Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos e David Rubín estarán entre as firmas convidadas da Rúa da BD de Viñetas 2024

Un total 73 autoras e autores firmarán exemplares das súas obras do 12 ao 18 de agosto na Rúa da BD, que un ano máis regresa aos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña

Durante unha semana, 36 expositores especializados en banda deseñada achegarán as súas novidades editoriais ao Salón Internacional do Cómic da Coruña; serán 23 editoriais (entre elas, por primeira vez, unha de Portugal), 10 librarías, 2 asociacións profesionais —AGPI e Autobán— e as Bibliotecas Municipais da Coruña

A Rúa da BD propón, ademais, un completo programa de actividades para públicos de todas as idades, con 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e 2 espectáculos: a obra teatral de Pedras de Cartón Moby Dick e un concerto de Chuches Amil

Paralelamente, desde este venres, 2 de agosto, os profesionais poden realizar a súa inscrición nas actividades de Viñetas Pro, mentres que as inscricións para Viñetas Mini activaranse a partir deste luns, 5 de agosto, a través das Bibliotecas Municipais da Coruña

A cara comercial de Viñetas desde o Atlántico 2024, a xa clásica Rúa da BD, reunirá durante unha semana, do 12 ao 18 de agosto, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, as firmas máis destacadas do sector da banda deseñada a nivel galego, estatal e internacional. Deste xeito, figuras de renome como Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Miguel Fernández, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos e David Rubín, entre moitas outras, visitarán a cidade herculina para participar no Viñetas, coñecer aos seus seguidores e firmar exemplares das súas obras.

Nesta 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, a Rúa da BD mantén a súa esencia coa participación de editoras e librarías especializadas en banda deseñada procedentes de todo o territorio español. Entre as novidades, cómpre destacar que este ano se abre, tamén, unha porta a Portugal coa participación da editora Chili Com Carne, de Lisboa.

Viñetas desde o Atlántico quere dar un paso adiante cara á especialización da feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o estado español, cun total de 36 expositores: 23 editoriais (entre elas, por primeira vez, unha de Portugal), 10 librarías, 2 asociacións profesionais —AGPI e Autobán— e as Bibliotecas Municipais da Coruña.

No programa da Rúa da BD haberá firmas con cun total de 73 autoras e autores, ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e 2 espectáculos: Pedras de Cartón presentará a súa obra Moby Dick e Chuches Amil ofrecerá un concerto para toda a familia.

Na Rúa da BD destacarán, tamén, fitos como a celebración do 45º aniversario do nacemento de El Víbora, a emisión do Canal de YouTube Recuncho Gamer ou unha sesión de videoxogos e outra de demostración de xogos de cartas, todos eles abertos ao público. Artur Laperla, autor de Superpataca, impartirá un obradoiro infantil na Rúa da BD, que, como avanzabamos, contará, tamén, coa presenza de autores e autoras como Jordi Bayarri, Miguel Robledo, Fran Jaraba, David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Xulia Pisón, Víctor Pinel, Martín Romero, Alicia Jaraba etc.

Deste xeito, neste 2024, a Rúa da BD será un punto de encontro para toda a sociedade, non só como a cara comercial de Viñetas, senón como un espazo para xerar sinerxías e favorecer a relación entre autores e editores cun completo programa de actividades específicas. 

EDITORAS E LIBRARÍAS PRESENTES NOS EXPOSITORES DA RÚA DA BD EN 2024

Bibliotecas Municipais da Coruña, El Baúl de los Recuerdos, Norma Editorial, GP Ediciones, Komic Librería, Ediciones La Cúpula, Libraría Paz, Astiberri Ediciones, Demo Editorial, Alita Cómics, Penguin Random House, Garbuix Books, Chili Com Carne, cARTEm Cómics, A Gata Tola, Bang & Mamut Cómics, Autobán, Fiandón. Libros de vello, Anillo de Sirio, Dolmen Editorial, Nuevo Nueve, Fandogamia Editorial, Aleta Ediciones & Desfiladero Ediciones, Unrated Comics, Grafito Editorial, Metropolis Comics A Coruña, Spaceman Project, Cascaborra Ediciones, Astora Cómics, Eldritch Gate, Cósmica | Serendipia, Ponent Mon, Yermo Ediciones, Galgo Azul, Tengu Ediciones e AGPI.

AUTORES E AUTORAS QUE FIRMARÁN EXEMPLARES NA RÚA DA BD EN 2024

Abel Álvarez, Adrián Suárez Mouriño, Afra Torrado, Alba López Paredes, Alberto Carceller, Alex Martos, Alexandre Senande, Alicia Jaraba, Alicia Martín Santos, Álvaro Ortiz, Ana Moreiras, Anabel Colazo, Andrés Garrido, Artur Laperla, Bea Gregores, Bea Lema, Bernal Prieto, Bruno López (erre), César Verdúguez, Clara Patiño Bueno, David Braña, David Rubín, Delio Rodríguez Ces, Diego Ameixeiras, Diego Burdío, Doc Pastor, Elena Andrés, Emma Ríos, Fermin Muguruza, Fran Jaraba, Frankman Román, Genie Espinosa, Iria Aldegunde, Iván Gil, Iván Sarnago, Jordi Bayarri, Jorge Campos, José Ángel Ares, José Malvárez Carleos, Juanfer Briones, Kundo Krunch, Lola Garcerá, Lorena Varea, Lucas Varela, Lucía Cid, Manel Cráneo, Manuel L. Poy, Manuel Veiga, Marc Torices, Marcello Quintanilha, María Brenn, María Jiménez , Mariano Casas, Marina Sáez, Martín Romero, Miguel Fernández, Miguel Robledo, Pablo Prado, Paula Cheshire, Paula Esteban, Pedro F. Medina, Pío Barreiro, Primitivo Marcos, Rafael Jiménez, Susanna Martín, Tomás Guerrero, Víctor L. Pinel, Weronika Hańczyc, Xavier Queipo, Xavier Alcalá, Xulia Pisón, Xulia Vicente, Yeyei Gómez. 

Adxuntamos a esta NdP o programa completo, con días e horarios, das actividades e as sinaturas que terán lugar na Rúa da BD durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.

APERTURA DE INSCRICIÓNS PARA AS ACTIVIDADES DE VIÑETAS PRO E VIÑETAS MINI

Viñetas PRO é a sección de Viñetas 2024 orientada ao sector da banda deseñada, tanto a profesionais como estudantes. Así, durante toda a semana do festival desenvolveranse unha serie de actividades nas que o público ‘pro’ poderá participar activamente: visitas, obradoiros, relatorios, revisión de portafolios e encontros sectoriais; sempre con inscrición previa, do seguinte modo:

Actividades gratuítas con inscrición previa ata completar a capacidade de cada iniciativa, por orde de recepción das solicitudes. Só para profesionais ou estudantes de arte.

É posible consultar o programa completo de Viñetas Pro, coas actividades, datas e horarios, a través da páxina web do festival: https://vinetasdesdeoatlantico.com/.  

Viñetas Mini, a sección infantil de divulgación e entretemento de Viñetas 2024 reunirá no seu programa contacómics de ‘Pablísimo’, obradoiros de BD impartidos por Jorge Campos, Tonecho Otero e Irene Sanjuan e un concerto infantil a cargo de Chuches Amil. 

Ademais, o cinema familiar colarase en Viñetas Show para proxectar dous filmes de animación: Rebelión en la granja e Persépolis. En paralelo, os pequenos fans da BD contarán nos Xardíns de Méndez Núñez cunha zona de xogo de entrada libre de ‘Piratix ’e outra de ‘Superthings’, na que se repartirán miles de cómics que poderán asinar os seus heroes favoritos.

As inscricións dos contacómics e obradoiros, que se desenvolverán nas Bibliotecas Municipais da Coruña, abriranse 7 días antes da realización de cada actividade, a través de: 

https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/destacadas-2024/vinetas-2024.

Con calquera dúbida, é posible escribir ao correo electrónico: bibliotecas@coruna.gal

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

Como novidade, o programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.

Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves. Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.

2024.07.31.NP-Rua-da-BD-Vinetas-2024

O Festival Atlántica duplica a asistencia de público na súa duodécima edición con dez mil espectadores

O festival celebrou a súa cuarta edición de verán con máis de cen espectáculos repartidos por 25 concellos galegos e 5 freguesías portuguesas

O público encheu os espazos e duplicou o número habitual en moitas sedes

Os roteiros narrados esgotaron en poucos minutos as súas prazas e percorreron unha ducia de localidades

A madurez do público permitiu a elaboración dun programa máis complexo e diverso que en anteriores edicións

Ás artistas femininas derrubaron a barreira de xénero e completaron os seus aforos cada noite, amosando madurez e propostas singulares

A organización planea xa a edición do 2025 co desafío de manter a diversidade do público fiel e atraer novos espectadores
 

Logo de nove días de actividade, Atlántica vén de pechar a súa duodécima edición cun balance moi positivo. As cifras o confírmano como o encontro exclusivo de narración oral máis importante destas características na península ibérica: un total de 10.022 espectadores nas 102 funcións de 55 espectáculos diferentes que 51 artistas levaron a 25 concellos de toda Galicia e 5 freguesías da Serra do Xurés.

Desde a organización do Festival salientan a consolidación da colaboración con Portugal grazas á coordinación coa Asociación polo Rural Vivo en sete sedes. O espazo compartido cultural e histórico da Raia foi o escollido para esta nova e frutífera andaina. Tamén destacan o papel de Santiago de Compostela, sede principal, como a “capital cultural” máis rural, con actividades por parroquias e barrios da cidade. Outro aspecto favorable foron as boas condiciones meteorolóxicas que permitiron ao público, preto de 10.000 persoas, participar con ledicia de todas as actividades, acadando cifras importantes nun evento de espectáculos de moi pequeno formato.

Foi, ademais, unha edición marcada polo aumento da participación e pola madurez do seu público. Atlántica ten un público diverso en idade, xénero e intereses que acolleu con entusiasmo propostas dispares, dende o escura e desgarrada versión da literatura de Rulfo de Jaime Santos de La Chana Teatro, aos contos tradicionais portugueses acompañados da magnífica voz de soprano de Estefânia Surreira, pasando pola lírica poética de Su Garrido Pombo, a potencia dos contos de Paula Carballeira, a sensualidade dos relatos do xaponés Yoshi Hioki e a mestría de Cadaval, Pazó, Celso F. Sanmartín e Don Guti. E como alicerce, as voces consolidadas do país: Vero Rilo, Cris de Caldas, Atenea García, María da Pontragha ou Dani Blanco, entre outras.

Cómpre tamén salientar que o público rompeu a barreira de xénero en canto a propostas de artistas femininas para adultos. Elas cantaron, bailaron, contaron e a platea, logo de anos de programar de xeito igualitario, respondeu enchendo os espazos.

A coordinación cos diferentes campamentos de verán encheu ás programacións para público infantil e familiar que contou con obras como a sorprendente Blancanieves, premio Max 2023 ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil e familiar, ás historias ecoloxistas de Inma Soto e Anxo Moure, o novo espectáculo de Pablísimo e as incorporacións de Inacio Vilariño e Alba Bermúdez á nómina de artistas habituais de Atlántica miúdo encabezada por Raquel Queizás. Todo isto supuxo unha aposta forte polo público miúdo que permitiu á rapazada gozar en espazos verdes de propostas de calidade.

