Castiñeiro Milenario anuncia unha nova edición da Foliada de Outono que se celebrará o sábado 21 de novembro no Centro Socio Cultural de Begonte, xunto ao Centro Médico. Como é habitual, na foliada haberá un espazo para a formación e tamén para a festa. Nesta ocasión o obradoiro será un achegamento ao repertorio acompañado de pandeiro cadrado en Covelo, impartido polo mestre Roberto Rodríguez. Comezará ás seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 15€ para persoas non asociadas e de 10€ para asociadas. O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse no noso correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com.

Despois do obradoiro haberá uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Outono. Nesta ocasión comezará a foliada o grupo residente, Treitoira para seguir coa festa desde Lugo coa agrupación Son de Lugh. Despois, foliada libre ata que o corpo aguante. Desde a asociación cultural begontina agradecen aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e á Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ao Concello de Begonte a á Cervexa Artesá Aloumiña por colaborar nesta gran festa da nosa cultura.

Máis información:

https://castinheiromilenario.wordpress.com/2026/11/05/foliada-de-outono-2026/