2023 foi un ano moi productivo para Exeria: Tocaron nas 4 provincias de Galicia, gañaron o concurso de bandas do Trece Roeis Fest, publicaron os temas Un novo nome e Ata que sexamos reis acompañados por videoclips con gran acollida. E este ano vai a ser aínda máis axitado, con moitos directos e novos lanzamentos. Foron escollidos para formar parte das “Sesións de Sobremesa”, formato acústico e en directo ao estilo “Tiny Desk” cun ambiente relaxado e composto por 2 temas inéditos e con arranxos estilo tradicional.
A banda segue abríndose a novas influencias e asimilando músicas que a priori estan fora do seu radar estilístico. Isto demóstrase no seu novo traballo “Sobre a independencia”, un Ep de 5 temas que sae o vindeiro 8 de Marzo. Virá acompañado por un videoclip facturado polo equipo de Trece Amarillo, realizadores de traballos para artistas coma Tanxugueiras ou Carlos Nuñez.
Comezan a xira o vindeiro 9 de Marzo en Cerveceria Miguel, o templo da música da parroquia de Oia, en Vigo, e que sinten como a súa propia casa polo agarimo e respecto que teñen neste local polos artistas e músicos. Será este o primeiro concerto dunha xira con máis de 10 concertos polo momento, e nos que recorrerán as 4 provincias.
Exeria 09 Marzo 22:30h Cerveceria Miguel Camiño Liñares nº6 Canido, Vigo Entrada 5€
O seu último lanzamento de estudio foi Ata que sexamos reis, protagonizado polas máscaras do entroido dos mudados e perriñas, da aldea de Ribadetea recentemente recuperado polos veciños da aldea. Estes esmorgantes aparecían nas casas dos seus veciños pedindo esmola (perriña) que moitas veces se materializaba en viño ou aperitivos para evitar que fixeran algunha trasnada.
O 19 de abril do 2024 as 20:30 o Teatro Rosalía da Coruña a través do programa TRC Danza acolle a estrea do novo espectáculo de Elvi Balboa, compañía galega residente en Barcelona.
O espectáculo
A coreógrafa e creadora galega explica ANÖA:
ANÖA contempláse como un ritual que ten a vontade de mostrar a máscara que nos impoñemos, a vulnerabilidade de cinco corpos en movemento que anhelan chegar ao clímax. Un espectáculo de danza pensado como un acto de insistencia e resistencia, unha acumulación de enerxía sensual, movemento e voz para acadar unha liberación catártica.
Esta viaxe coreográfica desenvólvese en tres fases: o corpo premonitorio, o corpo climático e o corpo liberado. Unha catarse física, unha experiencia emocional e sensorial na que cada intérprete transita polos tres corpos e intenta descubrir o seu eu máis íntimo.
A obra non utiliza soamente o movemento para comunicar a viaxe que plantea aos espectadores, tamén recurre á importancia da voz e a un elemento ficticio, as jumping boots, que actúan como disrupción da viaxe climática.
As botas evocan a noción da “modernidade líquida” de Zigmun Bauman. A súa estética lévanos visualmente cara o tecnolóxico e supoñen unha limitación física que nos permite investigar o que nos frea e nos bloquea, indagando así na carga psicolóxica e a necesidade de liberación a través da linguaxe do movemento.
A necesidade do movemento traduciuse na procura de estabilidade nun mundo volátil. Unha forma de resistencia persoal nun entorno líquido e cambiante.
A equipa
Dirección Elvi Balboa / Intérpretes Marina Capel, Berta Pascual, Joel Pradas, Joan Aguilà e Lucía Bocanegra / Coreografía / Elvi Balboa en colaboración cos intérpretes / Espazo sonoro Mourae / Iluminación Andrés Galián / Vestiario Elvi Balboa / Acompañamento Raquel Klein / Coprodución Centro Coreográfico Galego- Xunta de Galicia / Coa colaboración Centro coreográfico Canal, Compañía residente / Co apoio Nau Ivanow, Sala Apolo Barcelona, Auditori de San Martí, Estruch Fábrica de creación de les arts en Viu, Eva gris Dansa e Trackdance /Distribución AMARELO/ Duración 60 min
Elvi Balboa
A proposta artística de Elvi Balboa céntrase en vehicular a mensaxe da súa propia experiencia a través do corpo e a de todos os corpos que desexan “ser vistos” como individuos, recoñecerse e ser recoñecidos máis aló da comunidade á que pertencen. É pois, a través da linguaxe da danza, onde atopa a estratexia para dar forma á necesidade de compartir, comprender e cuestionar o mundo no que habita.
O corpo dotános dun sentido de pertenza, inclusión e migración1. O corpo é algo que non escollemos e cuxo potencial comunicativo permite, a través do proceso creativo, cuestionar e cuestionarme ¿quen son ?
