Os galardóns, promovidos pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entregaranse o 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela

Noites do Porto pecha a súa quinta edición cun sorriso e un recoñecemento da escena do país. O evento coruñés é finalista na categoría de Mellor Evento Cultural e Musical na primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que terá lugar o 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Noites do Porto naceu en 2021 para ser pioneiro e abrir un novo espazo de cultura e música para a cidadanía coruñesa: o Peirao de Batería do Porto da Coruña. Desde entón, e ao longo de cinco edicións, o festival expandiuse paseniño pola cidade para sumar numerosos directos, salas de concertos, espazos únicos, cápsulas de programación, diversidade estilística e disciplinas artísticas. A intención non é outra que ofrecer unha proposta musical única en Galicia ao tempo que se mergulla e se empapa do ecosistema cultural coruñés.

O festival foi pioneiro en explorar localizacións dende a súa primeira edición, mais tamén en incluír e incorporar o tecido cultural local no seu programa sen perder un ápice da súa identidade, demostrando que é posible ofrecer un evento cultural accesible, aberto a múltiples públicos e cun crecemento sostible e sostido, sendo leal ás súas premisas: propoñer concertos únicos, estreas, actuacións de lendas e novas bandas e artistas, regresos de formacións históricas e propostas para todos os gustos e estilos, especialmente para un público melómano.

Desde aquela primeira edición, con tres xornadas de concertos (29, 30 e 31 de outubro de 2021), un único escenario (peirao de Batería) e cinco bandas e solistas (Ángel Stanich, Bad Gyal, Califato 3/4 , Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Xoel López), Noites do Porto medrou ata o que é hoxe en día: un evento cultural que se estende xa por máis de 16 localizacións de toda a cidade e durante case 10 días de programación.

A empresa promotora de Noites do Porto, a coruñesa MASGALICIA, quere agradecer tamén hoxe o seu apoio ás institucións (Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Porto da Coruña) e empresas (Corporación Hijos de Rivera) que estiveron ao carón do evento desde o seu nacemento, pero moi especialmente a quen sostivo, coa súa presenza, estas cinco edicións de música ao vivo: o público.

20251021-NDP-Finalista-Premios-da-Industria-Musical