Paloma Sás Martínez, coa obra ANTES DA XABREIRA, gaña o IX Certame de Poesía Torre de Caldaloba

O accésit foi para a obra Pulaski, da que é autor Jacobo Paz Limia
Este sábado, 21 de novembro, ás 11 horas celebrarase na Biblioteca Rural San Martiño de Pino a entrega de premios do IX Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convoca o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.
O xurado desta IXª edición, integrado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, acompañados por María José Paredes e Martiño Maseda, estes dous con voz mais sen voto, decidiu conceder o primeiro premio á obra Antes da xabreira, da que é autora Paloma Sás Martínez, e outorgou o accésit ao poemario Pulaski, de Jacobo Paz Limia.
Na deliberación o xurado salientou que a obra Antes da xabreira representa dalgunha maneira unha volta ao pasado noso, á infancia salvaxe da nosa terra. Sementada nun léxico rexido polo cultismo das súas palabras e pola recreación de lugares de convivencia da nosa tribo. E nun clima de metáforas propiamente galegas. Unha simboloxía da beleza dos nosos ancestros.
De Pulaski o xurado di que debuxa a traxedia do mundo dos incendios en Galicia, facéndoo dende unha ollada interior, e que espella na voz de que loita contra esa lacra ambiental. É un poemario que escintila nas poderosas imaxes que integra. Unha obra dunha contención expresiva, e que, ás veces, se condensa en poderosos flashes líricos que combustionan coma brasas.
