O CONCERTO TERÁ LUGAR O DOMINGO 4 DE MAIO CON ENTRADAS Á VENDA ESTE VENRES A PARTIR DAS 12:00H EN WWW.SALACAPITOL.COM
ADEMAIS HOXE DESVELA ‘RECUERDO’, O SEU NOVO SINXELO
LODE arranca o ano con forza anunciando a estrea en directo do seu proxecto e comezo da súa xira, que terá lugar nun dos mellores recintos de concertos de toda Galicia, a sala Capitol de Santiago de Compostela. Desta maneira, o artista presentará a súa novidosa proposta, nunca antes vista no xénero urbano en Galicia, no que será o punto de partida do seu tour de 2025. O domingo 4 de maio o artista naronés subirá ao escenario da Capitol cun espectáculo que combinará a súa versatilidade vocal e musical coa súa destreza no baile, que dotará ao show dunha posta en escena moi diferencial dentro da escena. As entradas para este concerto saen á venda este venres 17 por 10€ en www.salacapitol.com.
‘Recuerdo’, 5º e novo sinxelo do proxecto, ve hoxe a luz
LODE está de celebración por partida dobre, e segue dando pasos adiante afianzando o seu proxecto co lanzamento de ‘Recuerdo’, un novo reguetón que mestura toques de R&B e flows de hip hop, cunha temática íntima e profundamente persoal, tocando o desamor e a superación. Este tema exerce xa como cuarto adianto do seu seguinte traballo discográfico, que espera ver a luz proximamente.
O artista volve a amosar as súas capacidades para mesturar estilos, collendo os ritmos contaxiosos do reguetón para innovar e saír do establecido mediante elementos melódicos e actitudes doutros xéneros. A letra de ‘Recuerdo’ está infestada de sentimento, como xa é costume en LODE, tratando o desamor dunha maneira moi visceral e sincera coa que moitas persoas poden chegar a sentirse identificadas. Tras mergullarse en estilos como a cumbia, o EDM ou mesmo o afrobeat e pop urbano nos seus anteriores adiantos, o de Narón remarca a súa versatilidade e capacidade de adaptación a cada estilo.
MÁIS DE LODE
LODE é o futuro do xénero urbano. Cun estilo versátil e multidisciplinar, o artista galego está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras o seu éxito en redes sociais e o seu paso por programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, o de Narón presenta un ambicioso proxecto no que conflúen o seu talento como cantante coa posta en escena que desprende grazas ás súas capacidades como bailarín. A súa presenza non pasou desapercibida dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.
Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando o seu novo traballo discográfico, que verá a luz este ano baixo o formato de EP e que conta xa cos adiantos de Cárita de Ángel, Tres Tragos, TKILA e Recuerdo. A presentación do mesmo terá lugar o domingo 4 de maio nun dos mellores recintos de concertos de Galicia, a histórica sala Capitol de Santiago de Compostela. Nel deixará patente a súa versatilidade e capacidade vocal, aos que se lles sumará o seu talento coreográfico e posta en escena, nun espectáculo nunca antes visto no xénero urbano en Galicia.
INFO DO CONCERTO
Domingo, 4 de maio – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Capitol
García MC comeza o ano retratando os seus primeiros anos de vida en ‘Permanece Sempre’, o seu novo sinxelo. O rapeiro ábrese nesta canción para falar da primeira etapa da súa infancia, dende o seu nacemento ata os primeiros anos de colexio. Mantendo sempre as súas raíces musicais e a súa esencia hiphopeira, García olla cara esta etapa da súa vida dende a mirada do seu eu actual e homenaxéaa nos seus versos. Este tema é o terceiro adianto de ‘Sergio Manuel’, o seu novo traballo discográfico que verá a luz proximamente e que terá un claro carácter autobiográfico.
Tras publicar ‘Quen Son Eu?’ xunto a Xisco Feijoó e ‘Aguardiente’ xunto a Julio Maloa (integránte de la Raíz), Ruzzo Mc e Roldán (integrantes de Orishas) e DJ Hazhe, García MC lanza ‘Permance Sempre’, unha reivindicación da súa infancia manténdose fiel en todo momento ao estilo que o caracteriza. Cunha base de rap clásico composto por Peter Petrowski e producido por Iago Pico, o artista flúe sobre as súas vivencias, incorporando tamén versos poéticos na voz de Alfonso Pexegueiro.
