Andanzas do Suso de Lameliña. LA PALOMA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

LA PALOMA

Finais dos setenta, tras décadas de ditadura, novos tempos de liberdades e esperanzas nun futuro mellor, abríanse paso. Barcelona, unha cidade de alma cosmopolita, debido ao seu carácter portuario e á súa proximidade con Francia —baste lembrar as peregrinacións en autobuses de barceloneses e barcelonesas que acudían a Perpignan ver “El último tango en París” de Bernardo Bertolucci—, comezaba a consolidarse como epicentro de contracultura e modernidade.

As Ramblas e o Barrio Gótico como grupo de encontro de artistas, escritores e músicos; a revista Ajoblanco; salas como Zeleste de ambiente nocturno; teatro experimental que desafiaba as normas establecidas…, son exemplos da vida cultural desta cidade nos derradeiros anos do réxime e primeiros da democracia.

Pero ao lado destas manifestacións culturais e lúdicas, había unha sala mítica,”La Paloma”, fundada a principios do S.XX; unha sala de baile que sobrevivira a monarquías, republicas e ditaduras e que aínda conservaba un aire canalla, unha elegancia gastada mesturada co cheiro a Ducados e a perfume barato.

María, emigrante aos dezaseis anos da zona dos Ancares lugueses era unha das asiduas todos os sábados e algún que outro domingo e festivo. Traballaba de criada no barrio de Pedralbes para un empresario do mundo do espéctaculo. A muller era alemana e tiña dúas fillas, das que se tiña que facer cargo; unha delas, que chegaría a triunfar nos medios de comunicación, acabaría casando co fillo dunha famosa aristócrata.

Unha noite de sábado de María en “La Paloma” desenvolveríase máis ou menos como a continuación detallo.

María entra na sala como quen pisa un escenario. Para ela a noite non eran só unhas horas de diversión e xolda, era unha especie de combate, onde tiña que demostrar que aos seus corenta e pico anos (poucos, segundo ela; bastantes, segundo os coñecidos), seguía a ser a excelente bailadora, que sempre foi, e que nas festas de agosto cando regresaba á súa aldea de Cervantes, facía gala ante os mozos, que atónitos ficaban ollando para ela e a súa parella, mentres agardaban a súa quenda.

Como todos os sábados o local atópase a reventar. Tras pedir unha copa de cava, achégase a escoitar a orquestra e observar como a pista comeza a encherse de bailadoras e bailadores. Apura o líquido espumoso, a súa bebida preferida, e regresa a pedir outra copa. É o ritual de sempre, dúas tomas para coller fórza e lanzarse ás fieras. Logo á medianoite, outras dúas copas serán as encargadas de proporcionarlle os folgos necesarios para rematar, esgotada, sobre ás tres da madrugada, camiño da súa casa de Hospitalet, no coche dalgún amigo ou na súa falta, nun taxi.

Xa temos a María na pista bailando un tango cunha parella imaxinaria. Cando remata a peza, un tipo de bigote e camisa aberta ata o embigo, exhibindo unha gran cadea de ouro da Virxe do Carme, tócalle lixeiramente no ombreiro e dille:

—Bailamos.

Mírao de arriba a abaixo. Era a primeira vez que ve esa cara. Crava os seus ollos nos del, ata facerlle baixar a vista. Un cheiro a “Varón Dandy” profana as súas pituitarias. Pero un baile non se lle rechaza a ninguén, así que acepta.

Mentres a orquestra interpreta o bolero “Bésame mucho”, comezan a xirar marcando o ritmo. Ben, marcando o ritmo é un dicir, porque o tipo de bigote, moi douto, moi douto no baile, non é. María, mentres tanto absorta nas súas cavilacións: que aquel home pisaba como se quixese plantar patacas na horta, que a cousa tiña traza de rematar co nocello tronzado, que Adolfo aínda non chegara — ese si que baila ben, arre demo!— e que se segue apretándoa así vai rematar por vomitar por el,
incluida a “escudella” que vén de cear.

Cando a música para, María despídese con elegancia e busca refuxio en Adolfo, que naquel intre —bendita salvación— está entrando pola porta. Agora si lle vai prestar o baile. Con Adolfo pode xactarse do seu depurado estilo á hora de danzar. A pista de baile empeza a encherse de historias: miradas furtivas, parellas que se bican bailando unha cumbia, promesas pasaxeiras que morrerán co encendido das luces. E María e Adolfo, tal Apolo e Artemisa inmersos nunha danza divina como se todo o Olimpo estivese a contemplalos.

