Arredor de… NAKBA, de Patricia Torrado Queiruga

Imaxe tomada da web de Alvarellos Editora

“Para min esta obra non só foi un berro de loita con premio, foi a oportunidade de darlle voz a quen está en Palestina gritando mentres o mundo mira a outro lugar“

“Calquera tipo de arte debe remexernos dentro, facernos replantexar o mundo, facernos pensar. Iso era o que pretendía esta obra, meter a man no peito da persoa lectora, remexela dentro e que iso lle mudase a ollada”

P._ O primeiros versos de NAKBA din: O bisavó colleitaba trigo/ no ventre dunha terra/ que escañara coas súas mans… Que colleitamos agora no ventre desta terra que aldraxamos coa violencia das nosas mans?

R._ Só podemos colleitar vergoña, complicidade, tristura e morte.

P._ Lendo NAKBA percibo que a súa poesía vai máis aló desta catástrofe nefanda que supón o xenocidio do pobo palestino. Talvez pretendías tamén reflectir a desfeita do concepto contemporáneo de humanidade?

R._ U-la humanidade? Coido que hai xa moito que esa verba se espiu de significado. Dicía Hannah Arendt que a morte da empatía humana era un dos primeiros e máis reveladores sinais dunha cultura a piques de caer na barbarie. E non é isto no que estamos agora? Xente que non se doe dos seus semellantes por estaren noutras latitudes, a quilómetros dunha mesma, e cos que, ao non ter trato directo, desvencellamos dos mesmos medos, incertidumes, esperanzas ou dereitos. 

Adoito dicir que estamos nun tempo tan escuro e tan individualista que cando non nos quede con quen relacionarnos, non sendo coas intelixencias artificiais -por non valorar as naturais- teremos que inventar un xogo capitalista para volver reconectar coa calor humana e quedará dela algo máis que feluxe?

P._ O corpo deste poemario referencia no seu inicio e mais no seu remate a figura do bisavó. Unha celebración da sabedoría dos nosos devanceiros? Cónstame que en ti hai moita desa aprendizaxe dos teus antecesores. Canto dela percorre os ríos emocionais de NAKBA?

R._Se algo temos en particular como especie é que precisamos das demais para valernos, somos tribo sanguínea ou non. Menosprezar o heredado a nivel cultural, lingüístico ou emocional é recomezar da nada. E non sei se estamos dispostas a ser tábula rasa cos tempos que corren.

Unha das maneiras máis atroces de erradicación dunha poboación comeza pola eliminación das raíces. Hai unha imaxe que me fai trousar: arrincan oliveiras de Palestina, rouban o seu froito e logo agasállano a outros países (o Concello de Madrid acaba de recibir estas semanas unha manchea de oliveiras como “ofrenda de irmandade con Israhel”). Unha imaxe aterradoramente poética: arrincar os cadáveres do ventre de Palestina e deixalos á porta dun concello cómplice do xenocidio.

P._ Este poemario desde a súa concepción é unha voz coral, na que os teus versos en galego conviven e dialogan coas ilustracións da artista Reem M Al-Arqan e o limiar do poeta Nasser Rabah, dúas voces que berran coa súa arte, cos seus adentros desde o inferno creado sobre a súa terra de Gaza polo estado sionista de Israel. Tecer esa especie de rede artística supón dalgunha maneira alimento para a esperanza de que aínda se poden avivar en nós brasas de loita pola existencia dun mundo mellor? Cres que realmente inda é posíbel esa esperanza?

R._Tecer rede é o que deberiamos facer cada unha de nós sendo moi conscientes, como di un amigo meu só hai tres cousas que non teñen volta, a palabra dita, a pedra que guindas e a oportunidade que perdes. Para min esta obra non só foi un berro de loita con premio, foi a oportunidade de darlle voz a quen está en Palestina gritando mentres o mundo mira a outro lugar. 

Para min, dende setembro de 2025 Nasser e Reem son familia, as súas coitas son tamén miñas, non do mesmo xeito, non vou banalizar o sufrimento directo que conleva un xenocidio; pero si a preocupación por que estean ben, por que teñan que comer, por que a climatoloxía sexa benévola con eles e cos seus.

