O artista Euyín Eugene inicia a súa ‘Residencia Paraíso 2025’ na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do CDG de Santiago de Compostela

Desde este xoves, 22 de maio, e até o venres, 13 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene traballará na súa proposta Tuerce

Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias

Unha vez finalizada a súa residencia, Euyín Eugene ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, o venres, 13 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista Euyín Eugene inicia a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso este xoves, 22 de maio, en Santiago de Compostela. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Compostela, acollen desde hoxe e até o venres 13 de xuño a segunda destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta Tuerce, do artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene.

Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Euyín Eugene ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, a velada do venres, 13 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Tuerce é un proxecto de investigación artística do artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.

Esta proposta nace coa intención de xerar, a través da creación, espazos para compartir e reflexionar arredor da disforia de xénero coas persoas que a experimentan e desmarcala do estigma para comezar a construír novos rexistros e matices que sirvan non só á comunidade trans, senón tamén á sociedade en xeral.

Que diría a disforia se puidese falar a través dun corpo? pregúntase Euyín, e observa que o corpo trans e non binario, a través da súa experiencia, torce, vira, altera, desvía, mobiliza e permite desnaturalizar o sistema sexo-xénero.

Euyín propón xerar unha peza na que, poñendo o seu corpo no centro, conflúan voces, sons e texturas que evoquen o tránsito dun corpo que decidiu autodeterminarse no medio do sistema sexo-xénero, colaborando en escena con Íren Márquez Dos Santos para a creación das paisaxes sonoras que atravesarán o dispositivo escénico. Interésalle especialmente o papel do público dentro deste dispositivo, xa que, máis que interpelar, busca xerar pontes e abrir preguntas, dialogando co público, tamén atravesado polo mesmo sistema.


SOBRE O ARTISTA

Euyín Eugene é unha persoa transmasculina non binaria, nacida en Petare, Venezuela. É creador visual, escénico e xestor cultural, graduado en Arte Dramática pola Universidade Nacional Experimental das Artes (Caracas). A súa práctica artística centrouse na performance e na creación de espazos para o seu desenvolvemento. Traballa arredor de procesos nos que se entrelazan a experiencia encarnada e os acontecementos políticos e sociais que a atravesan e condicionan. Interésalle colectivizar os procesos e xerar espazos de diálogo. Son temas recorrentes nas súas propostas as relacións de poder, a migración, o xénero e a memoria histórica.

O seu traballo foi programado en diversos espazos e institucións como La Casa Encendida, La Parcería, Juf, Espacio Afro e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Na súa traxectoria como xestor cultural en Madrid, colaborou na creación e coordinación de proxectos con La Parcería, Espacio Afro, Osikán e Madrid Negro.

Pola súa banda, Íren Márquez Dos Santos é une artista e produtore afrodescendente de Madrid que investiga e abraza as formas de resistencia e sanación das comunidades da diáspora a través do son. A súa investigación sonora céntrase no mar e na súa materialidade política, afondando no potencial do son submarino para expor realidades ambientais fracturadas e conflitivas que repercuten nas narrativas históricas coloniais e neocoloniais sobre a superficie da auga.

As súas producións sonoras máis recentes inclúen un espazo sonoro comisionado por Tomboysdontcry e Congregations para Lingua Lunga en Milán (Italia); un espazo sonoro para a versión curta de Más allá de la piel en Conde Duque (Madrid); o obradoiro sonoro Somos ruidos fluyentes para Hablar En Arte e 21Distritos; sesións de DJ para Una fiesta salvaje en Matadero Madrid e para o evento Plurrrii do Jokko Collective, en Foc Barcelona.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.colectivorpm.gal/

O vigués Álex Cassen presenta “Lela”, o seu primeiro sinxelo en galego

O vigués Álex Cassen presenta a súa versión de Lela, o clásico galego que leva décadas traspasando fronteiras. Cassen leva a canción ao seu terreo, respectando a melodía orixinal, pero dándolle ese toque electrónico escuro tan característico do artista.

Escoita Lela:

Biografía do artista:

Álex Cassen é un artista vigués cuxas obras rezuman honestidade. Tras publicar dous poemarios, o artista decidiu afondar na disciplina que máis lle apaixona dende pequeno; a música.