Ao final “La Paloma” era iso, un baile ben botado, unhas copas de cava e un tipo de bigote disposto a amargar a noite se non fose pola oportuna chegada de Adolfo.

O Salón Teatro do Centro Dramático Galego acolle este venres a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ do artista Euyín Eugene

No marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene está a traballar na súa proposta Tuerce desde o pasado 22 de maio en Santiago de Compostela 

Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias

Tras finalizar a estadía da súa residencia artística na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do CDG, Euyín Eugene ofrecerá este venres, 13 de xuño, ás 20.00 horas, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, no mesmo Salón Teatro, en Compostela, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado 22 de maio en Santiago de Compostela, o artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene iniciaba a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en torno á súa proposta Tuerce.

Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.

Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, Euyín Eugene ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, a velada deste venres, 13 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Tuerce é un proxecto de investigación artística do artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.

Esta proposta nace coa intención de xerar, a través da creación, espazos para compartir e reflexionar arredor da disforia de xénero coas persoas que a experimentan e desmarcala do estigma para comezar a construír novos rexistros e matices que sirvan non só á comunidade trans, senón tamén á sociedade en xeral.

Que diría a disforia se puidese falar a través dun corpo? pregúntase Euyín, e observa que o corpo trans e non binario, a través da súa experiencia, torce, vira, altera, desvía, mobiliza e permite desnaturalizar o sistema sexo-xénero.

Euyín propón xerar unha peza na que, poñendo o seu corpo no centro, conflúan voces, sons e texturas que evoquen o tránsito dun corpo que decidiu autodeterminarse no medio do sistema sexo-xénero, colaborando en escena con Íren Márquez Dos Santos para a creación das paisaxes sonoras que atravesarán o dispositivo escénico. Interésalle especialmente o papel do público dentro deste dispositivo, xa que, máis que interpelar, busca xerar pontes e abrir preguntas, dialogando co público, tamén atravesado polo mesmo sistema.

SOBRE O ARTISTA

Euyín Eugene é unha persoa transmasculina non binaria, nacida en Petare, Venezuela. É creador visual, escénico e xestor cultural, graduado en Arte Dramática pola Universidade Nacional Experimental das Artes (Caracas). A súa práctica artística centrouse na performance e na creación de espazos para o seu desenvolvemento. Traballa arredor de procesos nos que se entrelazan a experiencia encarnada e os acontecementos políticos e sociais que a atravesan e condicionan. Interésalle colectivizar os procesos e xerar espazos de diálogo. Son temas recorrentes nas súas propostas as relacións de poder, a migración, o xénero e a memoria histórica.

O seu traballo foi programado en diversos espazos e institucións como La Casa Encendida, La Parcería, Juf, Espacio Afro e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Na súa traxectoria como xestor cultural en Madrid, colaborou na creación e coordinación de proxectos con La Parcería, Espacio Afro, Osikán e Madrid Negro.

Pola súa banda, Íren Márquez Dos Santos é une artista e produtore afrodescendente de Madrid que investiga e abraza as formas de resistencia e sanación das comunidades da diáspora a través do son. A súa investigación sonora céntrase no mar e na súa materialidade política, afondando no potencial do son submarino para expor realidades ambientais fracturadas e conflitivas que repercuten nas narrativas históricas coloniais e neocoloniais sobre a superficie da auga.

As súas producións sonoras máis recentes inclúen un espazo sonoro comisionado por Tomboysdontcry e Congregations para Lingua Lunga en Milán (Italia); un espazo sonoro para a versión curta de Más allá de la piel en Conde Duque (Madrid); o obradoiro sonoro Somos ruidos fluyentes para Hablar En Arte e 21Distritos; sesións de DJ para Una fiesta salvaje en Matadero Madrid e para o evento Plurrrii do Jokko Collective, en Foc Barcelona.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc. 

