The Rapants presenta La máquina del buen rollo na Sala Capitol con todas as entradas esgotadas para as noites do 23 e 24 de marzo

A banda muradá promete enerxía e diversión nos directos composteláns, cuxas entradas se esgotaron aos poucos minutos de saír á venda

A banda muradá The Rapants prepárase para estrear, ao vivo, o seu novo disco. A sala Capitol transformarase esta fin de semana nunha auténtica pista de baile para celebrar a posta en marcha de La máquina del buen rollo, o terceiro LP do grupo, un traballo publicado este xoves 14 e que convida, desde o primeiro e até o noveno tema, a bailar sen pausa.

La máquina del buen rollo, cuxos nove temas xa suman máis de 250.000 escoitas nas distintas plataformas dixitais, é un retrato fiel de The Rapants, un proxecto musical ateigado de diversión, talento e que conta cunha gran conexión co público nos directos. Neste sentido, non é baladí que o cartel de “entradas esgotadas” pendurara aos poucos minutos de saír á venda (as do sábado 23 en menos de 15 minutos, as do domingo 24 en pouco máis dunha hora, establecendo un novo récord para unha banda galega na Capitol), ou que repetiran visita hai unhas semanas a Bruxelas para actuar no EmigraSON: os ‘rapantes’ foron a sensación dos festivais que visitaron o pasado verán. 

A primeira das festas de presentación de La máquina del buen rollo comezará ás 21.00 horas do sábado 23. The Rapants revisará os temas no seu novo LP, que transita entre o rock, o country ou o rap, e no que se inlcúen os singles Blaster W4u e Rue Franklin. Ao día seguinte, o domingo 24 de marzo, a banda subirase ao escenario da sala compostelá a partir das 20.00 horas. Nas duas citas o público poderá adquirir tanto os discos en formato físico como outros elementos do merchandising rapante.

A xira de presentación de La máquina del buen rollo continuará este mesmo mes de marzo. Tras ofrecer un concerto sorpresa (venres 29), The Rapants levará o seu directo o sábado 30 a Carnota, no marco da cita Víndemo ver. Á semana seguinte, a banda visitará a Sala Tizón de Xixón (venres 5) e a Festa do Queixo de San Simón de Vilalba (domingo 6). De cara á última fin de semana do mes, os rapantes actuarán no certame Último acorde x Johnnie Walker, que se celebrará o 26 de abril en La Sala do Wizink Center de Madrid.

En maio The Rapants iniciará a xira por festivais. As primeiras citas nas que xa se coñece a participación da banda son Ourensound, Portamérica, Surfing The Lérez, SonRías Baixas ou Osa do Mar, mais non serán os únicos escenarios nos que Matías, Samu, Xanma e Xaquín actúen este verán. Para coñecer todas as datas e mercar as entradas, pódese visitar www.therapants.es 

XIRA LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO

23 e 24 de marzo – Santiago de Compostela. Sala Capitol.
29 de marzo – Concerto sorpresa.
30 de marzo – Carnota. Víndemo ver.
5 de abril – Xixón. Sala Tizón.
6 de abril. Vilalba. Festa do Queixo San Simón.
26 de abril – Madrid. La Sala – Wizink Center. Último acorde x Johnnie Walker.
24 de maio – Ourense. Festival Ouresound. 

15 de xuño – Pontevedra. Surfing The Lérez.
5 de xullo – Azucreira (Pontevedra). Portamérica.
1 ao 3 de agosto – Bueu. SonRías Baixas.
6 ao 8 de agosto – Burela. Osa do Mar.

THE RAPANTS

The Rapants é talento, actitude e diversión. Nada en Muros no 2018, a banda surfea entre o pop, o garage e o disco cun directo “sen pausa”, coa intención de facer bailar ao público. 2023 foi o ano de eclosión de The Rapants. Un total de 38 concertos polas principais salas e festivais do noroeste peninsular demostraron, sen dúbida, que é unha das formacións máis destacadas do panorama musical do momento e que a súa conexión co público é imparable. Logo de publicar os LP Cariña de Raposo (2019) e O corasón como un after (2023), The Rapants presenta La máquina del buen rollo, un disco ao servizo do baile, da diversión e, como o seu nome indica, do bo rollo.

20240319-NP-The-Rapants-presenta-LMDBR-na-Capitol-