Lumedoloop publica NON TRAIO UN LAIO, un manifesto de orgullo lingüístico fronte ao descenso de galegofalantes

O trío transforma a ferida histórica da vergoña lingüística nun canto de resistencia e dignidade colectiva, nun momento crítico para o futuro do galego

Lonxe do derrotismo, Lumedoloop pon o “trono, lóstrego e mailo raio” para “quen renegue do galego” neste novo manifesto, que funciona como catarse colectiva que nomea a ferida da vergoña para transformala en orgullo activo

Lumedoloop, unha das propostas máis sólidas e coherentes do hip hop galego, publica este venres Non Traio Un Laio, o terceiro adianto do seu álbum (Re)existencia. O tema, xa dispoñible nas plataformas dixitais, constitúe un manifesto musical contra a submisión lingüística, presentado como resposta artística á crise demográfica que atravesa a lingua galega. Con Non Traio Un Laio, Lumedoloop reafírmase como unha voz necesaria nun tempo de urxencia cultural: un proxecto que converte o rap nunha ferramenta precisa para o compromiso artístico.

“Non traio un laio. Traio un manifesto”, afirma Jamas, voz e letrista do trío. “Durante séculos, fixéronnos crer que a nosa voz valía menos. Agora tócanos berrar máis forte”, asevera. Así, lonxe do derrotismo, Non Traio Un Laio funciona como catarse colectiva que nomea a ferida da vergoña para transformala en orgullo activo. A canción sitúase nun contexto de alarma demográfica ao tomar como referencia os recentes estudos que sinalan un descenso acelerado de galegofalantes, especialmente entre as xeracións máis novas.

Este terceiro manifesto de Lumedoloop, o trío conformado por Jamas, Møu e DJ Mil constrúese como un percorrido emocional que vai da vergoña ao orgullo, nomeando sen ambigüidades a submisión aprendida para logo desmontala. A letra atravesa imaxes duras e memorables -”Seguimos na mesma, baixando a cabeza, arrastrados como lesmas que intentan cruzar a autoestrada e piden perdón logo de ser aplastadas”-, proclamas de afirmación soberana -“para todo aquel que renegue do galego traio o trono, o lóstrego e mailo raio”-, momentos de intimidade reivindicada e escenas de transmisión interxeracional que sitúan a lingua no ámbito do afecto, do corpo e do futuro.

A nivel sonoro, Møu traza este percorrido cun beat sólido e hipnótico, de base electrónica e pulsión break, mentres DJ Mil achega a dimensión táctil e o pulso rítmico mediante uns scratches dinámicos e cirúrxicos.

Un videoclip pixelado para denunciar a vixencia do conflito lingüísticoO sinxelo chega acompañado dun videoclip realizado porA. L. Crego, creador dixital recoñecido internacionalmente e quen asina tamén o vídeo do primeiro manifesto , Rico de Sabor. A peza audiovisual presenta a DJ Mil, Møu e Jamas nun espazo escuro e simbólico, cunha estética de pixel art que remite aos videoxogos de comezos dos anos 90.

O uso da pixelación vai alén dunha decisión estética e funciona como metáfora conceptual: «É unha identidade fragmentada. As nosas caras están pixeladas para amosar a ferida, non para ocultala», explica Jamas. Ao mesmo tempo, esa linguaxe visual de inspiración vintage «opera como un recordatorio incómodo: o conflito lingüístico pode parecer obsoleto, propio doutra época, pero segue plenamente vixente».

Lumedoloop

Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flownatural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, integrantes e fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop.

Desde o seu nacemento, Lumedoloop está a trazar o camiño que marca (Re)existencia, o seu álbum debut que verá a luz o 20 de febreiro. Trátase dun traballo conceptual que propón unha fonda reflexión sobre o significado de vivir con conciencia e sobre a creación artística como ferramenta de resistencia, pensamento crítico e celebración colectiva. Cos primeiros avances -ou manifestos-, titulados Rico de Sabor e Rap Cru, o trío abordaba a loita pola dignidade vital e a celebración da creación pura como acto de renacemento. Neste Non Traio Un Laio, os artistas erguen a voz contra a submisión lingüística, o desarraigo cultural e a favor do apoderamento da lingua galega.

