HENKO. A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: OCOS DE AUSENCIA

Os camiños que emprendemos alónganse en reviravoltas e cada paso que damos semella afastarnos máis do que procuramos. Construímos, trementes, unha figura desconxuntada. Un crebacabezas incompleto. E acabamos por respirar neses ocos de ausencia, nesa predisposición de baleiros.

Nada posuímos. Soamente un cesto baleiro e famento, que se desfai desde dentro. Un furado no fondo do peto. Un paxaro morto no intento. Nada posuímos e algo inmenso énos achegado pola morte do desexo. Porque nada é para ser posuído. Por iso nos espimos na beleza sen tocala, do mesmo xeito que a beleza nos ispe tocándonos. Por iso descartamos o camiño recto, para medrar lonxe dos atallos, para diluírnos en meandros.

DEMIURXIA. “Seguir Camiñando” Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

SEGUIR CAMIÑANDO



Cantaba Nancy Sinatra  en 1966 “These boots are made for walking and that’s just what they’ll do” porque non queda máis que non decaer no camiño, malia os atrancos, malia quen non quere aprender, porque aínda nos quedan mistos para prender.

Así, outro novembro máis conmemórase o 25N, e nós e as nosas somos un simple número, unha cifra ancorada no calendario, somos un motivo para facer foto institucional de unidade e banalización das loitas, coma no 8M somos a escusa perfecta para que nos colexios e institutos se solvente a data cun mural de cartolina e papel maché, actividade na que “colaborarán” os concellos porque na axenda pública e política queda moi ben poñer un fondo violeta tralo emblema municipal.

De que serve todo isto se a desigualdade segue, nestes casos, agochada tras as alfombras? Se nos colexios e institutos o profesorado silencia as violencias machistas do propio claustro ou do alumnado e son corresponsables da non denuncia pública? Se politicamente non nos implicamos na non trivialización de condutas que restan moito de ser aceptables? Se non exercitamos á sociedade para que  vexa tras cada aldraxe unha tara a denunciar?

Pois a loita contra o terrorismo machista está vencellada de xeito inexorable á defensa dunha igualdade que ten que ser per se.

Porque debemos ser conscientes que cando nunha mesma casa conviven homes e mulleres, que un home diga que “axuda” nos quefaceres domésticos isto é tamén violencia machista, pois o que debe reivindicar é un “eu fago” xa que a corresponsabilidade é un primeiro paso para a implementación desta igualdade da que falamos. Porque cando escoitamos que unha política di que xa existen cotas femininas en listaxes e en postos de traballo e dirección e iso conleva que “ao mellor” “un home moi formado non poida acceder a este posto” tamén é un xeito de violencia sobre nós. Porque esa oración sería impensable aplicada do revés.

Porque ao longo deste 2024 atopamos exoneración dunha parte da sociedade cara a un “home” que tivo a ben bicar sen o seu consentimento a unha deportista, porque se destapou no país veciño unha violación sistemática e sistémica dunha muller que tivo os arrestos de denuciar publicamente que a vergoña tiña que mudar de lado, porque aínda, por riba de sufrir violencia machista contra a súa persoa, non estaba disposta a ter que agocharse nunha sociedade que ten moito que mudar e moito que matinar sobre o que estamos a consentir. Porque vimos de vivir un xenocidio atroz contra un pobo no que mulleres e crianzas, inda tendo nome, son tamén un simple número, unha portentaxe, pois no informe da ONU emitido hai uns días afirmábase que o 70% dos mortos pola guerra en Gaza son mulleres e nenos co que descubrimos de novo, como di a filósofa Celia Amorós, que “o corpo das mulleres é un libro no que se inscriben as regras do patriarcado”, sobre todo, nas guerras.

De cote, a sociedade adoita pensar que coa implementación de protocolos, e a formulación de leis queda todo feito, mais, aínda que son parte fundamental de actuación, na maioría das veces quedan en papel mollado, en follas de col que darlle ás ovellas e é responsabilidade de todas as persoas, sexan do xénero que sexan, asumir que somos parte do problema e da solución.

