Andanzas do Suso de Lameliña. AMNESIA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

AMNESIA

Cando os seus pés a duras penas eran quen de dar uns pasos, sente como o corpo cede, rendido. Polo seu maxín pasa a idea de deixarse caer alí mesmo, á beira da deserta estrada, cando divisa ao lonxe un puñado de casas. Unha chispa de esperanza devólvelle as forzas, presto encamíñase cara ao que semella ser unha pequena vila. Ao entrar non a recoñece, non lembra estar nunca alí. Por non lembrar, non lembra nada: o seu pasado, o seu destino, nen sequera o seu nome. Do único que ten certeza é que leva tres días camiñando sen cruzarse con ninguén, apartándose polas noites uns metros da estrada para deitarse e descansar. Sempre por teito un indiferente ceo que ignora a súa existencia.

Nada máis traspasar as primeiras casas nota que a súa presenza non pasa desapercibida. Desde as xanelas, os habitantes seguen o seu errático andar, con expresións que van desde un medo atávico a unha ira incontida. Un temor irraconal apodérase del e máxime cando un grupo de nenos perseguidores corren ás súas costas ao berro de: “Xa está aquí!, xa está aquí.”  Non comprende nada. A confusión afógao e sacando as poucas forzas que lle quedan, dá  media volta e  bótase a correr sen mirar atrás. Non sabe de que fuxe, só que alí está en perigo e debe afastarse canto antes. Pero xa é tarde, unha parella de uniformados córtalle o paso, inmovilízanlle as mans cuns grilletes e, sen explicación algunha, condúceno á vella comisaria. 

Atópase  nun edificio derruído, que aínda conserva pendurados das súas paredes  pósters do que semella ter sido un antigo réxime. Por máis que trata de furgar na súa memoria, todo aquilo resúltalle estraño. Sometido a interrogatorios cortantes e cheos de rancor, repite unha e outra vez que non sabe nada, que non lembra. “Ti destruiches isto…e agora chegou o intre de pagar polo que fixeches”, brada o axente máis corpulento, mentres as súas mans encamíñanse ameazantes cara a súa cara. O segundo axente amósase máis comprensivo, ata que farto das súas negativas, releva ao compañeiro na súa tarefa de mallalo a labazadas.

Tres horas de preguntas e silencios, para logo conducilo a un enorme campo de trigo baixo un ceo cinsento que anuncia malos presaxios. Alí recibe unha gadaña e na compaña de medio centenar de mulleres e homes exhaustos comeza a segar. Nese intre, parece espertar algo no seu maxín. Ao tocar o trigo coas mans, imaxes de xente berrando e unha voz  ( se cadra a súa?) dando ordes, acuden a súa cabeza. Era como se aquel campo estivese impregnado dunha historia que quería esquecer. Por un intre deten o labor e un encargado fai que volva ao mesmo, coa axuda dunha fusta delgada e flexible, que se lle presenta como un obxecto coñecido. 

Pouco a pouco, comeza a entender. Fora vítima dun réxime opresivo, pero ao mesmo tempo un dos seus brazos executores. Non sabe ben en que posto, quizais oficial, xuíz ou verdugo. Do que empeza a ser consciente é  de que ocupara un cargo importante, responsable da destrución daquel lugar e da posterior miseria. Atópase perdido e acorralado, consciente da súa nova condición. Sabe que non pode nin vai ser perdoado. 

E mentres sega, os recordos continúan a asaltalo, cada vez máis nítidos. Si, foi o comandante dun campo de traballo e agora é como un daqueles que ata pouco estiveran ao seu mando. De súpeto, detense. O encargado achégase coa fusta, pero antes de que o golpee, ergue a gadaña cara a el e a súa mirada crávase no horizonte e a súa mirada queda atrapada nunha visión  que o paraliza: el mesmo, traballando con furia, consumido polo esforzo, esgotado. E logo outra imaxe. E outra. E outra máis. Centos, miles de seres asexuados (non é capaz de saber se son homes ou mulleres) atrapados nun bucle infinito e anguriante.

Comprende que non está só, que como el hai moitos máis, os antigos donos das fustas, agora reducidos a meras sombras, mentres son outros os que ostentan o poder. Sabe que lle agarda un castigo do que só a morte o liberará. Baixa a gadaña e volvendo a vista ao chan prosegue co seu labor.

Palestra AS DE MENS. A ORALIDADE INVISÍBEL TORNANDO VISÍBEL, impartida por Beatriz Busto Miramontes, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, e dentro dos actos programados no mes das LETRAS GALEGAS’25, dedicadas este ano á POESÍA POPULAR ORAL, organiza a PALESTRA AS DE MENS. A ORALIDADE INVISÍBEL TORNANDO VISÍBEL, impartida por BEATRIZ BUSTO MIRAMONTES, Mestra Especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo (2003), Licenciada en Historia e Ciencias da Música (2006) e en Antropoloxía Social e Cultural (2008) pola Universidade Autónoma de Madrid, E Doutora en Antropoloxía Social e Cultural da USC e escritora. 

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o venres 9 de maio de 2025, ás 20:00 horas, e contará tamén coa actuación do grupo LAMBE LAMBE.

Presentación a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

A entrada será de balde ata completar aforo.

