HENKO A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: NEGACIÓN

Queres entendelo e de aí agroma o barullo. Non cabe, non é un espazo racional.

Un cadaleito flota nun mar en calma, nun todo extinguible sansanícase unha sucesión de incomprensións. Un ruído inevitable de cadeas. A presenza continua dunha negación.

Non existe nada, tampouco nós. Anque o diga, anque nos pronuncie, o certo é que non sei como contarche que trazo no aire unha palabra branda, frouxa, baldía. Unha expresión allea. Non te podo conxugar porque non son.

Tecida, vaga unha inconsistencia que non me contempla, amarrada a un lóstrego que non define ningún camiño. Non hai ninguén aquí, onde noutrora houbo unha espera de ti, unha mirada na túa procura, que hoxe se dilúe enganchada a ese outro, que é soamente unha idea de min.