O tema ve a luz xunto cun videoclip dirixido por Marcos Montiel de Kakun Filmes no que inmortaliza os seus primeiros anos de vida. Desta maneira, e tras retratar a súa adolescencia en ‘Quen Son Eu?’ e a súa segunda infancia en ‘Aguardiente’, García MC segue avanzando o que será o seu seguinte EP, artellando así a súa autobiografía sonora e abrindo o ano 2025 que traerá nova música e novos concertos para un dos precursores da cultura hip-hop en Galicia.
MAÍS SOBRE GARCÍA MC
García Mc é un dos grandes referentes da cultura hip-hop en Galicia. O rapeiro galego leva mudando o panorama musical os máis de 25 anos que leva en activo, destacando por levar as súas rimas lonxe das fronteiras galegas con diversas incursións por Latinoamérica, polo afán didáctico e divulgativo que o levou a impartir clases e obradoiros sobre cultura hip-hop e rimas, ou polo seu interese na combinación de xéneros con enfoque multicultural. Así como en numerosos concertos en países como Portugal, Dinamarca, Cuba, Guinea-Bissau ou México, ou na participación en grandes festivais como o SonRías Baixas en 2022 ou o Festival Noroeste da Coruña en 2023.
Ao máis puro estilo shakespeariano, Eduardo Alonso firma e dirixe unha traxedia aderezada de comedia e ironía para entreter concienciando, que poderá verse este venres 17 e o sabado 18 de xaneiro, ás 20.30h
O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso
Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio
Teatro do Noroeste desembarca esta fin de semana no Teatro Principal de Santiago de Compostela coa estrea absoluta do seu novo espectáculo, Guerra, que poderá verse o venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20.30h. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, é a peza encargada de abrir a programación de artes escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre de 2025. Trala representación do sábado 18, o público poderá gozar cunha conversa postfunción co equipo artístico de Teatro do Noroeste. As últimas entradas para ‘Guerra’ están dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra.
O espectáculo está producido pola compañía Teatro do Noroeste e conta co apoio dos Concellos de Santiago de Compostela e de Ames, ademais da subvención da Axencia Galega de Industrias Culturais á creación escénica e á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto do que forma parte.
A mañá deste xoves, 16 de xaneiro, tivo lugar a prsentación do espectáculo no Teatro Principal de Compostela. No acto participaron Xaquín López, director xerente do Auditorio de Galicia; Eduardo Alonso, autor e director da obra; Eva Alonso, produtora executiva de Teatro do Noroeste; e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, que estiveron acompañados polo elenco ao completo: Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez.
O director e dramaturgo Eduardo Alonso quixo agradecer o apoio das institucións (Agadic, Concello de Santiago de Compostela e Concello de Ames) para poder sacar adiante un proxecto como Guerra, que é un espectáculo de gran formato con seis actrices e actores en escena. Ademais, destacou que, para el, “o teatro debe estar comprometido coa realidade. O punto de partida deste texto foi o bombardeo do Teatro de Mariupol en Ucrania por parte das tropas rusas. Sentín que esa podería ser a nosa casa, que estaba a ser bombardeada. Isto levounos a montar Guerra, para falar de todas as guerras que nos asolan”.
Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices. Tal é a premisa de Guerra, onde as innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución. O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso.
FOCO TEATRO DO NOROESTE
Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de Guerra, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio, tamén no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
SOBRE O ESPECTÁCULO
“A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunha é unha solución, senón o máis grande dos erros”.
Ao máis puro estilo shakespeariano, Guerra é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. Teatro do Noroeste amosa unha realidade actual a través dunha alegoría eterna e substancial. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso:
“Guerra é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta “guerra” de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.
E continúa: “o teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, nos rodean e mesmo se instalan no corazón de Europa. O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar, desde a maior humildade, pero, tamén, desde a ambición máis saudable. E iso é o que pretende esta obra: entreter concienciando”.
SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.