Elvi Balboa comeza a súa formación en danza no Conservatorio profesional de Granada aos 28 anos. Como intérprete participa no Proxecto Euro-Mediterráneo «Shapers», da compañía francesa Ex-Nihilo, coa que xirou por 7 países.
AM I WHAT? o seu primeiro proxecto como directora, participou no Certame Internacional de Burgos-New York e foi seleccionada para o Certame Coreográfico de Sabadell, o festival Mais Imaginarius, o Festival de Artes Vivas de Valencia e durante o 2020 e 2021 xirou en festivais como as festas da Mercè en Barcelona, Natal a plaza Cataluña e o festival C en Santiago de Compostela.
AM I WHAT? foi nominada a mellor espectáculo de rúa polos Premios Pad da asociación Andaluza de profesionais da Danza e formou parte da Red a Cielo Abierto, onde puido mostrar o seu traballo en festivais como: Trayectos (Zaragoza), Fam (Tenerife), Sismograf (Olot), Figueres es Mou (Figueres), Palmadansa (Mallorca), Tac (Valladolid). Sumando así unhas 25 representacións en toda España.
En 2023 xa graduada polo Institut del Teatre en Coreografía, desarrolla o proxecto KNIFELIKE xunto con Ignacio Jiménez, seleccionado nas Residencias Paraíso. Tamén NASENDA un dúo de danza para espazos singulares que foi premiado no Certamen Coreografico de Tetuán no 2023.
Seu proxecto máis recente ANÖA, unha peza de larga duración para sala, é coproducida polo Centro Coreográfico Galego e é compañía residente do Centro Coreográfico Canal.
O IEU presentou no IES do Camiño de Palas o calendario do 2024 con textos e ilustracións da fauna da finca de Quintas de Palas de Rei, na que se vai construir a fábrica de celulosa de Altri. Os textos son do noso socio Xurxo Mouriño, os debuxos do alumnado do IES do Camiño e a coordinación de Hilda García Cabanas. Imprimiremos máis exemplares. Máis información en http://ieu.gal/presentacion-calendario-de-fauna-da-finca-de-quintas-palas-de-rei/
Por outra parte, a asociación O Sorriso de Daniel publicou tamén un calendario de 2024 sobre o patrimonio de Palas de Rei, neste caso de Vilar de Donas para conmemorar o 800 aniversario da súa fundación. As fotografías, como en anos anteriores, son de Soledad Felloza. Podedes mercalos en librerías ou online. Unha información máis completa en http://osorrisodedaniel.blogspot.com/
ESPECTÁCULO DE NARRACIÓN ORAL E MUSICAL PARA CRIANZAS ENTRE 4 E 10 ANOS, ESTE SÁBADO, DÍA 9, ÁS 17 HORAS, CON CAXOTO E OS SEUS GRANDES ÉXITOS
Neste ano 2024 Caxoto fai 20 anos enriba dos escenarios contando contos. En todo este tempo o conto foi o principal ingrediente do seu traballo… mais non o único! Se os contos foron o sal, a música foi a pementa. A través das cantigas tradicionais, dos xogos musicados, dos instrumentos peculiares,… , Caxoto foi xuntando todo un amplo repertorio musical que vai desde o jazz chairego de Manuel María, á bossa nova mariñeira, pasando pola nosa rica tradición musical e as cantigas infantís de toda a vida. E todo co mellor acompañamento musical posíbel: gaita, pandeireta, ukelele, whistle, acordeón, birimbao, xilófono,… Para celebrar na Casa-Museo Manuel María as dúas décadas vivindo do conto, Caxoto fai unha selección de todas estas cancións, contos e xogos neste “Grandes éxitos 2004-2024”. Para asistir ao espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
Despois de varios días sen moitas ganas de facer nada, esa mañá espertou con máis ánimo. O tempo axudaba, cálido e solleiro, escoitábase o canto dos paxaros e unha suave brisa traía o aroma das rosas do xardín. O primeiro que fixo foi tomar unha ducha refrescante. Á miña idade, case oitenta anos, non hai mellor pracer, o paso do tempo non perdoa, pensou.
Xa ben arranxado e vestido co seu traxe impoluto, coidadosamente lavado e pasado a ferro na lavandería de Marcos, dispúxose a tomar o seu almorzo habitual: zume de laranxa e café con leite acompañado dun par de galletas e dúas torradas con marmelada e manteiga. Máis de corenta anos almorzando o mesmo. Era un home de costumes fixos, reacio a cambiar.
