Nova data da presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de Carlos Callón, na Casa da Cultura de Vilalba

O acto de presentación do libro de Carlos Callón: “Vidas e historias LGBT da Idade Media” que o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, tiña previsto organizar para o mañá martes 25 de marzo, QUEDA ADIADO, e levarase a cabo, finalmente, o MARTES 29 DE ABRIL DE 2025, ÁS 20:00 H., NA CASA DA CULTURA DE VILALBA.

Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro.

Este martes 25 saen á venda as entradas do concerto de presentación en Compostela do novo disco de FAIA

  • O concerto de estrea de ‘Alvela’ será o vindeiro 23 de abril no Teatro Principal de Santiago, ás 20.30 horas 
  • FAIA estará arroupada no escenario pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais polo cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet 
  • As entradas estarán á venda a partir das 11:00 horas deste martes 25 de marzo na web compostelacultura.gal e mais na Zona C 

Na estrea pública de Alvela, FAIA estará acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano, (violín/ viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). A proposta musical completarase co vestiario de Melania Freire e co deseño de luz a cargo de Nonon Lab. 


FAIA vai presentar o seu novo traballo, Alvela, nun concerto o vindeiro 23 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago. As entradas para este evento, encadrado na programación musical de Compostela Cultura, estarán á venda a partir das 11.00 horas deste martes, 25 de marzo, e poderanse adquirir en liña na web de compostelacultura.gal ou ben presencialmente na Zona C ou na billeteira do teatro unha hora antes do comezo do concerto. 

Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.  Polo de agora, coñécese un primeiro adianto do disco titulado E se queres, dispoñible nas principais plataformas dixitais e acompañado dun vídeo dirixido por Sara Traba. 

O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco. 

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo. 

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ 

23 de abril | 20.30 h | Teatro Principal (Santiago de Compostela) 

Entradas [venda activa a partir do 25 de marzo ás 11.00 h]: 

  • compostelacultura.gal
  • Zona C · Punto de Información Cultural (de martes a sábado, 11-14 h e 16-19 h) 
  • Despacho de billetes do Teatro Principal (o día do concerto dende as 19.30 h) 

ESCOITA ‘E SE QUERES’ | https://open.spotify.com/album/3oZigGsYG71E0o9vGeJ5de?si=Gq3H1irxQhSjpSBdPayVQA 

Inscrición no Programa COÑECE A TÚA PROVINCIA 2025, da Deputación Provincial de Lugo

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) foi admitido para participar no Programa “Coñece a túa Provincia’2025”, convocado pola Deputación de Lugo, co seguinte CONTIDO (sempre suxeito a algún cambio):

  • A viaxe terá lugar o mércores 9 de abril de 2025, con saída dende a Casa da Cultura de Vilalba ás 9,00 horas. 
  • Ás 10:00 terá lugar unha visita ao Paza de San Marcos.
  • A continuación levarase a cabo o Programa da Ruta concedida: 
  • RUTA 22 (RIBAS DO SIL E QUIROGA): Visita á abadía de San Clodio e ao centro de interpretación da minería aurífera en Ribas de Sil. Visita ao Xeomiradoiro de Campodola. Visita a unha adega.
  • Servizos incluídos:A excursión será de balde e incluirá transporte, guía acompañante, xantar (menú pechado cun primeiro prato, segundo prato, sobremesa, café ou infusión e as bebidas indicadas o propio día da excursión), entradas aos lugares de visita e seguro de viaxeiros. *Recoméndase a todas as persoas participantes levar roupa e calzado cómodo/deportivo para a xornada de excursión.

PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN

  • PRAZAS CONCEDIDAS: 23
  • PRAZAS QUE SE POÑEN A DISPOSICIÓN DE SOCI@S E NON SOCI@S: 20
  • Nº DE PRAZAS RESERVADAS: 3 (PARA A ORGANIZACIÓN) 
  • PRAZO DE INSCRICIÓN: DO 22 DE MARZO AO 1 DE ABRIL DE 2025 (ata as 18:00 horas)
  • MEDIO DE INSCRICIÓN: SOLICITUDE AO CORREO ELECTRÓNICO DO IESCHA estudoschairegos@gmail.com (único medio)
  • NÚMERO MÁXIMO DE PERSOAS EN CADA SOLICITUDE: 2
  • DATOS OBRIGATORIOS DE CADA PERSOA SOLICITANTE: NOME, APELIDOS, DNI E TELÉFONO (SE HAI ALGÚN MENOR DE IDADE HAI QUE FACELO CONSTAR) (TAMÉN SE PODE FACER CONSTAR ALGUNHA NECESIDADE ESPECIAL -alerxia alimentaria, etc-)PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN
    • AS 20 PRAZAS SERÁN ADXUDICADAS MEDIANTE SORTEO PÚBLICO ENTRE AS SOLICITUDES PRESENTADAS (sempre que se sobrepase dita cantidade)
    • LEVARASE A CABO NO LOCAL DO IESCHA (NA CASA DA CULTURA) O MARTES 1 DE ABRIL DE 2025, A PARTIRES DAS 18:15 H.
    • TERÁN ABSOLUTA PREFERENCIA NO SORTEO OS SOCIOS E AS SOCIAS DO IESCHA.
    • O RESULTADO DO SORTEO SERÁ COMUNICADO A CADA SOLICITANTE MEDIANTE UNHA MENSAXE AO CORREO ELECTRÓNICO USADO NA INSCRICIÓN.

NOTA_INFORMATIVA_CONECE-A-TUA-PROVINCIA

Vimbio publica un EP con 3 cancións interpretadas en directo no Rock in Río Tea 2024

AO VIVO ROCK IN RIO TEA 2024 CONTÉN AS GRAVACIÓNS DAS INTERPRETACIÓNS EN DIRECTO DE PERSEIDAS, EPICURO E MAYDAY

A banda Vimbio segue publicando nova música, desta vez cun EP titulado Ao vivo Rock in Río Tea 2024, no que o grupo presenta a interpretación en directo de Perseidas, Epicuro e Mayday durante a súa actuación no festival ponteareá. Coa presentación da versión en vivo dun dos seus temas máis recoñecidos, Mayday, de Perseidas, e do ata agora inédito Epicuro, o grupo pon enriba da mesa a carta de presentación ao seu enérxico e contundente directo.

Tras o lanzamento do seu máis recente éxito, Eu non quero traballar, Vimbio asenta neste 2025 as bases da súa carreira presentando a súa nova música e un directo co que espera marcar o ritmo da fusión entre o rap e o metal na escena galega. Con este EP a banda resalta a súa aposta por trasladar unha presentación en vivo demoledora dos seus temas, cunha posta en escena á altura do seu son. A banda presentará as seguintes datas da súa xira en 2025 proximamente.

MÁIS SOBRE VIMBIO

Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer  xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.

Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.

Presentación do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de Carlos Callón, na Casa da Cultura de Vilalba

 O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PRESENTACIÓN do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de CARLOS CALLÓN, publicado por Edicións Xerais.

Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro..

A presentación levarase a cabo o martes 25 de marzo de 2025, ás 20:00horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA-INFORMATIVA-LIBRO-CARLOS-CALLON