Exposición e presentación O ÁLBUM DOS CROMOS[ONOS], de Xulio Pardo de Neyra, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa  Área de Cultura-Vicepresidenca da Deputación de Lugo, organiza o acto de inauguración da Exposición e da presentación de O ÁLBUM DOS CROMOS[ONOS], de XULIO PARDO DE NEYRA: Unha colección de postais conformadas a xeito de colaxe con poemas e fotos antigas. Intervirán tamén MARICA CAMPO E LUZ AIRADO. Presenta MARISA BARREIRO.

Esta acto terá lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba o venres 22 de novembro de 2024, ás 20:00 horas.

A exposición permanecerá aberta ata o 8 de xaneiro de 2025.

NOTA-INFORMATIVA-EXPO-ALBUM-DOS-CROMOSONOS

Fallo do VII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA


Fran Fernández Dávila e Amauta Castro foron os autores galardoados na presente edición deste certame poético


No mediodía deste pasado venres, 15 de novembro de 2024, fallouse o VII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.

O xurado, integrado por Adolfina Mesa, Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Cecilia F. Santomé e Xosé Otero Canto, decidiu por maioría de votos emitir o seguinte fallo:

Primeiro premio á obra ALBATROS, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, correspondía a Francisco Javier Fernández Dávila (Fran Fernández Dávila).

Segundo premio á obra A VASTEZA DO NÓ, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, pertencía a Rafael Xoán Muñoz Castro (Amauta Castro).

De ALBATROS o xurado dixo que amosa unha voz poética fresca cuns versos que retumban, que achegan a poesía a outras dimensións. Un poemario de vangarda, talvez unha bomba poética cuxos elementos van irradiar a outros eidos literarios ou non.

De A VASTEZA DO NÓ,  o xurado destaca a composición de estrofas breves que poden lembrar á vertente poética grecolatina. Tamén destaca a creación de sinestesias de alto rendemento poético. A composición dun escenario do desexo, coa descuberta do corpo a través dunha linguaxe de gran acerto literario.

A entrega de premios celebrarase o vindeiro sábado 23 de novembro no local social de Pino.

Elefante Elegante dirixe en Nuremberg a adaptación da novela “Os bicos feridos”

Fotografía do espectáculo de Ali Al-Zubaidi


Producida polo Teatro Gostner, Schmetterlinge é unha proposta escénica internacional que explora as emocións humanas a través dunha colaboración galego-alemá.

A adaptación teatral -dirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro- da novela “Os bicos feridos”, de Anna R. Figueiredo estrearase este 14 de novembro e estará en cartel ata o 7 de decembro.


Nuremberg prepárase para acoller a estrea de Schmetterlinge, unha produción innovadora que conecta culturas e sensibilidades europeas a través da adaptación teatral de Os bicos feridos, novela da escritora galega Anna R. Figueiredo.

Este novo espectáculo está dirixido por María Torres e Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante e estréase este xoves 14 de novembro no emblemático teatro alemán Gostner Hoftheater de Nuremberg . Estará en cartel ata o 7 de decembro.

Schmetterlinge segue a historia de Olivia, unha muller que naceu en Alemaña, filla de pais galegos emigrados. Aínda que vive en Galicia desde os oito anos, regresa ao país onde naceu para traballar como empregada de limpeza na casa e no laboratorio de Lisa, unha médica forense, divorciada e con dous fillos. Un día, Olivia coñece a Samuel, o fillo de Emma, unha actriz e cantante que non logra consolidar unha carreira artística. Samuel suicídase, e Lisa encárgase de realizar a autopsia. 

A obra Schmetterlinge, título que significa en alemá bolboretas, explora temas universais de perda, superación e identidade nunha montaxe que combina unha linguaxe plástica que evoca a poesía visual. Esta colaboración entre Elefante Elegante e Gostner Hoftheater é unha oportunidade única para afondar nas complexidades da novela e levala a un novo nivel escénico e internacional.

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.

MÁIS INFORMACIÓN

www.elefanteelegante.net

https://www.instagram.com/elefante.elegante.teatro/

https://www.facebook.com/elefanteelegante.net/

NP-_-Estrea-Schmetterlinge-_-Elefante-Elegante

Xurxo Souto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Presentación do libro Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, de Xurxo Souto, libro que inclúe un capítulo dedicado a Manuel María e a súa relación coa música galega.

A presentación realizarase este sábado, 16 de novembro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María. Côa Entrada libre. Aínda que cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.