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.colectivorpm.gal/

O Festival Atlántica reúne nun mapa os seres míticos do imaxinario tradicional galego

  • O ilustrador Leandro Lamas dálles forma aos contidos de Manuel Gago neste ‘Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia’ que convida a explorar a riqueza da nosa sociedade tradicional
  • A publicación recolle 34 de seres míticos, tanto figuras espalladas por toda Galicia como outras vinculadas a espazos locais que son menos coñecidas
  • O mapa poñerase á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero tamén será posible adquirilo por correo

Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia é unha realidade grazas ao Festival Atlántica. Esta celebración da diversidade do imaxinario tradicional galego materialízase no papel grazas ao traballo conxunto de Manuel Gago e Leandro Lamas, responsables dos contidos e das ilustracións, respectivamente. O mapa estará á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero calquera persoa interesada poderá adquirilo a través da web festivalatlantica.gal.

Alarbios, urcos, maruxainas, lobishomes, xigantes, xacias, trasnos…, ata completaren unha escolma de trinta e catro personaxes fantásticos, aparecen representados nesta publicación que homenaxea o primeiro mapa do reino de Galicia elaborado por Hernando de Oxea a principios do século XVII.

O mapa inspírase tamén nos cartelóns dos cegos das feiras que, apoiados nas ilustracións, cantaban os seus romances. De feito, chega acompañado dun folleto que explica a historia de cada un dos seres para facilitar o seu uso como soporte para a narración do noso imaxinario tradicional e a exploración do noso territorio nestes novos tempos.

Moitos dos personaxes están asociados ás localidades ou comarcas nas que se recolleron os mitos e outros pertencen ao acervo común de Galicia. O mapa reivindica a riqueza de figuras míticas da tradición oral galega e aposta pola diversidade da súa representación e mais pola recuperación de figuras de noso hoxe desaparecidas da memoria e coñecidas grazas á documentación da Idade Moderna e do século XIX.

OS AUTORES

Manuel Gago é xornalista, escritor e comisario de exposicións. Dirixe culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Ten unha ampla traxectoria como divulgador do patrimonio cultural galego.

Leandro Lamas é un dos ilustradores máis coñecidos de Galicia. Cunha traxectoria iniciada a finais dos 90, aborda a pintura e ilustración en cadros, libros, portadas de discos ou murais. O seu singular estilo convérteo nun dos artistas cun estilo máis significativo e querido á hora de representar unha Galicia soñada.

VÍDEO | https://youtu.be/ro3ArOxKgus

MAPA DE SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA | Edición Especial Atlántica 400 unidades | Medidas : 50×70 cm | Prezo de lanzamento: 25 €

Á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela.

Para envíos a outros puntos, consultar no correo festivalatlantica@gmail.com

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

Manuel-Gago-presenta-o-Mapa-de-seres-máxicos-do-Reino-de-Galicia-Parte-1

Manuel-Gago-presenta-o-Mapa-de-seres-máxicos-do-Reino-de-Galicia-Parte-2

Castiñeiro Milenario organiza a visita guiada ao Arboretum de Galicia

A derradeira actividade semestral da Asociación Cultural Castiñeiro Milenario consistirá na visita ao Arboretum de Galicia situado en Begonte.

Un arboreto vén sendo un espazo natural protexido no que se desenvolven coleccións de árbores e plantas vasculares cunha lóxica paisaxística e con fins pedagóxicos. En Begonte, no lugar de Reiriz, na parroquia de San Vicente de Pena, temos a fortuna de contar, desde o ano 2010, co Arboretum de Galicia.

Despois de falar cos responsables do Arboretum, temos a sorte de poder facer, de xeito excepcional, unha visita guiada o domingo 22 de xuño a partir das 10:30 horas.

A actividade poder durar entre 2 a 3 horas e está indicada, en principio, para todos os públicos., cumprindo sempre as regras do espazo. Para organizar ben a actividade (as prazas son limitadas) cómpre anotarse no noso correo electrónico (castineiromilenario@hotmail.com) ou nas nosas redes sociais.

Máis información na nosa páxina https://castinheiromilenario.wordpress.com/2025/06/03/visita-guiada-ao-arboretum-de-galicia/

Proxección da película LÉVAME A IDEA na Casa da Cultura de Begonte

Remata o Ciclo de Cine dedicado á música tradicional en homenaxe ás Cantareiras das Letras Galegas 2025, que organiza a asociación Castiñeiro Milenario, coa proxección da película LÉVAME A IDEA dirixida por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso.