NOTA-INFORMATIVA-palestra-BEATRIZ-BUSTO-MIRAMONTES

Volve o Autobom, o encontro primaveral de autoedición da Coruña

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, organiza outro ano máis o Autobom, unha reunión por e para a xente que goza coa autoedición e a xestión da súa obra

O encontro estenderase dous días, desde a tarde do venres 9 á noite do sábado 10 de maio, e transcorrerá en varias localizacións: o venres na imprenta de produto Borrón e na Tobeira de Oza, e o sábado na Revolteira, pechando a xornada cunha festa no popular pub El Siglo

Este ano a responsable da imaxe do Autobom é Gemma Pérez, directora de arte de muller6ollos, quen recibiu un accésit no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego pola súa publicación “Mi nick era #humeda”


Autobom celebrarase neste 2025 os días 9 e 10 de maio. Terá lugar na Coruña a undécima edición deste encontro de autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en distintas localizacións. A deseñadora e debuxante Gemma Pérez é a autora do cartel deste Autobom.

Destacamos entre os fitos desta nova edición de Autobom: 

  • O venres 9, a partir das 17:30, comezaremos coa visita á imprenta Borrón, no popular barrio dos Mallos; e á tardiña, ás 20:00, teremos un faladoiro na Tobeira de Oza sobre fanzine cuir no que participarán Gemma Pérez, María Álvarez “Yupiyeyo”, Greta Debelius e Paz Rodríguez.

  • O sábado 10, as actividades desenvolveranse na Revolteira, na rúa Falperra 13. Unha das principais propostas será o posto de fanzines, que estará activo toda a xornada de 11:00 a 20:30, con máis de 40 proxectos e un cento de publicacións.

  • Ás 11:15 haberá un faladoiro sobre “fanzines na imprenta” ao cargo de Tono Galán e Laura Sánchez, de Manchea; continuaremos con dúas charlas sobre o Premio Autobán 2025 e a nova edición do Fun Fun Fun (evento de autoedición de Compostela); e ás 13:00 teremos o faladoiro “Autoxestión emocional”, unha conversa sobre saúde mental e creatividade con Julia Abalde, Sabela Alonso e Laprislazuli, moderada por Uxía Larrosa.

  • Tras a quenda da mañá, haberá un xantar popular cunha actividade para participantes no Autobom e socias do Autobán: o “Tupperrotu en manteis”, unha sesión de proba de material de Posca/Uni-ball cedidos pola nosa tenda amiga Jaspe Art. Ás 16:30 trasladarémonos á cancha da Falaperra para unha nova edición do “Brilé Brutal”, un torneo nada brutal de balón prisioneiro aberto á participación.

  • Ás 17:30, de novo na Revolteira, terán lugar os obradoiros do Autobom. Primeiro será o AutoLab, unha actividade de debuxo de BD experimental conducida por Óscar Iglesias. Ás 18:30 teremos o obradoiro teórico-práctico de “Serigrafía e autoedición”, no que Aarón Moucho debullará as súas experiencias montando un taller propio de serigrafía.

  • Remataremos o Autobom ás 23:30, cunha festa de peche no pub El Siglo. É unha actividade aberta a quen queira achegarse.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. En 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades nos que os e as amantes da autoedición sexan protagonistas. 

A asociación organiza cada mes de agosto o encontro Autobán, coincidindo co festival internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoras de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a Asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, así mesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afíns do sector.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal

IV Festival de Poesía das Lupercais no Vello Cárcere de Lugo

O Vello Cárcere acolle a IV edición do Festival de Poesía das Lupercais

O vindeiro tres de maio terá lugar unha nova edición deste festival, que se consolida coma unha das citas mais importantes coa poesía de Lugo organizada pola Asociación Poética das Lupercais co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Desta volta contará coma sempre con versos procedentes da provincia, dende a chaira como Martiño Maseda, até a montaña, como Toño Núñez. Con poetas achegadas a Lugo hai xa anos, coma Tere Larios, até aquelas que marcharan e que regresan cunha enchenta de libros baixo os brazos, coma Mónica Raquel Vázquez. E máis voces galegas, que van dende algunhas de longo consolidadas, coma Mariña Pérez Rei, até outras acabadas de debutar no libro de poesía, coma Jose||González. Voces e balbucios, coma a poesía para ouvir e mirar de Luz Pichel e Quico, e coas que repensar as fronteiras e os mares que xunten e non separen, aí María Ángeles Pérez López e Gian Pierre Codarlupo e Marcelo Morales.

Así, dende Cuba a Castela, dende Perú á Ribeira Sacra, chegarán ao Vello Cárcere un ano máis algunhas das máis importantes voces da poesía contemporánea.

O programa desenvolverase en unha sesión pola mañá e dúas de tarde. Os horarios e participantes son como seguen:

12h30
Toño Núñez, Marcelo Morales, Tere Larios e Raquel Vázquez

18h30
Martiño Maseda, Quico, Gian Pierre Codarlupo e Mariña Pérez Rei

19h30
Jose||González, Luz Pichel, María Ángeles Pérez López e Mónica Caldeiro

As actividades son de entrada gratuíta até completar aforo.

HENKO A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: ARMELA

Soños deciduos habitan o momento. Anícase alguén que así fenece. Porque se ergue sendo outro. Outro que segue tendo na boca semente incomprendida. Outro con feridas abertas aceptadas. Outro sabedor de que posúe un corazón incapaz de diluír a tormenta. Que coñece a estrondosa indiferenza que provoca. Que se adapta á súa propia inadaptación. Outro que xa non agarda, que coñece a quietude da armela.

Presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de Carlos Callón, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media, de CARLOS CALLÓN, publicado por Edicións Xerais.

Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro.

A presentación levarase a cabo o martes 29 de abril de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA-INFORMATIVA-LIBRO-CARLOS-CALLON