ABRIL dará a coñecer este venres 13 de marzo 2caras, o segundo sinxelo dun álbum que verá a luz esta primavera. O novo tema continúa a viaxe iniciada con Nas horas avelaíñas e afonda no diálogo entre memoria colectiva e creación contemporánea que define o universo do proxecto
2caras parte dunha melodía recollida en San Vicente de Oitavén (Fornelos de Montes) por Guillerme Ignacio ás informantes Elisa e Lucila Limés Martínez, Ofelia Casqueiro Pérez, Consuelo Rodríguez Rivas, Almerinda Bouzón Fernández, Dolores García Lorenzo e a súa irmá Laura. O arranxo é de ABRIL, e a letra foi escrita conxuntamente por ABRIL e Petra Iglesias.
O tema conta coas voces de Claudia Abril, Joana Gumí e Marina Carpente, nunha suma de timbres que amplía e enriquece o son do proxecto. A instrumentación —violín de Marina Carpente, guitarra de Hugo Franco e banjo de Joana Gumí— tece un son orgánico e evocador, onde a tradición e o presente se funden cunha naturalidade que é ya marca propia de ABRIL.
UN ÁLBUM SOBRE O TEMPO E A IDENTIDADE
2caras é o segundo adianto do álbum debut de ABRIL, un disco construído arredor da idea do lugar seguro, as redes afectivas estables e o paso do tempo, tomando como referencia a figura da cabana como refuxio e protección.
Con este traballo discográfico, Claudia Abril e Marina Carpente continúan a explorar o diálogo entre tradición e contemporaneidade cunha voz propia cada vez máis definida: melodías tradicionais galegas e ibéricas reinterpretadas con sonoridades actuais, onde a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk conviven cunha produción coidada que constrúe un universo íntimo e recoñecible. Un folk contemporáneo que é memoria, identidade e comunidade.
Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvewear a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.

