Andanzas do Suso de Lameliña UN POEMA E CATRO RELATOS CURTOS
UN POEMA E CATRO RELATOS CURTOS
Un ano máis o outono toca ao seu fin. Velaquí na súa lembranza, un poema e catro relatiños.
Pinta o outono unha paleta de cores.
Danza o laranxa, danza o vermello,
brinca o amarelo dourado,
levita o marrón, o gris azulado,
e o verde musgo abraza a memoria.
Pinta o outono unha paleta de cores.
Resoa a muiñeira da melancolía,
as follas mortas de Prèvert acoden a nós,
lembrando cando a vida era máis fermosa,
cando o sol ardía con máis forza.
Pinta o outono unha paleta de cores.
Bailan as follas, mingua o día,
íspese o poema de caducos versos,
para ser raíz, sostén de acordanzas…
Repousa a terra.
A melancolía do outono é como esa parra que, muda e rebuldeira, agatuña polo que un día foi o noso fogar.
Cada novembro os merlos da nenez regresan ao camposanto dos soños.
Na necrópole das lembranzas as flores do esquecemento acompañan o silencio.
MAÑÁ DE OUTONO
Día solleiro de outono. Hai unha mestura de sons no aire que aledan a mañá: ladridos que espertan, corvear que describe círculos, sinfonía de chirlos, cacarexos de liberdade, rinchos que resoan no val, chocas que pacen no verde, campás que anuncian horas.
É mediodía. O sol pousa morno nun tapiz de cores: dourados, amarelos, vermellos, marróns… El, sentado e coas mans repousando sobre o colo, os ouvidos e os ollos abertos ao mundo, deixa que o tempo se derrame lento, como as augas do regueiro que ao seu carón debuxan caligramas entre as pedras e as follas caídas.
Nun momento dado, pecha os ollos… e sente que todo está en equilibrio, esquecendo por completo o ruído que enzoufa de rancor o mundo. E pensa… Pensa, mentres un lixeiro vento abanea as pólas dos castiñeiros, orfos xa de castañas, que non hai como o outono para sentirse en paz.
