actual, e L’arannà, coa súa reinterpretación contemporánea eelectrónica da música tradicional de Baleares.
O ciclo desenvólvese en oito salas de pequeno formato repartidas en setelocalidades galegas, apostando pola descentralización da oferta cultural e polaconexión directa entre artistas e público: Casa das Crechas e Riquela Club(Santiago de Compostela), Sala Rebullón (Mos), Krazzy Kray (Cambados), LaRoom (Ferrol), Arca da Noe (Vilar de Santos), Pub Gatos (Melide) e Guión Club(Pontedeume).
Primeira cita: 7 de xuño na Sala Rebullón
A primeira noite destas ducia e pico terá lugar o vindeiro domingo 7 de xuñona Sala Rebullón (Mos), cunha dobre sesión protagonizada por Balteira eComando Curuxás.
Balteira e Comando Curuxás son dúas das propostas máis interesantes damúsica de raíz galega, pensadas para o directo e, sobre todo, para o baile. Dousproxectos que parten da tradición oral e o repertorio popular, actualizando eselegado con novas dinámicas e arranxos contemporáneos, pero mantendo o carácter colectivo, festivo e ligado ao territorio da música tradicional. Oresultado son concertos conectados co público desde o primeiro momento,pensados para activar espazos de encontro arredor da música e da nosa tradición.
O concerto comezará ás 19:00h e as entradas están á venda en entradium.com
Con esta primeira cita, Ducia e Pico inicia un percorrido que levará a súaprogramación por diferentes puntos do país, consolidando a aposta polaproximidade, pola diversidade e por unha creación musical con identidadepropia que xa é marca da casa de Luneda.
As artistas Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü inician a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ en Compostela
A Cidade da Cultura acolle desde este luns, 1 de xuño, e até o domingo, 14 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o traballo en proceso de Monxa Millo Sentinela, unha investigación escénica situada no final da espera, que parte de 3 corpos arquetípicos que serán postos en crise, pervertidos e transformados durante o proceso
A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 15 ao venres 19 de xuño
Unha vez finalizadas as súas residencias, Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 19 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala
Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
As artistas Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü iniciaron este luns, 1 de xuño, en Santiago de Compostela, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle, até o domingo, 14 de xuño, a segunda destas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno á proposta do tándem creativo que ten por título Monxa Millo Sentinela, unha investigación escénica situada no final da espera, parte de 3 corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que serán postos en crise, pervertidos e transformados durante o proceso.
A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 15 ao venres 19 de xuño. Unha vez finalizadas ambas residencias, Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 19 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
SOBRE O PROXECTO
No territorio galego, a nosa cultura popular, os nosos corpos e a nosa paisaxe atópanse atravesados pola promesa incumprida, desprazándoa a outros territorios ou poñéndoa en suspensión. Para desarticular a maquinaria estética que reproduce as devanditas promesas cómpre traballar na súa comprensión sensíbel.
Monxa Millo Sentinela é unha investigación escénica situada no final da espera. Monxa Millo Sentinela parte de 3 corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que serán postos en crise, pervertidos e transformados.
SOBRE AS ARTISTAS
Sara Somoza é creadora escénica. A súa investigación ronda as existencias máis fráxiles, pequenas e fracasadas. Comprende a práctica escénica contemporánea como un espazo no que aquelas teñen a posibilidade de non desaparecer. Para exploralo, traballa sobre as tensións entre ficción e documental. Estudou o mestrado en Pensamento e Creación Escénica Contemporánea na Escola Superior de Arte Dramática de Castilla y León, no cal desenvolveu a peza ¿Becky Newton?Actúa, dirixe e escribe.
Ismael Eirexas Romeü é travesti e creador plástico-escénico. A súa obra como transformista desenmárcase da estética hexemónica do campo do drag, afondando en prácticas autóctonas galegas de performatividade e reinterpretándoas co obxectivo de mostrar o seu carácter disidente e crítico con respecto ó xénero. Así mesmo, a través do deseño, elaboración e presentación de máscaras como eixo central da súa investigación postula a creación dun arquivo estético e perfórmático contemporáneo que dialoga cos proxectos de re-escritura histórico-culturais queer.
Ámbalas dúas traballan en colectivo no Laboratorio da Fame.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove por terceiro ano consecutivo este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man por Julia Abalde, gañadora da pasada edición do premio
O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 1 ao 12 de xuño de 2026, que poderá realizarse a través da web da Asociación Autobán
Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante
As bases completas do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 25-26 poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio26
A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo, mentres que o acto de entrega terá lugar no mes de agosto, no marco da edición de verán de 2026 do Festival de autoedición e BD Autobán
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, convoca o III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 25-26, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man pola autora Julia Abalde (gañadora da segunda edición do certame). O III Premio Autobán 25-26 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 1 ao 12 de xuño, ata as 23.59 horas, e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio26.
Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres.
O proxecto gañador do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e máis tarde, xa no mes de agosto, celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2026 do Festival Autobán. O gañador da edición anterior deste Premio Autobán quedaría excluído da posibilidade de optar de novo ao galardón nun prazo de cinco anos, pero si que podería presentarse a este certame para ser considerado de cara á participar na exposición de fanzines e na fanzinoteca das Bibliotecas da Coruña. As bases completas do III Premio Autobán poden consultarse na web da Asociación Autobán: https://www.autoban.gal/premio26.
UNHA PANORÁMICA SOBRE AS DÚAS PRIMEIRAS EDICIÓNS DO PREMIO AUTOBÁN
Na súa primeira edición, celebrada en 2024, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.
Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-Cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024.
Na súa segunda edición, celebrada en 2025, Julia Abalde alzouse co galardón do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra La ilusión. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais Bea Lema, Luis Yang e Sira González, que decidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma cunha dotación de 350 €, a Brais Rodríguez, pola súa obra Enxoval.
Este II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recibiu un total de 50 proxectos. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Tales from the Whispering Realm, de Anabel Colazo; Foresta, de Eloy Hermida; e La balada del Príncipe Zarzaparrilla, de Paz Rodríguez. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 11 de agosto ao 21 de setembro de 2025.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2026, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 12ª edición do evento.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das novas promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.