Alén diso, o festival aproveitou para consolidar a idea dos espazos patrimoniais como escenarios axeitados para a narración oral. Atlántica estivo dende a Serra do Xurés ata a Mariña Lucense, dende ás rías aos montes, poñendo en valor espazos de gran valor patrimonial, tanto cultural como natural, e defendendo a súa filosofía de descentralizar a cultura, levando espectáculos de nivel a cidades, vilas e aldeas sen distinción. A Torre dos Andrade en Vilalba, o claustro de San Domingo en Betanzos, o Pazo do Couto na Pobra, o Malecón de Caldas, o Pozo do Conxeiro en Dodro e a Escola de Nenas de Teo sumáronse aos xa clásicos espazos do Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos, o Lavadoiro de Penisqueira de Ribeira, o Castelo de Castrodouro en Alfoz, a Colexiata de Sar, o CSC Maruxa Coralia, o Museo do Pobo Galego, etc.

Este ano as igrexas románicas foron a gran incorporación aos roteiros narrados e, grazas á colaboración das dioceses de Lugo e Compostela, o público celebrou os 800 anos de Vilar de Donas e descifrou a narrativa da Igrexa de Figueiras. Tamén houbo andainas para coñecer as historias das mulleres de Ferrol, a evolución do casco urbano de Ourense, ás características do Couto Mixto e os castros e petróglifos composteláns.

A boa acollida do público e a rede de colaboración tecida dende hai anos con asociacións, colectivos, fundacións, bibliotecas, concellos, etc. permitiu que Atlántica estivera por todo o país cunha organización impecable. Precisamente, o Festival ve nesta vía participativa o camiño a seguir no futuro: unha Atlántica fortalecida polo tecido asociativo e as institucións.

A organización de Atlántica xa está a traballar no encontro de 2025, a edición 12+1, coa responsabilidade de amosar unha programación de alto nivel artístico que compaxine o arraigo no territorio coa proxección internacional sen os seu carácter igualitario e integradora.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

O XII Festival Atlántica foi posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20240730-NP-Balance-Festival-Atlantica

Luis Yang gaña o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio -que recaeu na obra de Luis Yang ‘Sunny 16’- consta dunha dotación económica de 1.250 €

O xurado especializado do certame, integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, decidiu outorgarlle un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra ‘Mi nick era #humeda’

Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines ‘Macheta 7’, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; ‘Así somos’, de Raquel Montero; e ‘sólo una vez más’, de Aisha Rey

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas, que o público poderá ver  e ler na Expofanzines que acollerá Viñetas desde o Atlántico 2024 no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro

A escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion galega Laura Pazos deseñou o trofeo do premio, que a artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) se encargou de pintar para que cada ano o galardón sexa unha peza única



O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, xa ten gañador. Luis Yang alzouse co galardón grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame, integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, decidiu outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra ‘Mi nick era #humeda’.

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público poderá ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acollerá o festival Viñetas desde o Atlántico 2024 no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro.

O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego consta dunha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo realizado pola escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos. A creadora deseñou unha colección de catro esculturas destinadas a ser pintadas cada ano por un artista diferente como parte da recompensa á persoa gañadora do certame. Nesta primeira edición, Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) foi a encargada de pintar o trofeo para que sexa unha peza única.

O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 é un novo certame pioneiro no sector da autoedición, que nace co desexo de recoñecer o mérito dos creadores independentes do país. Está dirixido todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres.

ACTA DO XURADO DO I PREMIO AUTOBÁN AO MELLOR FANZINE GALEGO

Unha vez estudadas e analizadas todas as propostas admitidas, o xurado por unanimidade acorda outorgar os seguintes premios aos seguintes proxectos:

• I PREMIO AUTOBÁN: Sunny 16, de Luis Yang.

