A peza, estreada o pasado 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, inicia o seu percorrido por auditorios e salas de Muros, As Pontes, Vigo, Foz, Noia e Cee

O espectáculo acompáñase, no propio recinto da representación, dunha exposición sobre a traxectoria profesional do dramaturgo

A velada de Londres, a nova produción da plataforma creativa ButacaZero, inicia esta fin de semana a súa xira por auditorios e salas de Galicia. Muros, As Pontes, Vigo, Foz, Noia e Cee serán as escalas dunha montaxe que rende tributo á figura e legado do dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025).

A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase con esta peza no universo de Lourenzo. Faino cun texto do gran mestre do teatro galego, incluido no seu volume Veladas indecentes (Premio Nacional de Literatura Dramática 1997), que ademais garda unha relación especial con Castiñeira: traballou como axudante de dirección do propio Lorenzo nesta mesma peza nos seus inicios profesionais. Agora, case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.

Após a súa estrea na Coruña o pasado 4 de setembro, A velada de Londres percorrerá diferentes escenarios da Coruña, Pontevedra e Lugo. Así, a primeira parada da xira será este sábado 3 en Muros. Á semana seguinte chegará ao Cine Alovi das Pontes e o venres 16 ao auditorio municipal de Vigo. Un mes despois, retomaranse as representacións: a sala Bahía de Foz (27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (12 de decembro) acollerán a última tríade de funcións deste tour.

Unha lectura sobre a moral vitoriana e o desexo

En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai trasformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.

A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo de Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical.

Mostra no vestíbulo antes da función

Como complemento á representación, o público que acuda ao teatro poderá visitar a exposición ‘Manuel Lourenzo. A pegada que continúa’, un percorrido pola vida profesional de Lourenzo que axudará a comprender ao público asistente a importancia da figura do dramaturgo, director, docente, editor e actor na construción do teatro galego. A mostra, presentada canda a estrea da montaxe no Teatro Rosalía Castro o pasado 4 de setembro, poderase ver en cada unha das representacións desta xira.

ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.

A VELADA DE LONDRES: A XIRA

Sábado 3 de outubro, Muros

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil (20:30 horas)

Venres 9 de outubro, As Pontes

Auditorio M. Cine Alovi (20:30 horas)

Venres 16 de outubro, Vigo

Auditorio Municipal (20:00 horas)

Venres 27 de novembro, Foz

Sala Bahía (20:30 horas)

Sábado 5 de decembro, Noia

Teatro Coliseo Noela (20:30 horas)

Sábado 12 de decembro, Cee

Casa da Cultura

A xira d’A Velada de Londres conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Rede Galega de Teatros (funcions en Muros, Vigo, Foz e Noia); e da Deputación da Coruña a través do programa Outono das Artes (As Pontes e Cee).