Escoita Non Traio Un Laio: https://linktr.ee/lumedoloop

As entradas para o único concerto que Rodrigo Cuevas ofrecerá en Galicia en 2026 poranse á venda mañá, martes 23

O artista actuará o 30 de abril no Coliseum da Coruña, nunha cita na que o público se poderá situar no escenario, transformado nun ‘llagar’, e ser parte do espectáculo

As entradas para a presentación en Galicia do novo traballo discográfico do asturiano poderanse adquirir a partir das 11.00 horas deste martes 23 a través de Ataquilla.com e rodrigocuevas.sexy; mais os billetes para ser parte da experiencia inmersiva do llagar unicamente estarán dispoñibles  nesta última

Rodrigo Cuevas presentará a súa nova proposta escénica, La Belleza, o 30 de abril no Coliseum da Coruña. Será a única actuación que o artista asturiano ofreza no 2026 en Galicia no marco da súa nova xira. As entradas poranse á venda mañá, martes 23, a partir das 11.00 horas.

La Belleza transformará parte da pista do recinto coruñés nun ‘llagar’, local tradicional no que se fai a sidra. Neste espazo, convertido en escenario, o público -sentado en mesas- formará parte do show e convivirá co cantante, quen interactuará coas persoas que teñan billete para gozar desta experiencia inmersiva. Este tipo de entrada, ademais, acompañarase dunha degustación de sidra e outros produtos asturianos desde a apertura de portas e até o inicio do show. 

Rodrigo Cuevas iniciará a xira La Belleza, unha fantasía escénica e argumental, o 24 de abril en Avilés. A súa actuación no Coliseum será, polo tanto, a segunda cita dun tour que fará da indeferenza un lugar intransitable. As entradas para asistir ao único concerto que ofrecerá en Galicia no 2026 poranse á venda mañá martes, 23 de decembro, ás 11.00 horas, a través das plataformas Ataquilla.com e rodrigocuevas.sexy. Só nesta última web estarán dispoñibles os billetes especiais para gozar da experiencia inmersiva do Llagar La Panoya Dorada -que inclúe asento reservado nunha das mesas do escenario, servizo de sidra e outros agasallos- situado como escenario, e que permitirá ao público formar parte do espectáculo. Estas entradas serán limitadas e sen numerar, e o acceso será por orde de chegada ao Coliseum. 


LA BELLEZA, DE RODRIGO CUEVAS
30.04.2026 COLISEUM DA CORUÑA

Activación da venda de entradas: martes 23 de decembro ás 11.00 horas
Plataformas de venda:  Ataquilla.comrodrigocuevas.sexy
Billetes especiais ‘Llagar La Panoya Dorada’: rodrigocuevas.sexy

Fotos Rodrigo Cuevas: © Ricardo Villoria
Máis información:  rodrigocuevas.sexy

20251222-NP-Entradas-Rodrigo-Cuevas

Homenaxe a Bernardo García Cendán no seu 13º cabodano na praza da igrexa de Vilalba

O domingo 28 de decembro de 2025, ás 12:30 horas, na Praza da Igrexa de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a homenaxe a Bernardo García Cendán no seu XIII Cabodano, que terá lugar ao carón da lousa coa inscrición conmemorativa inaugurada tres anos (obra do canteiro José Gómez de Bernardo “Pepón”).

O acto terá un apartado para o recitado de textos do propio Bernardo, e outro musical no que intervirán os grupos: 

– LAMBE LAMBE

– CORREDORES DE SOMBRA

NOTA-INFORMATIVA-BERNARDO