O documental trata temas tan fundamentais como a invisibilidade e infravaloración das músicas e cantares das mulleres desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo “que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais”. Ademais, ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, “unha lingua fundamental para a nosa cultura”. Neste senso, o documental tamén sitúa o foco no impacto da represión franquista sobre a música de tradición oral feita por mulleres en Galicia, un capítulo escuro da nosa historia que é preciso lembrar e analizar.

A proxección, de balde ata completar aforo,  será na Casa da Cultura de Begonte o sábado 21 de xuño ás 19:30 horas.

Bea Lema, Luis Yang e Sira González serán o xurado especializado do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025

Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado polo artista Luis Yang, gañador da pasada edición do premio

Este luns finalizou o prazo para recibir propostas, cun total de 56 participacións

A persoa gañadora do premio darase a coñecer durante un acto de entrega no mes de agosto, no marco da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán 

A información completa do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio25

O Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 xa ten xurado especializado para a súa segunda edición. Bea Lema, Luis Yang e Sira González serán os profesionais responsables de avaliar o total de 56 propostas rexistradas no certame este ano, que este luns pechou o seu prazo para a recepción de participacións.

Deste xeito, a Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, o Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man polo artista Luis Yang (gañador da primeira edición do certame). O II Premio Autobán 2024-2025 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. A información pode consultarse en: https://www.autoban.gal/premio25.  

O II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 recolle a participación de todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine son libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada polo xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e mais tarde celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2025 do Festival Autobán. 

SOBRE O XURADO ESPECIALIZADO DO CERTAME

Sira González é Licenciada en Documentación e ten un Máster en Bibliotecas Escolares. Leva desempeñando a súa labor bibliotecaria na Biblioteca Municipal de Os Rosales da Coruña desde o ano 2009. Coordinadora de clubs de lectura e responsable da comicteca, nos últimos anos imparte formacións sobre a colección de cómic en centros escolares e a súa promoción entre o público lector. O seu obxectivo é dobre: romper prexuizos con respecto ao medio e achegar a súa lectura a todos os tramos de idade, de 0 a 100 anos.

Bea Lema (A Coruña, 1985) é ilustradora e autora de cómic. O seu traballo é, xeralmente, de corte autobiográfico e de temas relacionados coa tolemia, o trauma, as relacións familiares, a relixión e os ritos populares. A nivel gráfico, explora o debuxo e o bordado como soporte para as súas ilustracións e historietas.

En 2017 recibe o XII Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por O Corpo de Cristo, a súa primeira novela gráfica, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena. En 2022 foi bolseira para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia). O libro no que traballou, baseado naquel primeiro cómic e que foi publicado en Francia pola editorial Sarbacane baixo o título Deas Maux à Dire e en España por Astiberri co título El cuerpo de Cristo, foi galardoado co premio do xurado do Festival BD 2023 en Pèrigord, o premio do público do Festival de Angoulême 2024, o Premio Bédélys 2024 do Festival de Cómic de Montréal á mellor obra estranxeira, o Gran Premio da Heroína Madame Figaro 2024, o Premio Nacional de Cómic 2024 e o Premio á mellor novela gráfica internacional 2025 do Festival Comicon Napoli. Actualmente traballa na adaptación deste libro a curtametraxe de animación.

Luis Yang (Madrid, 1993) é ilustrador e animador. Foi un dos impulsores do fanzine Nimio, gañador do premio ao mellor fanzine en Comic Barcelona 2016. Colaborou cos seus cómics en publicacións como Hoodoo Voodooš!doko bokoFenómena e Ex Mag, entre outros. En 2020 dirixiu e animou o videoclip musical When I Grow Up, da cantante estadounidense Yaeji, para a discográfica XL Records. En 2022 uniuse á guionista Uxía Larrosa para crear O bico da Serea, que recibiu o Premio Castelao e, posteriormente, en 2024, foi editado en castelán por Ediciones La Cúpula como El beso de la sirena. Actualmente, autoedita o fanzine Amorcito, nomeado a mellor fanzine en Cómic Barcelona. No ano 2024 foi galardoado co I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.

UNHA PANORÁMICA SOBRE A PRIMEIRA EDICIÓN DO PREMIO AUTOBÁN

Na súa primeira edición, celebrada o pasado ano, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que dicidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024. Na web de Autobán e posible, tamén, consultar a información desta Expofanzines 2024: https://www.autoban.gal/expofanzines/expofanzine2024

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN

En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey. 

As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal/