Castiñeiro Milenario organiza a Foliada de Outono 2026

Castiñeiro Milenario anuncia unha nova edición da Foliada de Outono que se celebrará o sábado 21 de novembro no Centro Socio Cultural de Begonte, xunto ao Centro Médico. Como é habitual, na foliada haberá un espazo para a formación e tamén para a festa. Nesta ocasión o obradoiro será un achegamento ao repertorio acompañado de pandeiro cadrado en Covelo, impartido polo mestre Roberto Rodríguez. Comezará ás seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 15€ para persoas non asociadas e de 10€ para asociadas. O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse no noso correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com.

Despois do obradoiro haberá uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Outono. Nesta ocasión comezará a foliada o grupo residente, Treitoira para seguir coa festa desde Lugo coa agrupación Son de Lugh. Despois, foliada libre ata que o corpo aguante. Desde a asociación cultural begontina agradecen aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e á Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ao Concello de Begonte a á Cervexa Artesá Aloumiña por colaborar nesta gran festa da nosa cultura.

Máis información:

https://castinheiromilenario.wordpress.com/2026/11/05/foliada-de-outono-2026/

Paloma Sás Martínez, coa obra ANTES DA XABREIRA, gaña o IX Certame de Poesía Torre de Caldaloba

O accésit foi para a obra Pulaski, da que é autor Jacobo Paz Limia

Este sábado, 21 de novembro, ás 11 horas celebrarase na Biblioteca Rural San Martiño de Pino a entrega de premios do IX Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convoca o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.

O xurado desta IXª edición, integrado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, acompañados por María José Paredes e Martiño Maseda, estes dous con voz mais sen voto, decidiu conceder o primeiro premio á obra Antes da xabreira, da que é autora Paloma Sás Martínez, e outorgou o accésit ao poemario Pulaski, de Jacobo Paz Limia.

Na deliberación o xurado salientou que a obra Antes da xabreira representa dalgunha maneira unha volta ao pasado noso, á infancia salvaxe da nosa terra. Sementada nun léxico rexido polo cultismo das súas palabras e pola recreación de lugares de convivencia da nosa tribo. E nun clima de metáforas propiamente galegas. Unha simboloxía da beleza dos nosos ancestros.

De Pulaski o xurado di que debuxa a traxedia do mundo dos incendios en Galicia, facéndoo dende unha ollada interior, e que espella na voz de que loita contra esa lacra ambiental. É un poemario que escintila nas poderosas imaxes que integra. Unha obra dunha contención expresiva, e que, ás veces, se condensa en poderosos flashes líricos que combustionan coma brasas.

Imaxe do xurado no IX Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Arredor de… NAKBA, de Patricia Torrado Queiruga

Imaxe tomada da web de Alvarellos Editora

“Para min esta obra non só foi un berro de loita con premio, foi a oportunidade de darlle voz a quen está en Palestina gritando mentres o mundo mira a outro lugar“

“Calquera tipo de arte debe remexernos dentro, facernos replantexar o mundo, facernos pensar. Iso era o que pretendía esta obra, meter a man no peito da persoa lectora, remexela dentro e que iso lle mudase a ollada”

P._ O primeiros versos de NAKBA din: O bisavó colleitaba trigo/ no ventre dunha terra/ que escañara coas súas mans… Que colleitamos agora no ventre desta terra que aldraxamos coa violencia das nosas mans?

R._ Só podemos colleitar vergoña, complicidade, tristura e morte.

P._ Lendo NAKBA percibo que a súa poesía vai máis aló desta catástrofe nefanda que supón o xenocidio do pobo palestino. Talvez pretendías tamén reflectir a desfeita do concepto contemporáneo de humanidade?

R._ U-la humanidade? Coido que hai xa moito que esa verba se espiu de significado. Dicía Hannah Arendt que a morte da empatía humana era un dos primeiros e máis reveladores sinais dunha cultura a piques de caer na barbarie. E non é isto no que estamos agora? Xente que non se doe dos seus semellantes por estaren noutras latitudes, a quilómetros dunha mesma, e cos que, ao non ter trato directo, desvencellamos dos mesmos medos, incertidumes, esperanzas ou dereitos. 

Adoito dicir que estamos nun tempo tan escuro e tan individualista que cando non nos quede con quen relacionarnos, non sendo coas intelixencias artificiais -por non valorar as naturais- teremos que inventar un xogo capitalista para volver reconectar coa calor humana e quedará dela algo máis que feluxe?

P._ O corpo deste poemario referencia no seu inicio e mais no seu remate a figura do bisavó. Unha celebración da sabedoría dos nosos devanceiros? Cónstame que en ti hai moita desa aprendizaxe dos teus antecesores. Canto dela percorre os ríos emocionais de NAKBA?

R._Se algo temos en particular como especie é que precisamos das demais para valernos, somos tribo sanguínea ou non. Menosprezar o heredado a nivel cultural, lingüístico ou emocional é recomezar da nada. E non sei se estamos dispostas a ser tábula rasa cos tempos que corren.

Unha das maneiras máis atroces de erradicación dunha poboación comeza pola eliminación das raíces. Hai unha imaxe que me fai trousar: arrincan oliveiras de Palestina, rouban o seu froito e logo agasállano a outros países (o Concello de Madrid acaba de recibir estas semanas unha manchea de oliveiras como “ofrenda de irmandade con Israhel”). Unha imaxe aterradoramente poética: arrincar os cadáveres do ventre de Palestina e deixalos á porta dun concello cómplice do xenocidio.

P._ Este poemario desde a súa concepción é unha voz coral, na que os teus versos en galego conviven e dialogan coas ilustracións da artista Reem M Al-Arqan e o limiar do poeta Nasser Rabah, dúas voces que berran coa súa arte, cos seus adentros desde o inferno creado sobre a súa terra de Gaza polo estado sionista de Israel. Tecer esa especie de rede artística supón dalgunha maneira alimento para a esperanza de que aínda se poden avivar en nós brasas de loita pola existencia dun mundo mellor? Cres que realmente inda é posíbel esa esperanza?

R._Tecer rede é o que deberiamos facer cada unha de nós sendo moi conscientes, como di un amigo meu só hai tres cousas que non teñen volta, a palabra dita, a pedra que guindas e a oportunidade que perdes. Para min esta obra non só foi un berro de loita con premio, foi a oportunidade de darlle voz a quen está en Palestina gritando mentres o mundo mira a outro lugar. 

Para min, dende setembro de 2025 Nasser e Reem son familia, as súas coitas son tamén miñas, non do mesmo xeito, non vou banalizar o sufrimento directo que conleva un xenocidio; pero si a preocupación por que estean ben, por que teñan que comer, por que a climatoloxía sexa benévola con eles e cos seus.

Como se artella a esperanza? A esperanza é que dediques novembro e decembro de 2025 a facer acuarelas da serie “Oud- Palestina” e que haxa quen as merca porque sabe que os cartos acadados van íntegros para eles dous. Que as envíes a Sevilla, Vilalba, Barcelona, Cáceres, Porto, Roma, Santiago, Valencia, Murcia,… Axudar é dar o que se ten para soster, e non precisamos todas nós que nalgún intre nos sosteñan? 

Dicía Eduardo Galeano: “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode mudar o mundo”.

Patricia Torrado Queiruga recita un poema de NAKBA

P._ A internacionalización de NAKBA coa súa versión tetralingüe (galego, castelán, inglés e árabe) axuda a establecer con maior firmeza esa conectividade emocional entre a ollada dunha autora situada fóra (xeograficamente falando) do lugar onde acontece a catástrofe e as propias vítimas de tal desfeita humanitaria? Que sensacións experimentaches no transcurso creador desta obra poética? E agora que a ves plasmada no corpo de libro, que sentes? Que desexarías que probase a persoa lectora que se achegue a esta labazada poética de cruenta realidade que retratas en NAKBA?

R._ Calquera tipo de arte debe remexernos dentro, facernos replantexar o mundo, facernos pensar. Iso era o que pretendía esta obra, meter a man no peito da persoa lectora, remexela dentro e que iso lle mudase a ollada.

Para min era preciso tomar partido, porque non tomalo é ser cómplice, non poñer o noso gran de area é ser parte do problema e ollar para outro lado ou negar a aberración non entra dentro da definición de humanidade.

Así nace tamén NAKBA, como unha sorte de incendio na boca do estómago ante a inxustiza irracional e constante cometida contra un pobo, polo simple feito de ser cobiza e esquezo do resto. 

Coido que se acadou a finalidade que buscaba. Quen o leu fálame do moito que chorou, de como viviu cada poema, de que tiveron que lelo en anacos para non esgazar. E a mirada do pobo árabe en xeral tamén é moi positiva. Coméntanme palestinas afincadas en Galiza que viron retratado o sufrimento do seu pobo como se ese mesmo sufrimento fose padecido por min, como se a miña voz fose a das súas irmás, das súas nais, das súas avoas. Porque non é unha ollada dende fóra -nunca pretendeu selo- como muller europea, cuns privilexios e prexuízos adquiridos, a milleiros de quilómetros de distancia.

P._ Entre os matices que atinxen á vida está o do compromiso coa vida mesma e/ou con algunha causa dentro da mesma. Que opinas diso? Que característica/-s procuras que trace a túa literatura? Ética e/ou estética?

R._ Como dicía anteriormente, calquera tipo de arte ten que comprometerse co seu tempo, coa súa realidade social, política, cultural e emocional. A estética por si mesma non deixa ningún regusto no padal. Un bo verso queda pegado na pel, no pensamento, volve aos beizos sen sequera invocalo. 

Son unha muller comprometida, incómoda, directa e irreverente e iso nótase na miña escrita, na miña forma de estar no mundo, no xeito de relacionarme co que me rodea. Co cal… ética e estética, sempre.

P._ Se colapsásemos como civilización, que derradeiras palabras deixarías ditas ou escritas? Ou gardarías silencio?

R._ Cando a poesía chegou a min, chegou con Neruda e aquel verso de “me gusta cuando callas”… moito me deu que pensar. 

Nunha época anterior da miña vida aprendín a ser a correcta, a pasar desapercibida, a non pedir, a non retrucar,… Pero a aprendizaxe é daga afiada, e pode asaltarte en calquera intre. Descobres que hai loitas que se deben librar, cuestións polas que se debe alzar a voz, principios e dereitos que defender e o silencio é indiferenza, complicidade, desleixo, apatía. O silencio só é preciso para que a música e as verbas respiren.

Se pensásemos con detemento a importancia e responsabilidade que conleva cada palabra que dicimos e o impacto que pode ter en quen nos le ou nos escoita, o mundo sería moito máis amable. Porque tanta amabilidade hai nun Quérote! coma nun Vaffanculo!

A VOZ DO VENTO, concerto de Fran Amil e Moncho do Orzán, este sábado na Casa-Museo Manuel María

A VOZ DO VENTO, CONCERTO DE FRAN AMIL E MONCHO DO ORZÁN

Sábado, 14 de novembro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María

Entrada gratuíta mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Interpretarán os once poemas de Manuel María que Fran Amil musicalizou en 2016 para o traballo musical A VOZ DO VENTO. Cancións que tocou xunto á Tribo Incomprensíbel (Aarón Bouzón, Paco Cerdeira e Richi Casás) e as voces de Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belém Tajes, O Leo, Mj Pérez e Xosé Antón Bocixa.Agora, dez anos despois, Fran Amil e Moncho do Orzán pretenden lembrar este traballo e achegar a poesía de Manuel María ao público adulto nun traballo onde se mestura rock, folk, blues e pop. 

Podedes escoitar as pezas na seguinte ligazón https://franamil.com/music/a-voz-do-vento/.

Xornadas sobre Inmigración na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Vilalba, organizan as XORNADAS SOBRE INMIGRACIÓN que se levarán a cabo na Casa da Cultura de Vilalba, os días 13 e 14 de novembro de 2026 co seguinte programa:

VENRES 13 DE NOVEMBRO, A PARTIR DAS 17:30

  • INAUGURACIÓN DAS XORNADAS 

o  Marisa Barreiro, IESCHA

o  Marta Rouco, CONCELLO DE VILALBA 

  • INAUGURACIÓN E PRESENTACIÓN DAS EXPOSICIÓNS
    • “As Cores do respecto“,de Le Magic Mayimba (Pablo del Valle)
    • “Os Adeuses”, fotografías de Alberto Martí, cedida polo Consello da Cultura Galega 
  • RELATORIO 1 – ANA MARÍA PERNAS VÁZQUEZ, Socióloga
    • Dos Ventos do odio ás tempestades da violencia: memes e desinformación
  • RELATORIO 2 – JOSÉ EDUARDO BASANTA MONTENEGRO, Inspector de Educación
    • Alumnado de incorporación tardía no sistema educativo. Visión da realidade no Concello de Vilalba
  • RELATORIO 3 – LUZIA OCA GONZÁLEZ, Doutura en antropoloxia pola USC
    • Burela, de parroquia mariñeira a vila super-diversa

SÁBADO 14 DE NOVEMBRO, A PARTIR DAS 11:30

  • RELATORIO 1 – NOURA EL AMRANI SBAI, Mediadora Intercultural no Concello de Arteixo
    • A migración e a mediación intercultural ao longo destes 20 anos 
  • INTERVENCIÓN MUSICAL CON PABLO DEL VALLE: 
    • ÁFRICA A TRAVÉS DOS INSTRUMENTOS DE PERCUSIÓN
  • RELATORIO 2 – ANA MARÍA PERNAS VÁZQUEZ, SOCIÓLOGA
    • SAUDADE DO DESERTO: A SOIDADE NA DIÁSPORA SAHARAUÍ EN GALIZA

ACOMPAÑADA NA MESA POR: SOUADOU MOHAMED FADEL, membro da Comunidade Saharauí en Galiza e Profesora de ELE

  • CLAUSURA
  • OFRENDA FLORAL NO MONÓLITO DAS IRMANDADES

  AS EXPOSICIÓNS “AS CORES DO RESPECTO”, DE LE MAGIC MAYIMBA (PABLO DEL VALLE) E “OS ADEUSES”, DE ALBERTO MARTÍ, (CEDIDA POLO CONSELLO DA CULTURA GALEGA), QUE SE INAUGURAN O VENRES 13 DE NOVEMBR, PERMANECERÁN ABERTAS AO PÚBLICO NO HORARIO HABITUAL DA CASA DA CULTURA ATA O DÍA 10 DE DECEMBRO DE 2026.

Velaquí o TRÍPTICO sobre as Xornadas (Descargar PDF)

NOTA INFORMATIVA

NOTA_INFORMATIVA_XORNADAS-2026

Castiñeiro Milenario organiza Avelasbeer, un achegamento ás cervexas belgas

Debido ao éxito inicial da actividade relacionada coa cultura cervexeira e as catas que fixeron durante este verán pasado, desde Castiñeiro Milenario crearon un pequeno clube de cervexa chamado Avelasbeer no que, estacionalmente, irán falando de cervexa, da súa historia, dos estilos e, por suposto, probando as múltiples posibilidades que nos ofrece esta bebida milenaria. Nesta ocasión viaxarán ata Bélxica para coñecer a súa potente cultura da cervexa, declarada no ano 2016 como parte do patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola UNESCO. Realizarán un percorrido destacando a súa importancia a nivel mundial, coñecendo os diferentes estilos da rexión e farán unha primeira cata baseada en estilos máis fortes, como as dobres, triples e cuádruples. Ademais haberá unha cata sorpresa dun estilo típico destas datas de outono.

A actividade está prevista para o venres 13 de novembro ás 20 horas no Centro Socio Cultural de Begonte (xunto ao Centro Médico). As prazas son moi limitadas polo que é obrigatorio anotarse no seguinte correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com. O prezo para persoas asociadas é de 12€ e de 15€ para non asociadas.

Máis información na web: https://castinheiromilenario.wordpress.com/2026/11/05/avelasbeer-cata-de-cervexas-belgas-i/

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/