En febreiro deste ano lanzou LAS CARTAS SOBRE LA MESA, o seu primeiro EP. Foi un traballo onde Cassen levou a electrónica por bandeira, sen estar encasillado nun só xénero. O artista narra as súas vivencias dunha forma tan íntima como universal, polo que calquera persoa pode sentirse identificada coas súas letras.

Para estar ao tanto das novidades do seu proxecto, podedes seguilo en Instagram, TikTok e no seu perfil de Spotify.


Derradeira visita guiada e peche da mostra É PREFERIBLE O BRILLO, de Marta Valverde, no espazo Leira (Lugo)

É PREFERIBLE O BRILLO, de Marta Valverde, inaugurou-se o sábado 12 de marzo ás 19h en Leira, na apertura final do seu proceso de residencia artística, dentro do ciclo de residencias comisariado por Visión Periférica

A artista Marta Valverde botou semanas investigando en Lugo os cruces entre a ritualidade e o confesional, traballando nalgunhas lendas, obxectos protectores e rituais presente na cidade e a súa conexión co noso presente.

Marta Valverde é unha artista de Nigrán cunha ampla traxectoria no audiovisual e o seus cruces co documental, a ficción e o cinema experimental

Visión Periférica é unha proposta recoñecida e financiada polas Axudas INJUVE á Creación, consistente nun ciclo de residencias artísticas que se levarán a cabo durante 2025 e traerán a Lugo artistas de diferentes procedencias e disciplinas centradas no audiovisual.

A exposición permanecerá aberta ata finais de maio, xoves e venres de 18 a 20.30 h. ou por cita previa

Desde hai unhas semanas a artista Marta Valverde (94, Nigrán) atópase investigando ao redor dos cruces entre a ritualidade e o confesional, intuíndo nalgunhas lendas os suspiros de certas estruturas simbólicas que hoxe outorgan sentido aos nosos corpos parasitados pola promesa neoliberal da autonomía e o benestar. Nas últimas semanas a artista percorreu Lugo en procura de obxectos protectores e rituais e a súa relación coa función dos obxectos simbólicos do presente. Autocuidado, eneagramas, altares, astroloxía, terapiaou “un master que ao fin me dará o traballo soñado”.

.O espazo de creación, investigación e producción artística Leira acolleu desde o sábado 12 de marzo ás 19h a inauguración que amosa o resultado da residencia artística que Marta Valverde leva realizando dende o mes de marzo, como punto final dunha serie de accións e obradoiros que foron tendo lugar durante as últimas semanas na cidade de Lugo. A exposición estará aberta ata finais de maio.

Extracto do texto de sala:

(…) A poucos metros de aquí, no interior dun templo máis aló da praza, hai un obxecto pétreo carcomido polas mulleres en procura de esperanza. Este obxecto é o Crismón de Quiroga, un enorme disco de mármore mermado -entre cirios temblorosos- polo ritual da litofaxia. O obxecto reza “ O ouro é vil para ti, que a prata se retire. É preferible o brillo da túa felicidade”. A idea dun brillo matérico repítese durante longos séculos, vinculado á divindade pero tamén ás capacidades emocionais e sensitivas. (…)

Sobre a artista:

Marta Valverde (Nigrán, 1994) traballa no cruzamento do documental, a ficción e o experimental, sendo os seus temas recorrentes a precariedade, a intimidade, a memoria e a autobiografía, desenvolvendo os seus proxectos en diferentes formatos como son o monocanal, o videoescenismo, os visuais, o live cinema ou a conferencia performativa.

Sobre Visión Periférica e o ciclo:

Visión Periférica é o programa de residencias artísticas do espazo de investigación, creación artística e produción cultural contemporánea Leira Haus para 2025.

No ciclo Corzas, penas e transparentes, Leira busca rescatar esas mitoloxías que permaneceron no limiar, reclamando novas formas de ser miradas, narradas e encarnadas.

Visión periférica: rede local de exploración contravisual, á súa vez é o xerme dun dispositivo autónomo, unha rede de investigación e creación artística que propón un marco crítico para repensar a construción de imaxinarios territoriais desprazando as visualidades hexemónicas sobre o territorio e as súas existencias, a través das tecnoloxías, o videoarte e as prácticas artísticas colaborativas situadas. Unha mirada desviada aos centros mediales e dixitais, e ao seu confinamento exclusivo aos grandes polos da cultura.

