O Atlantic Pride confirma novos nomes neste 2024: Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe actuarán este verán na Coruña

Tres grandes divas da escena musical actual súmanse á quinta edición do festival coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará do 7 ao 14 de xullo

Unha das actuacións máis esperadas do Atlantic Pride 2024 será a da drag Supremme de Luxe para abrir o festival, o domingo 7 de xullo, na Fundación Luis Seoane 

Chanel presentará en directo, o sábado 13 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, os temas do seu primeiro disco ¡Agua!, que viu a luz o pasado mes de xaneiro, mentres que a explosión electrónica de Luna Ki poderase gozar o venres 12 de xullo no mesmo escenario, onde presentará o seu último EP Generación de cristal

No Atlantic Pride 2024 participarán, tamén, as figuras eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, ademais de grandes nomes da escena emerxente galega como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo 

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Globalgrafic

Tres grandes divas da escena musical actual veñen de confirmar a súa presencia na quinta edición do Atlantic Pride. Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe súmanse ao cartel do festival coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, que encherá de música e cor a cidade da Coruña do 7 ao 14 de xullo de 2024. A cita anuncia así tres novos nomes, que viaxarán do pop á música disco, da electrónica á bachata, do eurodance ao trap-pop, entre moitos outros sons, a ritmo dos temas máis explosivos e marchosos, para non defraudar aos seus fans.

O Atlantic Pride 2024 acollerá a presentación en directo do primeiro traballo discográfico de Chanel Terrero, ¡Agua!,que viu a luz o pasado mes de xaneiro. Na cita non faltará o seu temazo SloMo, que acadou o flamante terceiro posto no Festival de Eurovisión 2022 celebrado en Turín, ou Clavaíto, a sonada colaboración da artista xunto a Abraham Mateo estreada en 2023Chanel actuará no Atlantic Pride da Coruña a velada do sábado 13 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez.

Pola súa banda, Luna Ki chegará á Coruña para reinterpretar as bases do pop a través da fusión de sons como o new wave, o eurodance, o afrobeat ou o trap-pop, coa presentación no Atlantic Pride do seu novo EP Generación de cristal. O traballo é un retrato irónico e emocional da Xeración Z, no que Luna Ki reivindica a fraxilidade como fortaleza e a hipersensibilidade como arma para expresar sentimentos reprimidos. A noite do venres 12 de xullo, tamén no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez, a artista abordará, entre outros, temas tan comúns da Xeración Z como o poliamor, os impulsos autodestructivos, a construción do ego, o sexo…

Mentres, unha das encargadas de dar o pistoletazo da saída desta quinta edición do Atlantic Pride o domingo 7 de xullo será nada máis e nada menos que Supremme de Luxe. A celebrada drag, presentadora de Drag Race España e de Drag Race España: All Stars, encherá de descaro e diversión a Fundación Luis Seoane durante a xornada de inauguración do festival. 

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Globalgrafic. No seu cartel, ademais destas tres grandes divas recién anunciadas, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, ademais de figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Moi pronto, o Atlantic Pride dará a coñecer o seu cartel completo con últimas confirmacións no seu programa previsto para este 2024. 

O ORGULLO DO NORTE

A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular, que moi pronto desvelará novos nomes e actividades. O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito días. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Globalgrafic. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.

20240319-NP-Chanel-Atlantic-Pride

The Rapants presenta ‘La máquina del buen rollo’ na Capitol con todas as entradas esgotadas

The Rapants presenta La máquina del buen rollo na Sala Capitol con todas as entradas esgotadas para as noites do 23 e 24 de marzo

A banda muradá promete enerxía e diversión nos directos composteláns, cuxas entradas se esgotaron aos poucos minutos de saír á venda

A banda muradá The Rapants prepárase para estrear, ao vivo, o seu novo disco. A sala Capitol transformarase esta fin de semana nunha auténtica pista de baile para celebrar a posta en marcha de La máquina del buen rollo, o terceiro LP do grupo, un traballo publicado este xoves 14 e que convida, desde o primeiro e até o noveno tema, a bailar sen pausa.

