A portada de Lendaira é obra da ilustradora Carlota Suárez

O álbum, producido por Iago Pico, preséntase en directo o 3 de decembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela

«Pechade os ollos… e imaxinade un lugar alén do coñecido». Con estas palabras, na voz do actor Carlos Blanco, abre Lendaira, o álbum debut de Son Galaico, que chega este venres 27 de novembro a todas as plataformas dixitais.

O lugar ao que convidan esas palabras é Lendaira, un mundo onde cobran vida os mitos e as lendas do folclore galego e celta. O disco narra a viaxe dos dous músicos ata alí en 13 cortes, 10 cancións e 3 interludios, pensados para escoitarse en orde, coma os capítulos dunha novela de fantasía.

Videoclip de Kallaikoi, con Carlos Blanco como Druída

O relato comeza en Kallaikoi, o primeiro adianto. Nunha fraga, os dous músicos atopan unha pedra gravada cunha espiral que os leva a percorrer Irlanda, Escocia, Gales, Cornualles, Bretaña e a Illa de Man ata reunir as sete. En Benvidos a Lendaira cruzan o portal e coñecen a Breogán -interpretado no videoclip polo cómico David Perdomo-, o heroe que construíu unha torre á beira do mar para divisar Irlanda. El encárgalles cantar as súas fazañas, e Breogán é esa canción: unha crónica épica, algo adornada, do rei de Brigantia.

A segunda metade do disco achégase ao folclore máis próximo. Miranda conta a historia dun mariñeiro que sobrevive a un naufraxio e se namora dunha serea que non pode levalo con ela. As meigas fuxidas de Lendaira protagonizan Meiga, Ere Eroa e Foliada: un baile nunha foliada que remata mal, un cantante que perde a voz por un meigallo e un home que esperta cada día nun lugar diferente. O disco pecha con Malas Mans, na que o dúo regresa ao mundo terreal perseguido por unha axencia secreta que quere facerse co poder de Lendaira.

Videoclip de Benvidos á Lendaria, con David Perdomo como Breogán

Musicalmente, Lendaira mestura as tradicións galega, irlandesa, escocesa e bretoa co pop rock, o country e a electrónica. Todas as cancións son composicións de Aarón e Hugo. Iago Pico, produtor dos dous últimos discos de Tanxugueiras, encargouse da produción, a gravación e o máster en Pouland Studios (Ames). 

No disco participan tamén as violinistas María Sánchez, Mira Wöllenstein e Iria Seoane, Migui Ocampo no bodhrán e as Cantareiras Aldomir, que poñen os coros de Malas Mans. Nos interludios, o actor Carlos Blanco -quen participa no videoclip de Kallaikoi– dálle voz ao druída que abre o álbum, e o dúo humorístico Pepe y Lucas, aos axentes da axencia secreta.

A presentación en directo de Lendaira será o xoves 3 de decembro na Sala Capitol de Santiago, con apertura de portas ás 20:30 e inicio do concerto ás 21:00. As entradas xa están á venda.

Entradas presentación ‘Lendaria’ na Sala Capitol

Lendaira

Composición: Aarón Pérez Pardiñas e Hugo Sanjiao Varela

Voz e cordas: Aarón Pérez Pardiñas

Gaita e whistle: Hugo Sanjiao Varela

Produción, gravación e máster: Iago Pico (Pouland Studios)

Violín: María Sánchez García; Mira Wöllenstein (Kallaikoi); Iria Seoane Villar (Benvidos a Lendaira)

Bodhrán: Migui Ocampo (Senda)

Coros: Cantareiras Aldomir (Malas Mans)

Voces: Carlos Blanco (O Druída); Pepe y Lucas (A Axencia, O Xefe)

Portada: Carlota Suárez

Animacións: Fer Vinagre

Tracklist Lendaira

1. O Druída (interludio)

2. A Terra das Lendas

3. Kallaikoi

4. Benvidos a Lendaira

5. Breogán

6. Senda

7. Miranda

8. A Axencia (interludio)

9. Meiga

10. Ere Eroa

11. Foliada

12. O Xefe (interludio)

13. Malas Mans

Aarón Pérez e Hugo Sanjiao conforman Son Galaico

Son Galaico

Son Galaico naceu hai pouco máis dun ano, cando Aarón Pérez Pardiñas (Culleredo, A Coruña) regresou a Galicia tras unha etapa laboral fóra e se uniu a Hugo Sanjiao Varela (Santiago de Compostela). Os seus vídeos de folk gravados en paisaxes galegas suman hoxe máis de 100.000 seguidores en redes sociais, preto de 60.000 en Instagram e máis de 53.000 en TikTok, cun público maioritariamente novo. En maio esgotaron as entradas de dúas datas consecutivas na Casa das Crechas.