Cando se deu conta, xa eran case as once da mañá, así que saíu a pasear pola cidade. Quince días pechado na casa, agás para comer no bar de Víctor, a uns cen metros da súa casa, facían que se atopara estraño. Por un momento estivo a piques de dar a volta, pero a mañá estaba tan boa que decidiu continuar o camiño. Aínda que máis espelido que días atrás, a morriña comezou a apoderarse del, o pasado aparecíalle en cada casa, tenda e recuncho da rúa. Non puido resistilo e dirixiuse ao que durante tantos anos fora o seu despacho de avogado. Pasóuselle pola cabeza subir e relembrar vellos tempos, pero ao final desistiu; só coñecía a Emilia, e poida que nin esa estea, xa que se non se xubilou ten que estar a punto. Deixou a rúa que tantas veces pisara e dirixiuse cara á Praza Maior. O banco no que adoitaba sentarse estaba baleiro, sacou un pano do bolso da chaqueta e sentouse enriba del. Ao pouco tempo, empezaron aparecer algúns coñecidos: Luís da Fonte, Amalia de Conturiz, Pepe, o barbeiro… Saudárono con alegría e curiosidade: Qué bo verte!, Qué foi da túa vida?, Pensabamos que morreras… Despois, falaron do tempo, das cousas que cambiaron desde que eran nenos, da primavera que xa estaba aquí… Ata que Luís sacou o tema das eleccións a piques de celebrarse. E comezou a discusión. El, que sempre fora de esquerdas, na ditadura do Partido Comunista e agora do Socialista, non aguantou máis. Todos, agás Amalia, eran de dereitas, polo que para non amargarse o día, despediuse e marchou cara ao parque de Rosalía.
A mañá estaba realmente agradable e o parque era un dos seus lugares preferidos, polo que non había mellor lugar ao que ir e aproveitar para ler algo á sombra dun castiñeiro de indias ou dunha sequoia; a estas horas da mañá, non adoitaba haber moitos visitantes. Palpou a chaqueta, e si, alí estaba o libro no bolso, non o esquecera. Mentres se foi achegando, comezou a lembrar os bos momentos que pasara cando estudaba no Instituto Masculino o vello bacharelato de sete anos e máis tarde o PREU; logo marcharía para Santiago facer dereito, pero sempre que regresaba á cidade non podía faltar a visita obrigada para de paso asomarse ás costas e botar unha ollada ao Miño, ao seu paso polo barrio de San Lázaro. Foi así, precisamente, unha tarde de verán, extasiado, ollando o pai dos ríos como coñeceu a Sofía, que cunha cámara de fotos inmortalizaba aquela fermosa paisaxe. Como pasa o tempo! Desde ese día, xa non se separaría dela ata que un cancro de mama lla arrebatou.
O primeiro que fixo ao chegar ao parque foi visitar os parrulos. Coñecíano ben e segundo o viron correron cara a el. Sacou do peto unhas migallas de pan, que sempre leva consigo, e deullas. Os pobriños, como brincaban de contentos e agradecidos!
Alí, a carón do estanque, á sombra da sequoia, volveu meter a man no peto e sacou o libro: “Aires da miña terra” de Curros Enríquez. Abriuno ao chou e comezou a recitar: Aí vén o maio/ de frores cuberto… Realmente case non precisaba de libro, a maioría dos poemas sabíaos de cor e gustáballe recitalos silandeiramente. Tras recitar media ducia, lembrouse daquel soneto que escribira para o bardo de Celanova hai xa uns cantos anos. Houbo un tempo en que todos os días escribía algún poema, pero que nos últimos anos deixara de facelo. Secasí eses versos ficaran para sempre gravados no seu maxín:
CURROS ENRÍQUEZ
Na rúa San Roque, en Celanova,
Século dezanove, xa mediado,
Quen de Galicia sería cruzado,
A primeira luz verá, feliz nova!
Manuel Curros Enríquez, nomeado,
Cantor de poesía corrosiva,
Do laicismo e da terra abandeirado
Contra a ignara doutrina represiva.
Aínda se escoita o vello e o sapo,
So branco luar, con forza berramos:
Nin foros, nin cregos, de amos libertos!
Fuxide, fuxide, vermes noxentos,
Liscade xa, triunfantes carrapatas.
Que ao fin sexa ceibe esta terra nosa!
Mirou o reloxo.Que rápido pasara o tempo, case as dúas da tarde! Gardou o libro e, apurando o paso, emprendeu o regreso á casa. Lentellas e pescada a romana agardaban no bar de Víctor.
O Instituto de Estudos Chairegos, continuando cos actos programados para o primeiro trimestre do ano, organiza o xoves 7 de marzo de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a proxección do documental “AS SILENCIADAS”, realizado por PABLO CES, con guión do propio Pablo Ces e de AURORA MARCO, que levou a cabo un importante traballo de investigación sobre o tema, e que estará presente no acto para facer a introdución ao documental así como participar na charla-coloquio posterior á súa proxección. A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.