As artistas Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü inician a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ en Compostela

A Cidade da Cultura acolle desde este luns, 1 de xuño, e até o domingo, 14 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o traballo en proceso de Monxa Millo Sentinela, unha investigación escénica situada no final da espera, que parte de 3 corpos arquetípicos que serán postos en crise, pervertidos e transformados durante o proceso

A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 15 ao venres 19 de xuño

Unha vez finalizadas as súas residencias, Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 19 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As artistas Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü iniciaron este luns, 1 de xuño, en Santiago de Compostela, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle, até o domingo, 14 de xuño, a segunda destas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno á proposta do tándem creativo que ten por título Monxa Millo Sentinela, unha investigación escénica situada no final da espera, parte de 3 corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que serán postos en crise, pervertidos e transformados durante o proceso. 

A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 15 ao venres 19 de xuño. Unha vez finalizadas ambas residencias, Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 19 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE O PROXECTO 

No territorio galego, a nosa cultura popular, os nosos corpos e a nosa paisaxe atópanse atravesados pola promesa incumprida, desprazándoa a outros territorios ou poñéndoa en suspensión. Para desarticular a maquinaria estética que reproduce as devanditas promesas cómpre traballar na súa comprensión sensíbel.

Monxa Millo Sentinela é unha investigación escénica situada no final da espera. Monxa Millo Sentinela parte de 3 corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que serán postos en crise, pervertidos e transformados.

SOBRE AS ARTISTAS

Sara Somoza é creadora escénica. A súa investigación ronda as existencias máis fráxiles, pequenas e fracasadas. Comprende a práctica escénica contemporánea como un espazo no que aquelas teñen a posibilidade de non desaparecer. Para exploralo, traballa sobre as tensións entre ficción e documental.  Estudou o mestrado en Pensamento e Creación Escénica Contemporánea na Escola Superior de Arte Dramática de Castilla y León, no cal desenvolveu a peza ¿Becky Newton? Actúa, dirixe e escribe.

Ismael Eirexas Romeü é travesti e creador plástico-escénico. A súa obra como transformista desenmárcase da estética hexemónica do campo do drag, afondando en prácticas autóctonas galegas de performatividade e reinterpretándoas co obxectivo de mostrar o seu carácter disidente e crítico con respecto ó xénero. Así mesmo, a través do deseño, elaboración e presentación de máscaras como eixo central da súa investigación postula a creación dun arquivo estético e perfórmático contemporáneo que dialoga cos proxectos de re-escritura histórico-culturais queer. 

Ámbalas dúas traballan en colectivo no Laboratorio da Fame.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras. 

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2026.06.02.-NP-Residencia-Paraiso-Sara-Ismael