La máquina del buen rollo, cuxos nove temas xa suman máis de 250.000 escoitas nas distintas plataformas dixitais, é un retrato fiel de The Rapants, un proxecto musical ateigado de diversión, talento e que conta cunha gran conexión co público nos directos. Neste sentido, non é baladí que o cartel de “entradas esgotadas” pendurara aos poucos minutos de saír á venda (as do sábado 23 en menos de 15 minutos, as do domingo 24 en pouco máis dunha hora, establecendo un novo récord para unha banda galega na Capitol), ou que repetiran visita hai unhas semanas a Bruxelas para actuar no EmigraSON: os ‘rapantes’ foron a sensación dos festivais que visitaron o pasado verán. 

A primeira das festas de presentación de La máquina del buen rollo comezará ás 21.00 horas do sábado 23. The Rapants revisará os temas no seu novo LP, que transita entre o rock, o country ou o rap, e no que se inlcúen os singles Blaster W4u e Rue Franklin. Ao día seguinte, o domingo 24 de marzo, a banda subirase ao escenario da sala compostelá a partir das 20.00 horas. Nas duas citas o público poderá adquirir tanto os discos en formato físico como outros elementos do merchandising rapante.

A xira de presentación de La máquina del buen rollo continuará este mesmo mes de marzo. Tras ofrecer un concerto sorpresa (venres 29), The Rapants levará o seu directo o sábado 30 a Carnota, no marco da cita Víndemo ver. Á semana seguinte, a banda visitará a Sala Tizón de Xixón (venres 5) e a Festa do Queixo de San Simón de Vilalba (domingo 6). De cara á última fin de semana do mes, os rapantes actuarán no certame Último acorde x Johnnie Walker, que se celebrará o 26 de abril en La Sala do Wizink Center de Madrid.

En maio The Rapants iniciará a xira por festivais. As primeiras citas nas que xa se coñece a participación da banda son Ourensound, Portamérica, Surfing The Lérez, SonRías Baixas ou Osa do Mar, mais non serán os únicos escenarios nos que Matías, Samu, Xanma e Xaquín actúen este verán. Para coñecer todas as datas e mercar as entradas, pódese visitar www.therapants.es 

XIRA LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO

23 e 24 de marzo – Santiago de Compostela. Sala Capitol.
29 de marzo – Concerto sorpresa.
30 de marzo – Carnota. Víndemo ver.
5 de abril – Xixón. Sala Tizón.
6 de abril. Vilalba. Festa do Queixo San Simón.
26 de abril – Madrid. La Sala – Wizink Center. Último acorde x Johnnie Walker.
24 de maio – Ourense. Festival Ouresound. 

15 de xuño – Pontevedra. Surfing The Lérez.
5 de xullo – Azucreira (Pontevedra). Portamérica.
1 ao 3 de agosto – Bueu. SonRías Baixas.
6 ao 8 de agosto – Burela. Osa do Mar.

THE RAPANTS

The Rapants é talento, actitude e diversión. Nada en Muros no 2018, a banda surfea entre o pop, o garage e o disco cun directo “sen pausa”, coa intención de facer bailar ao público. 2023 foi o ano de eclosión de The Rapants. Un total de 38 concertos polas principais salas e festivais do noroeste peninsular demostraron, sen dúbida, que é unha das formacións máis destacadas do panorama musical do momento e que a súa conexión co público é imparable. Logo de publicar os LP Cariña de Raposo (2019) e O corasón como un after (2023), The Rapants presenta La máquina del buen rollo, un disco ao servizo do baile, da diversión e, como o seu nome indica, do bo rollo.

20240319-NP-The-Rapants-presenta-LMDBR-na-Capitol-