Figuras sobranceiras do deseño galego e internacional comparten os seus proxectos esta fin de semana no festival GALICIA DESIGN WEEK

  • A liña PRO do evento ofrecerá esta fin de semana 13 parladoiros e 2 obradoiros gratuítos no Espacio Avenida, ademais de sesións musicais para favorecer o encontro entre creadoras e asistentes ao festival
  • A apertura da programación profesional terá lugar o venres 23 ás 12:30h e, deseguido, o Grupo Malasa anunciará as gañadoras do seu primeiro concurso de deseño de mobiliario
  • O programa PRO do sábado 24 de maio será 100% feminino e contará con figuras recoñecidas como Angie Boga, da produtora Canada; ademais da tipógrafa catalá Marta Cerdà, a directora creativa Isabelita Virtual, a directora de escena Marta Pazos ou a ilustradora Inma Hortas


GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular que se está a celebrar na Coruña, presenta esta fin de semana a súa liña profesional, nomeada PRO. Un programa de actividades gratuítas, que inclúen 13 parladoiros e 2 workshops, terán lugar nas xornadas do venres 23 e sábado 24 de maio no novo Espacio Avenida de Abanca, exemplo de rehabilitación patrimonial exemplar e icona da cidade, situado no Cantón Grande herculino. 

GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego e ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións coa creación de espazos e momentos de conexión e intercambio informal, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior. 

Durante 9 días, #GDW25 ofrece unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, exposicións, parladoiros e sesións musicais. No marco da liña de programación PRO, que comeza este venres 23, GALICIA DESIGN WEEK reunirá a numerosas referentes en diferentes disciplinas do deseño;  e as conferencias do sábado serán 100% femininas -que supón ademais máis dun 50% da programación e do equipo de traballo da #GDW25-. Así, contará con parladoiros de Angie Bolea, da prestixiosa produtora Canada, da tipógrafa catalá Marta Cerdà, da creativa internacional Isabelita Virtual, da escenógrafa Marta Pazos ou da ilustradora Inma Hortas. 

Nesta parte PRO tamén haberá espazo para coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, mais tamén para descubrir os proxectos do estudio de arquitectura madrileño BURR, da axencia de branding Novagarda ou mesmo da marca de xoias RIGIDO e as súas creativas Carta et Stik. Ademais, o talento galego emerxente estará moi presente -alén das exposicións da #GDW25 que se poden ver estes días nas rúas da cidade- cunha conversa na que se darán a coñecer as iniciativas Aldea, Cotbar, Lixo e Proxecto Bolina. 

A programación PRO complétase con dous obradoiros gratuítos, aos que se poderá acceder previa inscrición a través do correo electrónico info@gdw.gal e para os que quedan moi poucas prazas dispoñibles. O venres 23, o estudio Vagrant ofrecerá un workshop sobre branding, no que mostrará a nova identidade tanto do festival de música Sónar coma da propia GDW. Ao día seguinte, o sábado 24, o Grupo Malasa impartirá o taller ‘A túa idea en maqueta. Do papel á forma’. Precisamente a empresa coruñesa, referente no sector da fabricación de mobiliario, é a responsable da instalación que se poderá ver até o 30 de maio na praza de Lugo sobre o talento galego máis destacado do último ano. 

Ao fío, Grupo Malasa fallará no marco de #GDW25 as propostas gañadoras do seu primeiro concurso de deseño de mobiliario para novas creadoras -chamado Grupo Malasa Talent Contest-, unha iniciativa dirixida especialmente ao alumnado galego dos centros orientados ao deseño coa intención de potenciar e promocionar o talento emerxente e o deseño local. As tres ideas gañadoras recibirán, en conxunto, ata 4.000 euros e un contrato laboral coa empresa. O ditame do xurado profesional, responsable de valorar as propostas recibidas, darase a coñecer o venres 23 ás 13:00 horas no Espacio Avenida. 

Ademais da programación PRO, esta fin de semana GALICIA DESIGN WEEK ofrecerá a liña SESSIONS, que pretenden favorecer o encontro entre creadoras e asistentes ao finalizar cada xornada PRO. Estas sesións musicais correrán da conta do DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente. Espacio Avenida e Malte Atochas acollerán estas propostas de lecer, ademais do Playa Club, na que se celebrará o peche do evento. 

