
Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e a Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos nomeados, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios
Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras 2 categorías: artista do ano e persoa do ano, mentres que o público poderá elixir, por votación popular, o premio da excelencia na experiencia do público
Deste xeito, a Asociación Galega de Empresas Musicais organiza a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia
Os Premios da Industria Musical de Galicia veñen de anunciar as iniciativas e persoas nomeadas na súa primeira edición. O proxecto, impulsado pola Asociación Galega de Empresas Musicais, AGEM, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña. Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano, mentres que o público poderá elixir, por votación popular, o premio da excelencia na experiencia do público.
Os proxectos, iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas diferentes categorías son:
Mellor deseño de iluminación:
o Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.
o José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.
Mellor implementación de son:
o Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.
o Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.
o Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.
Mellor empresa provedora de servizos:
o Escena Sonora.
o Luxevan.
o Vacaline.
Mellor profesional de produción:
o Paco Iglesias.
o Victoria Blanco.
o Xabi Carnota.
Mellor manager:
o Aitana Cuétara.
o Kin Martínez.
o Manuel Tarrío.
Mellor produción discográfica:
o Iago Picó, por Pouland Studios.
o Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.
o Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.
Mellor posta en escena:
o Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA.
o Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Tanxugueiras, por DILUVIO.
Mellor promotor/a-programador/a:
o David Pedrouzo, de Todo Medre.
o Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.
o Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.
Mellor proxecto de comunicación:
o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Alberti da Coruña, por Aquí tamén se fala.
o The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.
o Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.
Mellor identidade visual:
o Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.
o Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.
o Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
Mellor videoclip:
o Lorenzo Negueruela, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.
o Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
o Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.
Mellor evento cultural / musical:
o Noites do Porto.
o Surfing the Lérez.
o WOS Festival x SON Estrella Galicia.
Mellor espazo musical:
o Sala Capitol.
o Náutico de San Vicente.
o Café Torgal.
Mellor proxecto de sustentabilidade:
o Festival Agrocuir da Ulloa.
o Festival de la Luz.
o Festival Sinsal SON Estrella Galicia.


SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.
En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.
Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.
Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.
Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, haberá un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións abriranse proximamente a través das redes sociais e da web de AGEM.
A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
SOBRE O XURADO DOS I PREMIOS DAS INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Anxela Baltar é guitarrista, vocalista e compositora da banda galega BALA, proxecto activo dende 2015. Ela combina a súa traxectoria artística cun labor independente nos ámbitos da produción e a comunicación musical, colaborando en diversos proxectos culturais. Esa visión múltiple —desde o escenario e tamén detrás del— permítelle comprender a música como un ecosistema creativo, técnico e humano no que cada peza conta. Unha profesional que representa á perfección o espírito dos premios: talento, compromiso e perspectiva colectiva.
Cecilia Carballido é unha profesional da xestión cultural especializada na produción de espectáculos ao vivo. Conta cunha traxectoria de máis de 25 anos no sector, tanto en compañías e empresas privadas como no ámbito público, onde foi xefa de produción da Agadic. Á vez que traballa como docente de produción, hai unha década crea a cooperativa de traballo asociado CUNDE SCG, dende onde impulsa proxectos culturais e eventos baseados na colaboración, a análise e a mellora continua. Apaixonada das feiras profesionais e da rexeduría técnica, Cecilia defende o traballo cooperativo como ferramenta fundamental para acadar obxectivos comúns.
Fundación Paideia é unha entidade de carácter social sen ánimo de lucro que, entre outros eixos, impulsa o emprendemento musical en Galicia a través de programas como SON Emerxente, Interritmos ou os coworkings conxuntos coa EOI. Proxectos nos que acompaña a proxectos galegos en fases iniciais e de aceleración con consultarías, mentorías, formación e visibilidade en festivais e mercados musicais. Tamén pon a disposición destes proxectos os Estudios Mans, un centro con máis de 240 m² de plató audiovisual e dotado dun estudo gravación profesional. Todas elas iniciativas que facilitan a artistas e bandas emerxentes a conexión con profesionais do sector, participando en redes de talento e oportunidade.
María Baqueiro é enxeñeira e consultora en sustentabilidade. Con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da consultaría, María ten desenvolvido o seu labor tanto en entidades públicas como privadas, impulsando proxectos que integran a sustentabilidade como eixo estratéxico. Tras chegar a este campo a través da moda, enfocou o seu traballo cara ao sector cultural e os festivais de música, acompañando iniciativas que buscan aliñar prácticas culturais e Axenda 2030. É responsable de sustentabilidade de festivais como Sinsal, recoñecido como evento máis sostible nos Premios FEST 2019 e 2023, e promotora do Pacto Cultura Sustentable, unha alianza galega que promove o traballo conxunto e coordinado para avanzar cara a unha cultura máis responsable, inclusiva e respectuosa co medio.
Noel Miguélez é biólogo de formación e educador de profesión. Trátase dun dos divulgadores musicais galegos máis activos. Leva máis dunha década compartindo a súa paixón pola música desde múltiples frontes, combinando divulgación, análise e compromiso coa escena galega contemporánea. É autor do libro Galicia MusiCalidade: Unha terra feita de acordes, unha obra ilustrada que radiografía a riqueza e diversidade da música feita en Galicia, conectando xeracións e estilos. No ámbito radiofónico, é coñecido por ser a voz de Turbulencias en CUAC FM, programa de referencia para descubrir novas bandas e tendencias. Ademais, colabora con diferentes medios escritos e plataformas musicais, ofrecendo artigos e reflexións sobre a creación e a industria musical galega. A súa traxectoria aporta ao xurado non só ollada crítica e coñecemento musical, senón tamén compromiso con proxectos emerxentes, escenas locais e diversidade sonora.
Javier Becerra é xornalista, escritor e DJ. Formado nos fanzines dos 90, foi cofundador de Feedback-zine, un dos primeiros portais dedicados á cultura pop en España, colaborador en revistas como Ruta 66, Sónica ou Vibraciones Pop e autor do mítico blog Retroalimentación, un espazo de referencia para a música independente en Galicia. Dende 2007 traballa en La Voz de Galicia, onde é redactor da sección de Sociedade e Cultura e firma habitual en Fugas. Ademais de escribir en medios, Becerra ten programado ciclos de concertos como Los Conciertos de Retroalimentación e publicado libros como Los Eskizos, electricidad a contracorriente e ¡Esto es pop!, afianzando o seu papel como divulgador da escena musical galega e estatal.
Tito Lesende é xornalista e divulgador musical. Acumula máis de 30 anos de traxectoria escribindo, falando e contando a música con paixón e criterio. Especialista en pop e rock, é unha das voces máis recoñecidas da Radio Galega, onde dirixe e colabora en programas desde 2001, sempre coa escena galega como punto de partida e referencia. En prensa escrita ten asinado columnas e reportaxes en publicacións como Rolling Stone, Revista 40, Cinemanía, Grazia ou Diario 16, ademais de colaborar en ICON (El País), Vanity Fair e Efe Eme. É tamén director de Cultura Revista SGAE e autor de varios libros de temática musical editados en España e América.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
2025.10.21.-NP-nominacions-Premios-AGEM