por Miguel Díaz | Mar 28, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: EXPECTATIVA
En nós habita e non fóra, a substancia que nutre a decepción. Nun proceso de espera e esixencia que non sempre é xusto con quen non dá. Porque non pode dar, porque non o ten, porque non sabe, porque non quere, porque non debe, porque non o ten que dar… Coas mans nosas embrollada, a aramada egocéntrica. Por nós alimentada, por nós conformada. Desprezando acotío as loitas alleas. As loitas cotiás de cadaquén. As descoñecidas batallas que cada un emprende alén da nosa vulgar expectativa.
por Suso De Lameliña | Mar 23, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
ORIXINAL BIBLIOTECA
“A cultura, unha riqueza inestimable, ten que ser accesible para todos. Os libros, portadores de coñecementos e sabedoría, non deben ser tratados do mesmo xeito ca simples mercadorías, igual ca produtos cotiás, coma tomates ou parafusos, por exemplo. O seu valor vai máis aló do prezo de mercado.”
Así opina Adelaida Rancaño, quen firme nas súas conviccións, poderíamos dicir, libertarias, só en circunstancias extremas decide mercar un libro; o seu xeito preferido de obtelos é furtándoos, “cambialos de lugar”, como ela afirma para poñelos á disposición de todo aquel que o desexe. Tanto en librarías como en presentacións( mesmo de amigas ou amigos), procura a maneira de facerse coa obra que lle interesa. Non deixa de ser unha forma peculiar de resistir ao sistema capitalista, como sostén con firmeza.
A biblioteca de Adelaida Rancaño é unha colección única e orixinal, que contén aproximadamente seis mil exemplares. Estes libros están organizados en tres curiosas seccións : A, B e C.
Na sección A, a máis pequena, atópanse os libros adquiridos de maneira legal. A sección B alberga os libros sustraídos en librarías, cada un deles marcado coa data de adquisición e o nome da libraría correspondente. Esta sección é unha especie de mapa literario, con nomes de librarías que van desde Cornellá ata Berlín, pasando por case todas as de Galicia.Finalmente, na sección C, atópanse os libros sustraídos en presentacións. Cada un destes exemplares está marcado coa data e o sitio do tivo lugar oacto.
Esta organización meticulosa reflicte o compromiso de Adelaida coa súa forma única de interactuar co mundo dos libros. Algo, que dada a súa xenerosidade, comparte con todo aquel que queira mergullarse no pracer da lectura. Un santuario de coñecementos aberto a todos, sempre e cando non saia o libro da sala onde se atopa, garantizando así a dispoñibilidade dos mesmos para futuros lectores.
Un xeito magnánimo de democratizar o acceso á cultura, por parte da altruísta e ilustre profesora Adelaida Rancaño.
por Miguel Díaz | Mar 14, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: AGARDA
Estiramos, estirados, os tempos de espera. Na procura de momentos que talvez nunca asomen. Na actitude de agarda, co desencanto acedo presente, imos definindo pasos. Pasos que tamén nos definen mentres nos afastamos co anhelo de achegarnos, cando seguimos coa semente no peto mentres nos distanciamos. Cando confiamos no sentido de orientación dun amor perdido nun labirinto.
por Suso De Lameliña | Mar 2, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
MAÑÁ SOLLEIRA
Despois de varios días sen moitas ganas de facer nada, esa mañá espertou con máis ánimo. O tempo axudaba, cálido e solleiro, escoitábase o canto dos paxaros e unha suave brisa traía o aroma das rosas do xardín. O primeiro que fixo foi tomar unha ducha refrescante. Á miña idade, case oitenta anos, non hai mellor pracer, o paso do tempo non perdoa, pensou.
Xa ben arranxado e vestido co seu traxe impoluto, coidadosamente lavado e pasado a ferro na lavandería de Marcos, dispúxose a tomar o seu almorzo habitual: zume de laranxa e café con leite acompañado dun par de galletas e dúas torradas con marmelada e manteiga. Máis de corenta anos almorzando o mesmo. Era un home de costumes fixos, reacio a cambiar.
Cando se deu conta, xa eran case as once da mañá, así que saíu a pasear pola cidade. Quince días pechado na casa, agás para comer no bar de Víctor, a uns cen metros da súa casa, facían que se atopara estraño. Por un momento estivo a piques de dar a volta, pero a mañá estaba tan boa que decidiu continuar o camiño. Aínda que máis espelido que días atrás, a morriña comezou a apoderarse del, o pasado aparecíalle en cada casa, tenda e recuncho da rúa. Non puido resistilo e dirixiuse ao que durante tantos anos fora o seu despacho de avogado. Pasóuselle pola cabeza subir e relembrar vellos tempos, pero ao final desistiu; só coñecía a Emilia, e poida que nin esa estea, xa que se non se xubilou ten que estar a punto. Deixou a rúa que tantas veces pisara e dirixiuse cara á Praza Maior. O banco no que adoitaba sentarse estaba baleiro, sacou un pano do bolso da chaqueta e sentouse enriba del. Ao pouco tempo, empezaron aparecer algúns coñecidos: Luís da Fonte, Amalia de Conturiz, Pepe, o barbeiro… Saudárono con alegría e curiosidade: Qué bo verte!, Qué foi da túa vida?, Pensabamos que morreras… Despois, falaron do tempo, das cousas que cambiaron desde que eran nenos, da primavera que xa estaba aquí… Ata que Luís sacou o tema das eleccións a piques de celebrarse. E comezou a discusión. El, que sempre fora de esquerdas, na ditadura do Partido Comunista e agora do Socialista, non aguantou máis. Todos, agás Amalia, eran de dereitas, polo que para non amargarse o día, despediuse e marchou cara ao parque de Rosalía.
