O dúo galego consolídase como unha das propostas emerxentes máis destacadas do folk contemporáneo tras a publicación do seu álbum debut Medrar

ABRIL, o dúo formado por Claudia Abril e Marina Carpente, vén de ser recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2026 na categoría de Música Folk, un dos galardóns máis relevantes do panorama musical galego.

Este recoñecemento supón un importante impulso para unha proposta artística que aposta pola reinterpretación contemporánea da música tradicional galega, combinando instrumentos de raíz como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk con novas sonoridades e unha sensibilidade actual.

O premio chega nun momento especialmente significativo para ABRIL, tras a publicación e presentación en directo de Medrar, o seu primeiro traballo discográfico. Un álbum composto por nove pezas que dialogan entre tradición e modernidade a partir de melodías recollidas en distintos puntos de Galicia e territorios limítrofes, transformadas nun universo sonoro propio grazas á incorporación de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.

▶ Escoita ‘Medrar’, o álbum debut de ABRIL

Producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), Medrar constrúe unha atmosfera hipnótica na que a electrónica convive organicamente coa tradición oral galega. O proxecto complétase cunha potente identidade visual desenvolvida por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro “Coti” e o deseño gráfico de Sara Castro.

Desde a súa presentación en directo, ABRIL está a consolidarse como unha das formacións con maior proxección dentro da nova escena folk galega, grazas a unha proposta íntima, contemporánea e profundamente conectada coa tradición.

Xira de verán 2026

Tras o Premio Martín Códax, ABRIL afronta unha intensa xira de verán que levará o seu directo por Galicia e Escocia nas próximas semanas. As datas confirmadas ata o momento son:

  • 6 de xuño: Polas Bravas (Chantada)
  • 20 de xuño: House of Toads (Glasgow, Escocia)
  • 21 de xuño: The Rockfield Centre (Oban, Escocia)
  • 22 de xuño: Partick Burgh Halls (Glasgow, Escocia)
  • Do 24 ao 28 de xuño: NAFCO (Aberdeen, Escocia)
  • Do 2 ao 6 de xullo: Encordass Fiddle Fest (Illa de San Simón, Redondela)
  • 17 de xullo: Concerto por anunciar (Valdeorras)
  • 31 de xullo: Concerto por anunciar (Narón)
  • 5 de agosto: Concerto por anunciar (Oleiros)
  • 15 de agosto: O Hío (Cangas)
  • 22 de agosto: Festival Rocha Folk (Tui)

Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.