Como se artella a esperanza? A esperanza é que dediques novembro e decembro de 2025 a facer acuarelas da serie “Oud- Palestina” e que haxa quen as merca porque sabe que os cartos acadados van íntegros para eles dous. Que as envíes a Sevilla, Vilalba, Barcelona, Cáceres, Porto, Roma, Santiago, Valencia, Murcia,… Axudar é dar o que se ten para soster, e non precisamos todas nós que nalgún intre nos sosteñan? 

Dicía Eduardo Galeano: “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode mudar o mundo”.

Patricia Torrado Queiruga recita un poema de NAKBA

P._ A internacionalización de NAKBA coa súa versión tetralingüe (galego, castelán, inglés e árabe) axuda a establecer con maior firmeza esa conectividade emocional entre a ollada dunha autora situada fóra (xeograficamente falando) do lugar onde acontece a catástrofe e as propias vítimas de tal desfeita humanitaria? Que sensacións experimentaches no transcurso creador desta obra poética? E agora que a ves plasmada no corpo de libro, que sentes? Que desexarías que probase a persoa lectora que se achegue a esta labazada poética de cruenta realidade que retratas en NAKBA?

R._ Calquera tipo de arte debe remexernos dentro, facernos replantexar o mundo, facernos pensar. Iso era o que pretendía esta obra, meter a man no peito da persoa lectora, remexela dentro e que iso lle mudase a ollada.

Para min era preciso tomar partido, porque non tomalo é ser cómplice, non poñer o noso gran de area é ser parte do problema e ollar para outro lado ou negar a aberración non entra dentro da definición de humanidade.

Así nace tamén NAKBA, como unha sorte de incendio na boca do estómago ante a inxustiza irracional e constante cometida contra un pobo, polo simple feito de ser cobiza e esquezo do resto. 

Coido que se acadou a finalidade que buscaba. Quen o leu fálame do moito que chorou, de como viviu cada poema, de que tiveron que lelo en anacos para non esgazar. E a mirada do pobo árabe en xeral tamén é moi positiva. Coméntanme palestinas afincadas en Galiza que viron retratado o sufrimento do seu pobo como se ese mesmo sufrimento fose padecido por min, como se a miña voz fose a das súas irmás, das súas nais, das súas avoas. Porque non é unha ollada dende fóra -nunca pretendeu selo- como muller europea, cuns privilexios e prexuízos adquiridos, a milleiros de quilómetros de distancia.

P._ Entre os matices que atinxen á vida está o do compromiso coa vida mesma e/ou con algunha causa dentro da mesma. Que opinas diso? Que característica/-s procuras que trace a túa literatura? Ética e/ou estética?

R._ Como dicía anteriormente, calquera tipo de arte ten que comprometerse co seu tempo, coa súa realidade social, política, cultural e emocional. A estética por si mesma non deixa ningún regusto no padal. Un bo verso queda pegado na pel, no pensamento, volve aos beizos sen sequera invocalo. 

Son unha muller comprometida, incómoda, directa e irreverente e iso nótase na miña escrita, na miña forma de estar no mundo, no xeito de relacionarme co que me rodea. Co cal… ética e estética, sempre.

P._ Se colapsásemos como civilización, que derradeiras palabras deixarías ditas ou escritas? Ou gardarías silencio?

R._ Cando a poesía chegou a min, chegou con Neruda e aquel verso de “me gusta cuando callas”… moito me deu que pensar. 

Nunha época anterior da miña vida aprendín a ser a correcta, a pasar desapercibida, a non pedir, a non retrucar,… Pero a aprendizaxe é daga afiada, e pode asaltarte en calquera intre. Descobres que hai loitas que se deben librar, cuestións polas que se debe alzar a voz, principios e dereitos que defender e o silencio é indiferenza, complicidade, desleixo, apatía. O silencio só é preciso para que a música e as verbas respiren.

Se pensásemos con detemento a importancia e responsabilidade que conleva cada palabra que dicimos e o impacto que pode ter en quen nos le ou nos escoita, o mundo sería moito máis amable. Porque tanta amabilidade hai nun Quérote! coma nun Vaffanculo!