Water Damage e Ólöf Arnalds, protagonistas do Sinsal Primavera

  • Os concertos promovidos por Sinsalaudio co apoio do Concello de Vigo celebraranse os días 1 de abril e 3 de maio no MARCO e na Fundación Sales, respectivamente, e as entradas están á venda na web Sinsal.gal
  • O colectivo musical estadounidense Water Damage fará en Vigo a súa única parada en España no marco da xira mundial na que presentan a súa música, baseada en drons
  • Ólöf Arnalds, unha das voces máis singulares da música islandesa contemporánea, presentará o seu novo disco, Spíra, publicado en decembro

Sinsal Primavera agroma un ano máis no calendario das melómanas e curiosas, e celebrará a súa nova edición en abril e maio. A serie de concertos eclécticos impulsados pola promotora local Sinsalaudio da man do Concello de Vigo contará no seu cartel con Water Damage, colectivo estadounidense que aposta pola distorsión ininterrompida e a música baseada en drons, e coa cantante islandesa Ólöf Arnalds, quen presentará por primeira vez en España o seu último disco, Spíra. As entradas para os directos, que terán lugar o 1 de abril no MARCO e o 3 de maio na Fundación Sales, están á venda desde hoxe mesmo a través da web de Sinsal.gal.

Sinsal Primavera, unha rara avis no panorama musical galego, pretende achegar ao público a creación de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. A intención non é outra que sorprender as e aos asistentes a través dunha clara aposta pola experimentación e descubrir proxectos creativos que desafían as fórmulas habituais de expresión. Un ano máis, o MARCO de Vigo será unha das sedes do evento, que este ano tamén contará co apoio da Fundación Sales

A primeira cita chegará da man do colectivo estadounidense Water Damage, que aterrará en Vigo inmerso nunha xira mundial -e na que a cidade olívica será a única parada en España- para presentar o seu directo, unha experiencia singular que aposta pola distorsión e perturbación do son, mais sen descompoñer o equilibro entre os tons e as capas harmónicas. A súa música, baseada en drons, é un exemplo de como funciona o son en constante vibración e o seu directo será unha das propostas máis desafiantes que o público escoitará en Galicia este ano. Esta viaxe sonora celebrarase o mércores 1 de abril, a partir das 20.30h, no MARCO de Vigo. 

O segundo concerto do Sinsal Primavera 2026 chegará o domingo 3 de maio contra o mediodía. A cantante e compositora islandesa Ólöf Arnalds iniciará en Vigo a súa xira española de presentación do seu novo disco, Spíra, un traballo envolvente e de enorme beleza publicado o pasado mes de decembro e moi esperado logo dunha década de silencio, xa que nos seus anteriores traballos contou coa colaboración de artistas como Bjork ou membros de Sigur Rós ou Amiina. Na Fundación Sales, que se estrea como sede do Sinsal Primavera, Arnalds dará a coñecer ao vivo o seu quinto disco. Acompañada polo produtor e músico de jazz Skúli Sverrisson (quen traballou con Lou Reed, Jon Hassell ou Jóhann Jóhannsson), a islandesa moverase entre a tradición oral e a experimentación, transformando o cotidiano e íntimo nunha experiencia compartida.

SINSAL PRIMAVERA 2026

Mércores 1 de abril | MARCO de Vigo

Water Damage (EEUU)

Apertura de portas: 20.00 horas
Inicio do concerto: 20.30 horas
Entradas á venda desde 15€ (18€ na billeteira o día do concerto) en sinsal.gal


Domingo 3 de maio | Fundación Sales
Ólöf Arnalds (Islandia)

Apertura de portas: 12.30 horas
Inicio do concerto: 13.00 horas
Entradas á venda desde 15€ (18€ na billeteira o día do concerto) en sinsal.gal.

Entradas paramenores de 17 anos: 5€ (cupo limitado)

20260311-NP-GAL-Sinsal-Primavera-1

ABRIL publicará este venres “2caras”, segundo adianto do seu álbum debut

ABRIL dará a coñecer este venres 13 de marzo 2caras, o segundo sinxelo dun álbum que verá a luz esta primavera. O novo tema continúa a viaxe iniciada con Nas horas avelaíñas e afonda no diálogo entre memoria colectiva e creación contemporánea que define o universo do proxecto

2caras parte dunha melodía recollida en San Vicente de Oitavén (Fornelos de Montes) por Guillerme Ignacio ás informantes Elisa e Lucila Limés Martínez, Ofelia Casqueiro Pérez, Consuelo Rodríguez Rivas, Almerinda Bouzón Fernández, Dolores García Lorenzo e a súa irmá Laura. O arranxo é de ABRIL, e a letra foi escrita conxuntamente por ABRIL e Petra Iglesias.

O tema conta coas voces de Claudia Abril, Joana Gumí e Marina Carpente, nunha suma de timbres que amplía e enriquece o son do proxecto. A instrumentación —violín de Marina Carpente, guitarra de Hugo Franco e banjo de Joana Gumí— tece un son orgánico e evocador, onde a tradición e o presente se funden cunha naturalidade que é ya marca propia de ABRIL.

UN ÁLBUM SOBRE O TEMPO E A IDENTIDADE

2caras é o segundo adianto do álbum debut de ABRIL, un disco construído arredor da idea do lugar seguro, as redes afectivas estables e o paso do tempo, tomando como referencia a figura da cabana como refuxio e protección.

O videoclip de Nas horas avelaíñas está dispoñible en Youtube

Con este traballo discográfico, Claudia Abril e Marina Carpente continúan a explorar o diálogo entre tradición e contemporaneidade cunha voz propia cada vez máis definida: melodías tradicionais galegas e ibéricas reinterpretadas con sonoridades actuais, onde a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk conviven cunha produción coidada que constrúe un universo íntimo e recoñecible. Un folk contemporáneo que é memoria, identidade e comunidade.

Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvewear a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.

PARABÉNS en concerto na Casa-Museo Manuel María

PARABÉNS en concerto este sábado, 14 de marzo, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María.

Parabéns nace hai máis de unha década, inicialmente como un orfeón de voces masculinas formado polos irmáns Seixo, cun dobre obxectivo: partillar un proxecto familiar ao redor da música e, ao mesmo tempo, pór en valor a riqueza da música e da cultura galega. Co paso do tempo, o grupo foi medrando e evoluíndo. Aquel primeiro formato coral foise abrindo á incorporación de novos membros e músicos, o que permitiu alargar horizontes e explorar novos camiños musicais. Así, Parabéns comezou unha nova etapa, desenvolvendo un proxecto artístico propio e dando paso á composición de temas orixinais. A súa música, que se poderá escoitar este sábado en Outeiro de Rei, mantén sempre unha forte raíz na tradición galega, mais incorpora influencias e ritmos doutras culturas, creando así un estilo que combina identidade, emoción e apertura musical.

Entrada libre até completar o aforo (é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621).