O xurado outorga o I Premio Autobán a Sunny 16, de Luis Yang, polo xeito no que reflexiona sobre como a fotografía constrúe á vez que obstrúe o recordo. Trátase dun fanzine coidado tanto pola proposta estética como polo acabado e a edición. O xurado destaca que o seu elemento diferencial é a forma na que conviven a fotografía e o debuxo e o poder evocador que resulta desta interacción. Tamén se tivo en conta a traxectoria vinculada ao fanzine e á autoedición do autor, que leva anos traballando este tipo de formatos, nos que se mestura fotografía e debuxo.

• Accésit con diploma: Mi nick era #humeda, de Gemma Pérez.

O xurado sinala que “Mi nick era #humeda” de Gemma Pérez é precisamente o que se nos ven á cabeza cando pensamos na palabra “fanzine”. Destaca polo seu uso do deseño gráfico, a súa edición coidada, a narrativa e o compromiso social abordado desde a vivencia persoal e o sentido do humor. “É o inicio á sexualidade dunha nena que logo se transforma”.

• Mencións:

Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo, pola súa homenaxe ao punk.

Así somos, de Raquel Montero, polo seu aspecto táctil.

sólo una vez más, de Aisha Rey, polo seu emprego sensible da sinestesia.

Todas as publicacións presentadas ao certame formarán parte de:

• A exposición ExpoFanzines do Viñetas desde o Atlántico do ano 2024.

• A sección de fanzines da Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.

EXPOFANZINES NO VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2024

O público poderá ter acceso ás máis de 50 publicacións participantes no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023 2024 tanto a través da exposición que organiza o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024, como no fondo permanente que se poderá consultar na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña. 

En palabras da Asociación Autobán, “esta mostra, e o palmarés en particular, ofrecen unha precisa radiografía dun movemento vizoso e inclasificable, sorprendentemente ecléctico e militante, que trata todo tipo de temáticas adultas con multitude de técnicas e enfoques. Botando un ollo a estas páxinas, evidénciase unha certeza: estas artistas chegarán lonxe, hai canteira en Galicia (e en galego). Esperamos con ilusión que o Premio Autobán se manteña e que, edición a edición, a colección de fanzines da Coruña non deixe de crecer e de documentar os cambios e transformacións dun medio orgullosamente mutante, desbordante de imaxinación e con potencial para seguir explorando”.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas. 

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración. 

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal/premio24

Fallo_PremioAutoban2024

2024.07.30.-NP-Fallo-I-Premio-Autoban

As bandas do Festival Sinsal SON Estrella Galicia descobren o patrimonio marítimo das Rías Baixas

Aunty Rayzor, Afrorack, Haya Zaatry, Kabeaushé e Lapilli percorreron esta mañá a enseada de San Simón para coñecer, de perto, as bateas e o sector do mexillón

Se no Festival Sinsal SON Estrella Galicia é o publico quen se sorprende ao coñecer o cartel; as bandas e solistas que participan no evento -a meirande parte delas é a primeira vez que visitan Galicia- son quen descubren abraiadas, ao chegar a Redondela, a espectacular contorna natural na que se atopa a illa de San Simón.

Na mañá deste luns, cinco das bandas e solistas que conviviron co público esta fin de semana no arquipélago conformado por San Simón e Santo Antón tiveron a ocasión de coñecer, de perto, o patrimonio natural da Ría de Vigo. A manchega Lapilli, as nixerianas Aunty Rayzor, o ugandés Afrorack, a palestina Haya Zaatry e o keniata Kabeaushé, ao bordo dunha embarcación histórica e acompañadas de guías, descubriron a diversidade mariña da zona e achegáronse ás bateas para descubrir a labor do sector do mexillón nas Rías Baixas.

A visita, celebrada coa colaboración de Estrella Galicia e encadrada como parte das actividades de promoción e difusión cara ao exterior do territorio que Sinsal realiza no marco dos Rías Baixas Fest (a campaña promovida pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas), rematou cunha pequena degustación e, incluso, con actuacións improvisadas das artistas Aunty Rayzor e Lapili fronte á enseada de San Simón. 

20240729-NP-GAL-Visita-patrimonio-mari__timo