Por último, esta fin de semana tamén se poderá gozar da liña SHOW, que conta con dúas exhibicións a ceo aberto: a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e a avenida da Mariña é o punto no que se atopa #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade. Ambas mostras poderanse visitar até 30 de maio e 15 de xuño, respectivamente. 

Esta liña SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico no Espacio Avenida durante o PRO (venres 23 e sábado 24) destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas deste ano: é o caso dos materiais da editorial galega Fabulatorio, do novo libro da tipógrafa Marta Cerdà ou creacións das marcas Aldea e Proxecto Bolina, que participarán nas conversas do sábado 24. Tamén estarán presentes neste espazo Cervezas Alhambra, café e revistas de News & Coffee e dulces de Goloso. 



#GDW25

GALICIA DESIGN WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Didac, Goloso Coffee Counters, Gràffica, K-Tuin, Malte, News&Coffee, Playa Club, Rosmon, Studio Follow e Usual.

A súa programación divídese en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións e un showroom tanto físico coma virtual; SESSIONS, a parte máis festiva do evento; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade. 


AXENDA GALICIA DESIGN WEEK \ 23 e 24 de maio 


23 de maio, Espacio Avenida \ 12:30 horas
Apertura by USUAL. Coa presenza de institucións e patrocinadores.
Convocatoria para medios de comunicación 
Acceso con invitación

23 de maio, Espacio Avenida \ 13:00 horas
Grupo Malasa Talent Contest. Anuncio das gañadoras do certame. 
Acceso con invitación

23 de maio, Espacio Avenida \ 14:15 horas
PRO Workshops: O novo branding do festival Sónar e de GDW x Vagrant
(gratuíto previa inscrición en info@gdw.gal

23 de maio, Espacio Avenida \ 16:00 -19:30 horas
PRO Talks
16:00-16:45h \ Desescribir + Fabulatorio
16:45-17:30h\ Novagarda
17:30-18:00h \ Pausa
18:00-18:45h \ RIGIDO + Carla et Stik
18:45-19:30h \ BURR
Acceso libre ata completar capacidade

23 de maio, Espacio Avenida \ SESSIONS
19:30-21:00h \ Certain People
Acceso libre ata completar capacidade

24 de maio, Espacio Avenida \ 10:30 horas
PRO TALKS 
10:30-12:00h \ NOVODESEÑOGALEGO. Aldea, Cotbar, Lixo, Proxecto Bolina
12:00-12:30h \ Pausa
12:30-13:15h \ Inma Hortas
13:15-14:00h \ Marta Pazos

Acceso libre ata completar capacidade

24 de maio, Espacio Avenida \ 14:15 horas
PRO WHORSHOPS 
A túa idea en maqueta. Do papel á forma x Grupo Malasa
(gratuíto previa inscrición en info@gdw.gal)

24 de maio, Espacio Avenida \ 16:00 horas
PRO TALKS 
16:00-16:45h \ Marta Cerdà
16:45-17:30h \ Isabelita Virtual
17:30-18:00h \ Pausa
18:00-19:30h \ Canada
Acceso libre ata completar capacidade

24 de maio, Espacio Avenida \ SESSIONS
19:30-21:00h \  Dj Gulya & Héctor de la Puente
Acceso libre ata completar capacidade

24 de maio, Malte Atochas \ SESSIONS
23:00h-01:00h \Certain People
Acceso libre ata completar capacidade

24 de maio, Playa Club \ SESSIONS
03:00h-06:00h \Post party

\SHOW

Até o 30 de maio \ Praza de Lugo

Exposición DESIGNED IN GALICIA sobre o mellor deseño galego do último ano. Deseñada por Grupo Malasa
Até o 15 de xuño \ Avenida da Mariña

Exposición #NOVODESEÑOGALEGO sobre o talento emerxente galego. Deseñada por FLU-OR
Durante o festival \ En liña

Showroom dixital en www.gdw.gal
23 e 24 de maio \ Espacio Avenida 

Showroom físico 

Fumega Fest desvela o seu cartel por días

O VENRES 23 ÁS 12:00H SAIRÁN Á VENDA AS ENTRADAS DE DÍA EN WWW.FUMEGAFEST.COM E ENTERTICKET DENDE 32€

O festival Fumega Fest da a coñecer o reparto dos artistas entre as xornadas do 4 e 5 de xullo, días de celebración do festival. As entradas para cada un dos días sairán á venda este venres 23 ás 12:00h dende 32€ en www.fumegafest.com e Enterticket. O Parque do Pasatempo de Betanzos vivirá dúas xornadas coas mellores bandas a nivel europeo de stoner rock, post rock, psych, space rock e post metal, nunha primeira edición que aspira a afianzarse como un dos grandes reclamos do xénero na Península Ibérica.