A mañá estaba realmente agradable e o parque era un dos seus lugares preferidos, polo que non había mellor lugar ao que ir e aproveitar para ler algo á sombra dun castiñeiro de indias ou dunha sequoia; a estas horas da mañá, non adoitaba haber moitos visitantes. Palpou a chaqueta, e si, alí estaba o libro no bolso, non o esquecera. Mentres se foi achegando, comezou a lembrar os bos momentos que pasara cando estudaba no Instituto Masculino o vello bacharelato de sete anos e máis tarde o PREU; logo marcharía para Santiago facer dereito, pero sempre que regresaba á cidade non podía faltar a visita obrigada para de paso asomarse ás costas e botar unha ollada ao Miño, ao seu paso polo barrio de San Lázaro. Foi así, precisamente, unha tarde de verán, extasiado, ollando o pai dos ríos como coñeceu a Sofía, que cunha cámara de fotos inmortalizaba aquela fermosa paisaxe. Como pasa o tempo! Desde ese día, xa non se separaría dela ata que un cancro de mama lla arrebatou.
O primeiro que fixo ao chegar ao parque foi visitar os parrulos. Coñecíano ben e segundo o viron correron cara a el. Sacou do peto unhas migallas de pan, que sempre leva consigo, e deullas. Os pobriños, como brincaban de contentos e agradecidos!
Alí, a carón do estanque, á sombra da sequoia, volveu meter a man no peto e sacou o libro: “Aires da miña terra” de Curros Enríquez. Abriuno ao chou e comezou a recitar: Aí vén o maio/ de frores cuberto… Realmente case non precisaba de libro, a maioría dos poemas sabíaos de cor e gustáballe recitalos silandeiramente. Tras recitar media ducia, lembrouse daquel soneto que escribira para o bardo de Celanova hai xa uns cantos anos. Houbo un tempo en que todos os días escribía algún poema, pero que nos últimos anos deixara de facelo. Secasí eses versos ficaran para sempre gravados no seu maxín:
CURROS ENRÍQUEZ
Na rúa San Roque, en Celanova,
Século dezanove, xa mediado,
Quen de Galicia sería cruzado,
A primeira luz verá, feliz nova!
Manuel Curros Enríquez, nomeado,
Cantor de poesía corrosiva,
Do laicismo e da terra abandeirado
Contra a ignara doutrina represiva.
Aínda se escoita o vello e o sapo,
So branco luar, con forza berramos:
Nin foros, nin cregos, de amos libertos!
Fuxide, fuxide, vermes noxentos,
Liscade xa, triunfantes carrapatas.
Que ao fin sexa ceibe esta terra nosa!
Mirou o reloxo.Que rápido pasara o tempo, case as dúas da tarde! Gardou o libro e, apurando o paso, emprendeu o regreso á casa. Lentellas e pescada a romana agardaban no bar de Víctor.
por Miguel Díaz | Feb 26, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: TOXO
Algunhas marionetas, pobre delas, crense con vida propia, inconscientes da súa insignificancia.
Existen individuos que comparten esa característica, son como bonecos desleigados amosando toda a súa estupidez mentres ondean oufanos un trapo alleo e imposto, válido unicamente para esparexer odio e necidade -en perigosa mestura-.
Son os idiotas desenraizados, alimentando a deturpación da palabra, que se cren moderados pero só saben bourear, que cren razoar pero só esbardallan. Expertos en ditar sentencia, ceiban a súa mediocridade nun espectáculo lamentable de incultura continuamente exhibida. Ancorados nun ruín desprezo polos que si entendemos outra forma de construír país, de sentirnos pobo.
Ante os domados e submisos, ante a súa repugnante negación, sostense o noso puño ergueito, leal, honesto. Ante a súa traizón, a nosa teima na boca que non cala, na saliva íntima dunha verdade fonda, de noso, que aínda soña con florear, como hoxe florea o toxo entre o desapego á terra dos imbéciles e escuros.
por Miguel Díaz | Feb 8, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: O HOME ROTO
O home roto, trala construción de muros invulnerables, amosa imaxe de fortaleza e seguridade. Semella sempre preparado para o próximo combate. Mais cando o abanean, un botín de cristais afiados reméxese violento no seu interior, nunha turbulenta revolta indiferente á coiraza.
Semella no mundo un soldado invencible o home feito cachizas. O home feito cachizas trala fiestra tapiada.