
O ‘Orgullo do Norte’ regresará á cidade da Coruña do 5 ao 12 de xullo de 2026
A cita quenta motores para celebrar a súa sétima edición tras consolidarse como un referente dos ‘Orgullos’ que teñen lugar no verán ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, con preto de 45.000 asistentes en 2025 e divertidas propostas musicais para todos os públicos
Un ano máis, no programa do Atlantic Pride terán cabida grandes figuras pop de hoxe e de sempre, coloridas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, que en 2026 afrontará a súa quinta edición
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva
A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña, ademais do apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
O Atlantic Pride quenta motores para a celebración da súa 7ª edición en 2026. A cita será do 5 ao 12 de xullo na cidade da Coruña. Para abrir boca, o evento ven de anunciar un verdadeiro ‘Orgullo do Norte’ para o seu cartel: a coruñesa Miriam Rodríguez (Pontedeume, 1996), quen saltou á fama tras o seu paso polo talent show Operación Triunfo en 2017, onde logrou a terceira posición, e a súa festexada vitoria na décima edición de Tú cara me suena. O público do Atlantic Pride poderá gozar coa complicidade desta compositora, cantante e presentadora todoterreo, que leva sempre as súas raíces galegas por bandeira e que no festival amosará o seu lado máis divertido e emocional, cun directo cargados de influencias do pop electrónico dos oitenta, nunha constante reinvención na que non perde, nunca, a súa esencia.
Con este primeiro anuncio, a Asociación ORCO, organizadora do Atlantic Pride, quede destacar que, tras o récord de asistencia do evento na súa edición 2025, que reuniu a preto de 45.000 persoas en oito xornadas de concertos, “desde o festival, seguimos a traballar nun cartel musical ecléctico, dicvertido, actual e diverso, coa vontade firme de que todas as persoas se sintan representadas e benvidas, para situar á cidade da Coruña como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración, e apostando, de novo, polas sinais de identidade desta cita xa icónica da Coruña: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.

SOBRE MIRIAM RODRÍGUEZ
Tras o seu paso pola academia de Operación Triunfo, os seus dous primeiros traballos discográficos e colaboracións con artistas como Pablo López ou Melendi, Miriam Rodríguez é, indiscutiblemente, unha das voces máis destacadas dos últimos anos no panorama musical español. Cun talento vocal e escenográfico extraordinario, a cantante e compositora participou en formatos televisivos de éxito como Tu cara me suena, onde se proclamou gañadora da súa edición, ou La Voz, meténdose no papel de quinta coach.
Tras lanzar os sinxelos Debilidad, Déjame cuidarte e Línea Roja, a cantante galega publicou o seu álbum líneas rojas en febreiro de 2024, un disco conceptual no que arriscaba cunha gran variedade de sons e onde se reflectía claramente a evolución musical que a artista experimentou nos últimos anos. Tras o éxito das súas xiras anteriores, Miriam Rodríguez presentou este traballo discográfico no línea roja tour, unha xira que a levou polas principais cidades do noso país.
Xa en xaneiro de 2025, a artista galega logrou o maior éxito da súa carreira ao colgar o cartel de ‘sold out’ no Live Las Ventas de Madrid, cun show único no que se entregou por completo ao seu público. Tamén en xaneiro de 2025, publicaba un novo sinxelo, Para volver, influenciada polo ritmo dos 80 de Bronski Beat e que supuxo un novo fito na súa traxectoria. Este mes de decembro de 2025, a galega publicou Valió la pena fallar, un disco en formato físico que recolle o seu mítico concertos de La Ventas, con dous CD’s, un póster e un vídeo documental do directo.
SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’ CORUÑÉS
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride é un festival de música pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. A cita, que na súa 6ª edición, celebrada en xullo de 2025, reuniu a preto de 45.000 persoas na cidade da Coruña, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, ademais do apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
O encontro nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Tras seis edicións, o Atlantic Pride consolídase como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comezo do verán ao longo da Península e no que teñen cabida coloridas propostas para todos os públicos, gustos e idades. Así, no Atlantic Pride non faltan concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración do Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que no 2026 afrontará a súa quinta edición.
Nos seus xa seis anos de historia, o cartel de Atlantic Pride reuniu figuras como La Terremoto de Alcorcón, La Casa Azul, Ladilla Rusa, Samantha Hudson, Javiera Mena, Grande Amore, Soleá Morente, OBK, Amistades Peligrosas, Fillas de Cassandra, Joe Crepúsculo, La La Love You, Melody, Locomía, Nancys Rubias, Samantha Ballentines, Soraya, Chanel, Lucía Pérez, Las Ketchup, Luna Ki, Mondra, Nena Daconte, Nebulossa, Raúl, Rosa López, Shego, Supremme De Luxe, Vengaboys, Agoraphobia, Anabel Conde, Arantxa Castilla-La Mancha, De Ninghures, David Civera, Edurne, Judeline, Leria, Mayo, Merche ou Nia, entre moitas outras.
MÁIS INFORMACIÓN: