Título: MEDO

Eu tiña medo pero ningún dos cans que ouveaba na noite trouxo a morte.
Ningún dos corvos que pousaban na aira ou no tellado da palleira.
Morreron, quizais, algúns cans. E morreron, acaso, algúns corvos. Cans que pousaban na aira, corvos que ouveaban na noite.
E eu ás veces seguía sentindo, algo atenuado, ese mesmo receo incrustado.
Non hai moito máis que contar. Hoxe un acio de palabras podrece na noite e tocan as campás a morto. Morreu o cura e tocou o campaneiro. Morreu o campaneiro e xa non quedaba ninguén para tocar. Os corvos pousan no campanario e os cans ouvean cando amence. Alleos a todo.
Ollos indiferentes observan o paso de seres confusos.
E eu, ás veces, sigo tendo medo, anque non atino a saber que o provoca mentres estendo a mirada nun lugar que non me mira. Nin falta que fai.