Fillas de Cassandra presenta ‘déixate ver’, a súa nova canción, xunto a Ede

A peza é o último adianto de ‘Tertúlia’, o álbum que o dúo vigués presentará ao vivo no Recinto Feiral de Pontevedra o 9 de maio

Despois de varios meses de expectación, paseniño achégase a ‘Tertúlia’. Será o novo álbum de Fillas de Cassandra. María SOA e Sara Faro. Un dos proxectos máis especiais dos que agromaron nesta nova onda da música galega. As artistas que puxeron a falar do antigo ás novas xeracións. As recentes gañadoras do premio Mestre Mateo ao mellor videoclip polo seu proxecto multiformato ‘Hibernarse’.

O rumor foi collendo forma e subindo o volume. O novo disco chamarase ‘Tertúlia’.  Supón un xiro de 180 graos ao seu imaxinario, no que se achegan á arte contemporánea no lugar do gusto polo clásico. Xogan tamén con sons máis urbanos e vangardistas nos que a electrónica -dos ritmos rotos ao ambient- ten un espazo protagonista na obra de Fillas de Cassandra -ao igual que está presente na vida da xeración de mozas galegas á que pertencen-.

‘saír á fresca’ foi unha declaración de intencións, o manifesto dunha etapa nova e un chamado á ‘Tertúlia’. Mentres, ‘insolación’ desvelaba a unhas Fillas de Cassandra para as que a comunidade, os lazos humanos e o cariño comunitario non están rifados co hedonismo e a calor.

Este venres 27 publícase ‘déixate ver’, o seu novo sinxelo, co que Fillas presentan á primeira convidada á ‘Tertúlia’, Ede, quen as acompaña nesta canción que pecha o tríptico de adiantos antes do álbum que vén. ‘déixate ver’ é unha reflexión sobre a ausencia e a nostalxia da vida que foi, sobre a morriña das amigas que xa non están e sobre as prazas (“vémonos na praza para falar / vente por aquí segue todo igual”) como un lugar público que defender e que nos conecta co mundo que foi e, sobre todo, coas mulleres que fomos.

Ede, quen se postula definitivamente como unha das artistas femininas que poden marcar unha era na escena alternativa española, acompaña ás súas homólogas nunha canción tan especial como ‘déixate ver’ -xa dispoñible en plataformas dixitais-, cun sabor popular, agridoce, desenfadado, que convida, precisamente, a ser compartida con quen botamos de menos.

A gran ‘Tertúlia’ celebrarase o 9 de maio en Pontevedra

Após os primeiros adiantos, en abril chegará o álbum completo. ‘Tertúlia’, unha proposta profundamente contemporánea e feminista, nada do diálogo entre Fillas de Cassandra e Çantamarta, quedará ao descuberto.

A posta de largo terá lugar o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. O escenario transformarase nunha gran praza aberta. Fillas de Cassandra citarán ao público para poñer a palabra no centro. Unha invitación ao encontro e á valentía de desobedecer en comunidade. As entradas xa están á venda. 



Escoita ‘déixate ver’
https://links.altafonte.com/deixatever 

Entradas presentación ‘Tertúlia’
https://woutick.com/es/entradas/fillas-de-cassandra-presenta-tertulia

20260327-NP-GAL-deixate-ver