VENRES 4 DE XULLO

A xornada do venres 4 de xullo estará encabezada por un dos grandes atractivos desta edición, Monkey3. Dende Suiza, o grupo trae unha fusión explosiva de stoner rock, space rock e progresivo. Xunto á banda suíza, dende Escocia chega outra das grandes bandas internacionais do festival, Dvne, que destaca como un dos grupos máis potentes e ambiciosas do post-metal progresivo. Neste caso dende Bélxica, a intensidade progresiva dePsychonaut converteunos nunha das propostas máis innovadoras do stoner e post-metal. Completando esta primeira xornada, actuará unha das bandas máis representativas da escena galega, Mano de Piedra, que dende Vigo chegarán para fusionar stoner, hardcore e post metal cunha brutalidade sonora impactante.

SÁBADO 5 DE XULLO

xornada do sábado 5 de xullo estará encabezada por outro dos grandes nomes desta edición, Greenleaf, que aterrarán dende Suecia, lugar onde crearon o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. A aposta por grandes nomes consagrados da escena estatal chegará da man dos cataláns Exxasens, que levan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. Neste caso dende terras madrileñas, chega para esta última xornada unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África. Pechando o cartel desta segunda e última xornada, o festival traerá dende Lugo o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, un dos grandes grupos galegos que se destacou en festivais de toda Europa.

Xunto ás entradas de día, o festival porá á venda tamén un pequeno cupo de accesos á acampada diarios, espazo que contará con zona cuberta, control de acceso e todos os servizos do pavillón municipal. Atoparase a escasos metros andando do recinto de concertos e do centro da vila, e terá un prezo de 12€.

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&AmeixeirasVimbioSabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.

COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST

Un dos grandes cabezas de cartel desta edición é Monkey3. Dende Suiza, o grupo trae unha fusión explosiva de stoner rock, space rock e progresivo. Nacidos no 2001 como unha banda de jam sessions, evolucionaron ata converterse nunha das formacións máis respectadas do xénero en Europa. Os seus directos son unha auténtica viaxe sensorial, con guitarras expansivas, teclados psicodélicos e unha enerxía demoledora.

Dende Escocia chega outro dos grandes atractivos do festival, Dvne, que destaca como unha das bandas máis potentes e ambiciosas do post-metal progresivo. Cun son épico que fusiona stoner, sludge, doom e metal progresivo, o seu estilo bebe de influencias como Mastodon, Neurosis e Pink Floyd, creando composicións expansivas e atmosféricas.

Neste caso dende Bélxica, a intensidade progresiva de Psychonaut converteunos nunha das propostas máis innovadoras do stoner e post-metal. Influenciados por Led Zeppelin, Pink Floyd e Tool, combinan riffs esmagadores con conceptos filosóficos e espirituais nos seus discos. Coñecidos polos seus directos impactantes e unha posta en escena escura e envolvente, son unha das grandes apostas do festival.

O último dos grandes nomes desta edición chegará dende Suecia, onde Greenleaf creou o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. Mesturando a potencia das paisaxes sonoras creadas coas súas guitarras e unhas cautivadoras voces de blues, a banda sueca chegan para ofrecer un espectáculo frenético e hipnotizante a partes iguais.

O festival aposta tamén por grandes nomes consagrados da escena estatal. Os cataláns Exxasens levan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. A súa música evoca viaxes interestelares con guitarras etéreas, sintetizadores envolventes e unha produción meticulosa. Dende terras madrileñas chega unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África, creando unha experiencia sonora única. A súa música, cunha forte carga política e experimental, é un convite ao trance e á exploración sen límites.

No festival tamén haberá espazo para gozar de dúas das bandas máis representativas da escena galega. Dende Vigo emerxe Mano de Piedra, unha banda que fusiona stoner, hardcore e post metal cunha brutalidade sonora impactante. Dende Lugo aterrará o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, grupo que se destacou en festivais de toda Europa. A súa capacidade para crear atmosferas cinematográficas e envolventes é unha aposta segura para quen busca emocións intensas e paisaxes sonoras inesquecibles.